Un ano máis no marabilloso escenario do Esteiro da Foz celebrouse unha nova edición do festival Nigrán Jazz. E desta volta non foi unha edición calquera, pois este evento de calidade extraordinaria acadou as súas dúas primeiras décadas de vida.
Di unha famosa canción, que seguro coñecemos, que 20 anos non son nada. Pero esa canción transmite unha mentira flagrante. Dúas décadas na vida dunha persoa é moito tempo. Neses anos pasan moitas cousas e todo cambia a unha velocidade extraordinaria.
Pero o que non cambiou nestes 20 anos é a calidade do festival de Jazz de Nigrán: extraordinaria. Cando comeza este evento algúns dos máis importantes músicos de Jazz de todo o mundo acoden a un escenario precioso a facer as delicias dos milleiros de persoas, que teñen gozado deste espectáculo.
Non é nada fácil organizar un festival destas características. É especialmente difícil facelo nunha poboación pequena como Nigrán, que durante uns días se converte no centro do universo do jazz. Pero en todos estes anos a valoración de todas e cada unha das edicións é a mesma: Sobresaínte
Cal é motivo?..Seguro que son unha confluencia de razóns que sumadas dan lugar a que todos os anos un evento desta dimensión poida ser posible. Unha desas razóns é sen dúbida o talento do seu director Felipe Villar, un home co que para min foi un pracer conversar de novo. Velaí vai.
Felipe Villar, director.
“ Vinte anos despois sigo a ter toneladas de ilusión por organizar un precioso festival de Jazz no noso Concello”
Entre que datas celebrastes esta vixésima edición?
O festival en si celebrámolo entre o 16 e o 18 de Xullo, pero desta volta fixemos algunha actividade complementaria tamén como por exemplo algunha sesión de cinema e algún concerto.
A realización de actividades complementarias é unha novidade desta edición?
Algún outro ano xa fixeramos unha sesión de cinema, no Esteiro da Foz , pero esta edición estivemos nos cines municipais da Ramallosa. E aproveitando o ciclo de cinema que fai o concello, nós proxectamos alí a película que quixemos ver.
Supoño que a película tería relación co mundo do Jazz?
Si, claro. Puxemos “ Mo Better Blues”, unha grande película de Spike Lee na que se analiza o universo do Jazz desde o punto de vista afroamericano. Ao público gustoulle moito.
A película só era para as persoas relacionadas co Nigrán Jazz?
Non, foi unha sesión aberta para calquera persoa que quixera asistir.
Nestes 20 anos de vida en que cambiou Felipe Villar?
Ben, pois teño o pelo algo mais branco e teño algo de lumbago que antes non tiña, pero teño toneladas de ilusión e gañas de seguir construído un fermoso festival de Jazz no noso concello. O corpo deteriórase co paso do tempo, iso é inevitable, pero a ilusión polo Nigrán Jazz non, iso permanece igual que cando comezamos hai dúas décadas.
Ben, a canción di que 20 anos non son nada
Xa, pero esa canción transmite unha mensaxe radicalmente falsa. O certo é que 20 anos na vida dunha persoa é moito tempo, e todo cambia de maneira inexorable.
Cando recordas todo o camiño andado nestes 20 anos do Nigrán Jazz, que sentimento predomina en ti?
Sen dúbida o o orgullo. Se hai 20 anos me dixeran que os principais músicos do Jazz do mundo, os que tocan nos mellores festivais do planeta, estarían polo noso, resultaríame asombroso.
Este ano a asistencia de público foi moi satisfactoria como habitualmente?
Si, foi brutal. Houbo algún día que probablemente fose dos de maior asistencia en toda a nosa historia. E non só destacaría a asistencia, senón tamén o ambiente de relaxación, acougo e paz en todos os asistentes que, creo eu, ten que ver coa maxia que transmite o Esteiro da Foz.
Este ano o festival durou 3 días, cando normalmente faise en dous. Por que motivo foi o cambio?
Ben, digamos que foi para conmemorar o noso vixésimo aniversario e por podermos acoller o concerto de Gretchen Parlato. Ela é unha cantante americana das máis importantes deste século. Trouxo unha banda impresionante e o seu concerto foi marabilloso. A verdade tivemos moita sorte, pois todo coincidiu ben, e puido vir.
Gretchen Patlato está ao nivel dos mellores músicos e músicas de Jazz do mundo?
Para min claramente si. Non só ela senón toda a banda que a acompañou.
Coñecíalos persoalmente?
Non,nin a ela nin a ningún dos seus músicos. Coñecinos nesta edición do festival e foron todos encantadores. Penso que marcharon moi satisfeitos.
Que outras bandas viñeron nesta vixésima edición?
O segundo día tivemos unha banda pouco coñecida de músicos moi novos,entre 20 e 25 anos, chamada eclipse. Fixeron un concerto espectacular dun altísimo nivel. Nós quedamos encantados con eles, e eles quedaron encantados tamén con tocar en Nigrán. Ollo con esta banda Tino. Cómpre apuntar o nome e é necesario apuntar tamén a todos e cada un dos músicos. Van dar moito que falar.
E o último día pechamos co trío Abe Rábade cun convidado especial, o saxofonista Jhon O´ Gallagher. Digamos quen nos sentiamos en débeda porque nestes 20 anos non ter tido a Abe con nós era case un pecado.
A duración de tres días foi excepcional ou vaise converter en habitual?
En principio foi excepcional, pero non sei aínda como faremos nas edicións posteriores. Nós procuramos adaptarnos ao contexto e ás circunstancias de cada edición. O importante do Nigrán Jazz é a música, todo o demais é accesorio e susceptible de poder ser modificado.
Como levaches este ano de tres días o estrés, Felipe?
Ha, ha, ha…Nos parámetros habituais:Ao máximo nivel. Foron uns días moi duros cun enorme cansazo físico e sobre todo mental. Afortunadamente foi todo marabillosos e non houbo nin un só problema.
Segues estando satisfeito das colaboracións dos patrocinadores privados e do Concello?
Estou enormemente satisfeito, agradecido e emocionado de como se implica todo o mundo co festival. Non me chegaría a vida enteira para expresar a gratitude que teño cara aos nosos patrocinadores e ao Concello de Nigrán pola súa sobresaínte implicación e por todo o cariño e axuda que nos prestan.
Non estarás pensando xa na XXI edición?
Pois teño que confesar que si, xa lle estou dando unha volta. Por moito estrés que sufro eses días, que si o sufro, a ilusión que me provoca o festival é superior e non podo evitar que case ao día seguinte de rematar unha edición xa me poña a pensar na seguinte.
O festival está tan asentado na conciencia colectiva de Nigrán que imaxino que transcenderá a conxuntura política que poida haber en calquera momento?
Quero pensar que si. O contrario pareceríame unha miseria.

Dirección A Nova Peneira




