Casa Inés en Cotobade cumpre 105 anos

Mesón Casa Inés

A Galicia interior está ateigada de lugares con encanto nos que mergullarse ata perderse nas brétemas do esquecemento das angustias e problemas cotiás. En todos eles podemos gozar de paisaxes máxicas, doces ríos eternos, cálidas praias infinitas, robustas fragas milenarias…e en cada un deles poderemos desfrutar de moitos locais de grande calidade nos que coñecer a gastronomía de Galicia, o noso país. En Cotobade, a carón do Concello, está Casa Inés, un lugar que paga a pena coñecer, acaba de cumprir os primeiros 105 anos de vida, e que aconsellamos parar a probar os seus exquisitos cocidos. Nós falamos con Inés, a súa propietaria.

Inés Cuiñas, propietaria.

As nosas especialidades máis importantes son os cocidos e o xabaril”

Casa Inés xa pasa dos cen anos de vida?

Si, fundouno a miña avoa Andrea en 1918. Xa temos 105 anos de vida.

Chamándose Andrea a túa avoa, por que lle puxo casa a Inés de ao negocio?

Non. Nun principio a miña avoa empezou como “Casa Andrea”, logo foi “Casa Pepe do Chan” polo meu avó, o seu marido, e cando a miña nai quedou a cargo da casa pasou a chamarse “Casa Inés”.

Entón, esta é a terceira xeración. De onde era a túa avoa?

De aquí, de Pazos de Carballedo.

Casa Inés sempre foi restaurante?

Antigamente vendíase de todo menos roupa. Era un sitio de comida, tenda de comestibles e ferraxería. O noso foi moitos anos o típico negocio que se podía encontrar en tantos sitios do rural galego no que un acudía a aprovisionarse de calquera cousa que lle fixera falta.

Cando pasou a ser só restaurante?

A principios dos anos 90, máis ou menos.

Cando te fixeches cargo ti do restaurante?

Hai uns 23 anos.

Cales son os servizos que ofrecedes aquí?

É un restaurante tradicional de comida caseira.

E que funcionades con Carta e menú?

Funcionamos con menú.

Canto custa o menú?

O menú obreiro 11€. E as fins de semana un pouco máis.

Cales son as túas especialidades?

Os nosos pratos estrela son o cocido e o xabaril.

Iso máis ben é comida de inverno, e para verán?

Año, cabrito, salpicón, ensalada rusa…

Estás ti soa aquí traballando?

Desde a pandemia estou soa, antes tiña outra persoa.

Non estás cansada de estar ti aquí soa todos os días do ano?

Non, lévoo ben. O traballo forte está ao mediodía, eu non fago almorzos e abro para as 9:30.

E a que hora pechas?

Depende de se teño ceas ou non.

Para vir aquí hai que reservar?

É mellor facelo con reserva, si.

Ata cantas persoas poden vir comer?

Sobre unhas 40 persoas.

Ti tes catro fillos Inés. Que vai pasar cando chegue a túa xubilación?

Teño catro, tres homes e unha muller. Un axúdame aquí as fins de semana. Ningún dos 4 quere quedar co negocio. Polo tanto ou alugarémolo, se hai alguén que teña interese, ou despois de máis dun século de vida teremos que lle pór o punto e final.