Lois Pérez Leira
Vigo transformouse recentemente nunha cidade plenamente cosmopolita, un vibrante crisol onde conviven novas veciñas e veciños procedentes de todos os recunchos do mundo.
A miúdo, a sociedade tende a asociar erroneamente o fenómeno migratorio con traballadores sen especialización ou destinados a cubrir os postos que a poboación local non desexa ocupar. Porén, esta realidade deu paso a unha onda migratoria de alto valor humano e intelectual, integrada por profesionais, artistas, médicos e enxeñeiros que enriquecen o noso tecido social. Un exemplo excepcional deste fenómeno é a presenza na nosa cidade da escritora polaca Grażyna Wasiak-Maxwell, unha muller brillante, profunda e dotada dunha sensibilidade extraordinaria. Nada en Polonia e formada academicamente en Ciencias Políticas pola Universidade de Breslavia, Grażyna complementou a súa formación con estudos especializados en africanismo, demostrando desde nova unha curiosidade intelectual que trascendía as fronteiras do seu país. O seu periplo vital é digno dunha das súas novelas: tras finalizar os seus estudos, chegou ao Reino Unido con apenas cen libras no peto e un visado de turista, no que inicialmente sería unha estancia curta para estudar inglés en Dover. Porén, aquel “romance” con Inglaterra estendeuse durante trinta e cinco anos, durante os cales se converteu nunha figura clave da vida cultural da capital británica.
En Londres, Grażyna non só consolidou unha carreira de prestixio como xornalista e escritora, senón que se integrou na elite intelectual como membro activo da Unión de Escritores Polacos no Estranxeiro (ZPPnO). O seu labor foi tan significativo que foi incluída na distinguida publicación Twórcy Wizerunku Polonii (Creadores da Imaxe da Diáspora Polaca) e foi nomeada embaixadora para os cidadáns da terceira idade (seniors) de Polonia. Entrou en Londres, como ela mesma adoita dicir, “pola porta principal e en tacóns”, reivindicando sempre que a nacionalidade hérdase, pero a cidadanía gáñase.
A súa obra literaria, que inclúe títulos como Dokąd którędy po co? (Cara a onde, por onde, para que?) e Sanatorium bez miłości (Sanatorio sen amor), destaca por unha mestría única para indagar no interior das persoas, explorando a madureza e a procura de sentido. Tras décadas de éxito no Reino Unido, “os ventos do destino” trouxérona hai cinco anos a Vigo, cidade que hoxe define como “o absoluto centro do mundo” e a “xoia da coroa de Galicia”. Desde aquí, Grażyna exerce como unha verdadeira embaixadora cultural, demostrando que a nova veciñanza cosmopolita de Vigo achega unha profundidade e unha luz que enriquecen irremediablemente o noso diálogo colectivo.





