A SCD Ponte Caldelas, Máis de medio século levando a paixón de Caldelas polo mundo

A SCD Ponte Caldelas é máis que un equipo de fútbol, é unha entidade que fai unha importante labor social posibilitando que centos de nenos e de nenas, miles ao longo dos seus máis de 50 anos de historia, poidan practicar este deporte. Actualmente máis de 200 mozos e mozas forman parte da SCD, un conxunto que mantén un equipo sénior feminino e outro masculino que compiten con dignidade e orgullo, en segunda autonómica elas e en primeira eles. O seu presidente é Pedro, un home de 54 anos de idade que está próximo a cumprir 15 como máximo responsable do equipo. A SCD non o tivo nada fácil nos últimos tempos, pois tivo que lidar con problemas moi serios, como non poder dispor do seu propio campo de fútbol a causa dunha riada ou a terrible morte de Totti, o seu porteiro, ao que o presidente quere lembrar con cariño aproveitando as nosas páxinas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Pedro Rodríguez Souto, presidente.

O fútbol é a miña paixón, e o noso equipo está no máis profundo do meu corazón”

Canto tempo levas como presidente?

Levo 14 anos.

Xa é bastante tempo. Aínda che quedan ánimos para seguir?

Xa son anos, si. Pero o fútbol é a miña paixón e a SCD está no máis profundo do meu corazón. A min gústame moito o que fago. Mentres teña saúde e non me falte a paixón, eu penso continuar.

Cantos equipos ten o club?

Temos 9 equipos, un deles é feminino.

E fichas cantas tendes?

Máis de 200.

De onde son eses máis de 200 mozos e mozas que practican o fútbol con vós?

Unha inmensa maioría son da propia Ponte Caldelas. Tamén hai das localidades veciñas como Fornelos ou incluso da mesma Pontevedra

Cal é o voso uniforme?

Verde e branco. Hai unha anécdota moi bonita ao respecto do noso uniforme.

Cal é?

Un dos fundadores do noso equipo, Manuel de Soledad, fixo o servizo militar en Ferrol. Asistiu a varios partidos do Racing e gustoulle moito o seu uniforme, de tal modo que cando volveu ao pobo e participou na creación da SCD propúxoo como o noso uniforme. Nós coñecemos hai pouco tempo esta circunstancia, fixémola pública nas nosas redes, e cando o Racing coñeceu a historia puxéronse en contacto con nós, pois seica quedaron moi satisfeitos.

O ano pasado cumpristes o primeiro medio século de vida, verdade?

Pois si, o equipo fundouse en 1974.Fixemos varios actos para conmemorar unha data tan importante para nós, pero por desgraza os eventos quedaron un tanto cativos porque nos cadrou cando o río nos levou o campo e non foi posible facer algo de maior dimensión.

Onde xogades os vosos partidos?

No campo de Chan da Barcia.

Os estragos da riada xa están completamente arranxados?

Si, o que fixera a auga foi levantar o céspede e si, xa está ben.

A onde fostes xogar cando o campo estaba inutilizable?

Estivemos case un ano enteiro xogando na Lama, tamén xogamos algún partido en Marcón.

O do campo pode volver pasar?

Eu creo que se fixo o necesario para que non volva pasar. Pero nunca se sabe, os fenómenos climatolóxicos son ás veces imprevisibles.

Como levades a parte económica da xestión do equipo?

Recibimos unha importante subvención do Concello. Logo temos tamén diversos patrocinadores publicitarios aos que quixera darlle as grazas desde as vosas páxinas, e estás as cotas dos socios e dos xogadores.

E non tedes cantina?

Hai cantina, si. Pero non a explotamos nós. Faino a persoa que coida o campo.

Como están as instalacións de Chan da Barcia?

Están moi ben. Se cadra hai algunha cousiña pequena que habería que amañar, pero en liñas xerais está todo moi ben.

Como se porta o goberno municipal con vós?

Portase moi ben. Tanto este alcalde como o anterior sempre se portaron moi ben con nós.

En que división compiten os equipos sénior masculino e feminino?

O masculino en primeira autonómica e o feminino en segunda.

Como vamos na liga ?

As mulleres moi ben, na parte alta da táboa. Os homes comezaron mal pero agora estamos en plena reacción e xa andamos cerca da metade da clasificación, levamos 8 puntos de marxe co descenso cando hai pouco estabamos aí metidos.

Cales son os obxectivos deportivos esta temporada, tanto para as mulleres como para os homes?

En ambos casos consolidarnos. Agardo que as mozas poidan consolidarse en segunda e que os rapaces poidan facelo en primeira. Hai poucos anos viviramos un histórico ascenso a primeira autonómica. E na primeira temporada nesa categoría chegamos a disputar a fase de ascenso a preferente, un éxito incuestionable. Pero na seguinte tempada, co mesmo equipo, descendemos. Desta volta agardo que sexamos capaces de consolidarnos.

Por que tenta diferencia en ten pouco tempo: a primeira temporada xogamos a fase de ascenso a preferente e a segunda baixamos?

Foi o ano no que non tivemos o campo. Estivemos xogando na Lama e esa circunstancia afectounos moito na parte deportiva. Por outra parte tamén acontecera a desgraza terrible da morte de Totti, un xogador noso, e outras incidencias diversas que tamén influíron negativamente.

Ides facer algún tipo de acto para lembrar a memoria de Totti?

Si, un torneo de alevíns que levará o seu nome.

Tendo en conta a realidade económica e demográfica de Ponte Caldelas, cal cres ti que serían as categorías naturais nas que os equipos sénior feminino e masculino se deberan de consolidar?

O equipo feminino debera de consolidarse na categoría que está agora e o masculino exactamente igual.

Soñar con ascender á preferente é imposible?

Non, imposible non é. Pero si que é difícil, sobre todo polo salto económico que suporía. Desde logo se algún día estamos en situación de ascender non imos dicir que non.

Cales son os partidos de máxima rivalidade para vós?

Os que xogamos contra A Lama. Malia que eles este ano eles están en segunda, pero cando temos coincidido sempre foron partidos de bastante tensión.

Cal é a asistencia media de espectadores aos vosos partidos?

Temos moita asistencia. Podemos meter entre 300 e 500 persoas, dependendo de quen xogue. Incluso cando imos fóra ven moita xente. Ás veces somos máis nós que a afección local.

Como é a vosa afección?

É moi apaixonada.

Rematamos Pedro. Como valoras a vinculación da sociedade de Ponte Caldelas co seu equipo de fútbol?

Valóroa de maneira magnífica.