Hai uns poucos anos os camiños da vida leváronme a parar de pura casualidade nun bar de Bora mentres regresaba de facer unha entrevista a un excelso historiador que vive no concello de Cerdedo. Ali, en Bora, coñecín a Dani que daquela levaba o bar “Novo Bora”.
Dani é deses rapaces aos que rápido se lle colle cariño; tanto pola súa profesionalidade e rigor á hora de levar un negocio de hostalaría, como polo seu trato amable, cordial e a súa sensibilidade cara ás circunstancias dos outros. El leva agora o restaurante “ Casa Lola 1968” o local histórico da súa familia, que fundaran nese ano os seus avós e que se mantivo funcionando de maneira ininterrompida ata o 2019, ano no que foron expropiados por mor da ampliación do hospital de Montecelo.
Hoxe nun local moi preto de onde estaba o orixinal, Dani puido reabrir o Casa Lola, que é o sitio no que se quere xubilar en homenaxe aos que estiveron antes ca el e para deixarlle un futuro próspero a Paula, a súa filla.
Daniel Domínguez Gallego.
“ Casa Lola é o negocio da miña vida. Aquí quero envellecer con Ana, a miña parella, e con Paula, a miña filla”
Ti es moi novo pero seica tes unha dilatada experiencia no mundo da hostalaría?
Ben, teño 35 anos de idade e pódese dicir que teño 35 de experiencia neste sector. A miña familia dime o camiño da miña vida non se pode separar dunha cociña porque eu nacín nunha cociña.
Teñen razón?
Si, absolutamente si.
Recórdanos brevemente historia do negocio?
Foi fundado no ano 1968 polos meus avós, de feito leva o nome da miña avoa. O local orixinal estaba moi cerca de onde o temos agora. O meu avó era panadeiro e a miña avoa era peixeira. Estiveron abertos ininterrompidamente ata o ano 2019.
Caramba, 50 anos. Xa debía de funcionar moi ben?
Non é por nada pero si. A cociña era tradicional e de moi boa calidade. E sobre todo o segredo do seu éxito estaba, creo eu, no cariño e respecto que había na relación cos clientes. Moitos deles, máis que clientes eran amigos e case podería dicir que eran como a nosa familia, cada vez que viñan á nosa casa tratabamos de que sentiran que estaban na súa.
Por que pechastes no ano 19?
Expropiáronnos pola ampliación de Montecelo. Para nós foi un golpe moi duro. Non foi tanto pola cuestión económica como polo aspecto emocional. Foi un trauma para toda a miña familia. Podo dicirche que aínda hoxe, seis anos despois, o meu pai non pode pasar por onde estaba o local.
O ano da expropiación quen levaba o local?
Naquel momento xa o levaba eu.
No momento da expropiación que fixeches?
Collín dous negocios, primeiro un pequeno local en Pontevedra no que faciamos concertos, todo tipo de actividades culturais e tiñamos cociña de autor .Logo collín outro negocio en Bora, no que estiven un ano e medio, pero sentía que me faltaba algo.
Querías volver, verdade?
Si, si sen ningún tipo de matiz. Eu son un home moi afectivo e moi pegado ás miñas raíces. Sempre tiven moi claro que no momento que puidera volver a Montecelo, eu iría a Montecelo.
Cando volviches?
En xuño do 2024
Como valoras o primeiro ano do retorno?
É difícil describir con palabras a emoción que supuxo para min volver conectar co meu lugar no mundo. Casa Lola en Montecelo é a miña casa. Aquí nacín eu, aquí pasei a miña infancia e a miña mocidade e aquí quero envellecer con Ana, a miña parella, e con Paula a miña filla. Iso non quita que estea sendo fácil. Foi un ano duro de moito traballo e de dificultades varias, pero eu xa teño moita experiencia e sei o que é este sector.
Que horario temos?
De momento só descansamos a tarde dos luns. O noso horario é: de 8:00 a 0:00 de luns a venres, e de 11:00 ata peche os sábados e os domingos.
Que servizos damos?
Temos unha zona de cafetería e outra de restaurante. Damos almorzos, servizo de cafetería, bocadillos, tapas, comidas e ceas. Temos menú do día e tamén temos carta. A nosa idea é combinar a cociña de calidade, feita con amor, pódoche dicir que eu adoro innovar na cociña, cun prezo moi razoable.
Como é o menú?
Temos para elixir tres opcións de primeiro e tres de segundo. Mesturamos as opcións clásicas, coa innovación e a creatividade. O prezo do menú son 12,50€ que penso é moi razoable.
Observo que hoxe tes nas opcións de primeiro prato Vieiras, o que me deixa moi sorprendido
Xa che dixen que procuro dar comida de calidade a prezo razoable. As vieiras métoas no menú un día á semana, si.
Que perfil de clientes temos?
De todo tipo, tanto no que respecta á idade como no que se refire ao estrato social. A nós visítanos moita xente que ten familiares ingresados no hospital. De feito moitos coñécennos así, e logo fanse clientes habituais, algo que nos enche de orgullo.
Comidas por encargo facedes?
Si, desde logo que si. Xa temos feito moitas. Facemos comidas, ceas e calquera celebración que desexen os clientes. Temos dous salóns e podemos meter arredor de 50 comensais en cada un deles.
Este é o negocio da túa vida Dani?
Indiscutiblemente si. De feito encantaríame que Paula seguise coa tradición familiar. Iso si, de maneira máis intelixente
A que te refires?
A que traballe menos do que traballamos Ana e eu.
Ha, ha, ha. Un pracer falar contigo, Dani. Moitas grazas e moita sorte.
Grazas a ti.
