A Unión Europea quere elevar o consumo de enerxía “renovábel” do 22% actual ao 42,5% en 2030 e espera un incremento dos investimentos en “fontes de xeración limpa” para darlle pulo á transición a unha economía descarbonizada.
Esta información traducida ao galego normativo ven a dicirnos que debemos adaptarnos a ver os nosos montes e a nosa costa chea de muíños. A UE está ao servizo do gran capital especulador e non ten remorsos en estragar o noso medio ambiente para obter enerxía “verde” a baixo prezo.
En Galiza xa levamos anos padecendo este proceso de “descarbonización” e o resultado non pode ser máis negativo. Con todo, nos últimos tempos estáselle dando un pulo sen precedentes á produción eólica con consecuencias catastróficas.
Os milagres de Amil
O 15 de xuño a asociación Amil Sen Eólicos denunciou o inicio de voaduras no Monte Acibal sen a revisión de Patrimonio e Augas de Galicia. Subiron ao monte coa intención de paralizar esta desfeita, mais a Garda Civil requiriulles que abandonasen a zona ao contar a empresa con permisos para a actuación.
Os permisos e a legalidade van permitir que unha empresa instale un parque eólico estragando o monte e o patrimonio arqueolóxico. A legalidade está por riba dos dereitos dos veciños e veciñas, está por riba da conservación do noso patrimonio; a legalidade permite que grandes empresas e fondos de investimento se fagan coa nosa terra para especular co vento.
Terra de Montes ou Terra de Eólicos?
O 18 de Xuño desenvolvíase unha xornada informativa da plataforma Terra de Montes en Perigo para informar da situación das autorizacións administrativas dos parques eólicos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei e arredores.
Pedra Longa, Touriñan I-2, Suido I, Valdepereira, Outeiro Grande, Monte Festeiros, Paraño Oeste, Marcofán, Dos Cotos, Campos Vellos, Paraño Oeste, Tramontana, Penizas, Porto Vidros… Estes son os nomes que ameazan o futuro e a forma de vida de moitas persoas que tratan de defenderse e facerlle fronte a estas empresas, e tamén á pasividade ou a hostilidade dos gobernos municipais. A Terra de Montes pode converterse nun enorme parque temático eólico.
Deciden por nós, a legalidade española e europea.
Primeiro co PP, despois co bipartito PSOE-BNG e de volta co PP desenvolvéronse máis de 150 parques eólicos e instaláronse 4.000 aeroxeradores, coas súas pistas de acceso para desfacer o monte, subestacións e liñas de evacuación eléctrica.
Posteriormente a Xunta aprobou a Lei 9/2021 de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica. Esta lei permite a instalación de proxectos eólicos fóra das áreas de desenvolvemento do Plan Sectorial Eólico, polo que calquera parte do territorio pode ser empregada para instalar parques eólicos.
Nas cortes validouse o Real Decreto Lei 6/2022 relacionado coa guerra de Ucraína que ven simplificar a tramitación dos proxectos de enerxías renovábeis, permitindo evitar a Avaliación do Impacto Ambiental.
Onte foron os encoros, hoxe son os parques eólicos. O pobo galego atópase nunha guerra alimentada por decretos, leis e plans sectoriais feitos ao ditado do sector eólico.
Hoxe esta desfeita “legal” continua da man da administración autonómica e central, seguindo as directrices da Unión Europea para transformar Galiza nunha enorme produtora de enerxía “limpa”, o hidróxeno “verde” é o futuro. Todo para maior gloria económica das empresas amigas con grandes portas xiratorias.
Non lles importa desfacer Galiza. Todo este “desenvolvemento verde e libre de emisións” implica unha afectación enorme ao territorio, desfacendo a paisaxe, o medio natural e afectando á sectores económicos fundamentais como a agricultura, a gandaría e a pesca.
Deciden por nós sen consultarnos, eles contan coa lei e a legalidade española. A nós quédanos a resignación ou a resistencia.
Marín, 21 de xullo de 2023
Pedro M. Cortegoso Gago