G.Figueiredo
Ponte Caldelas é un pobo de arredor de 5.600 habitantes que ten unha escola de fútbol na que 200 nenos e nenas , case todos da propia Ponte Caldelas, practican este deporte. Asemade posúe dous equipos sénior, que este ano competirán en primeira autonómica. O conxunto masculino parece que está máis ou menos consolidado, e o feminino afronta a temporada con moita ilusión despois de ascender o ano anterior.
A xestión realizada para construír algo tan sólido nunha localidade tan pequena, só se pode cualificar como éxito rotundo. E aí ten moito que dicir o presidente do club nos últimos 14 anos, Pedro Rodríguez, co que foi un pracer volver a conversar.
“Os nosos equipos sénior deben de consolidarse en 1º autonómica. A partir de aí todo o que poida vir a maiores benvido sexa”
Pedro, estamos piques de comezar a tempada, con que ánimos a encara o presidente do equipo?
Con moitos ánimos. Acabamos a temporada pasada moi ben, con moi boas sensacións. E a pretemporada está sendo bastante satisfactoria.
Como remataron a liga, tanto masculina coma feminina, os equipos sénior?
O masculino remontou, chegamos a estar na cola e rematamos a temporada en sétimo lugar na Primeira Autonómica. Este ano queremos consolidarnos nesta categoría.
O equipo feminino ascendeu esta temporada a Primeira Autonómica tamén. Foi todo un éxito.
Cres que pola dimensión e actividade económica que move Ponte Caldelas, a Primeira Autonómica son as dúas categorías nas que se teñen que consolidar tanto o equipo masculino coma o feminino?
O masculino, tanto por afección como pola cidade, si, desde logo.
O feminino, aínda non sabemos o grupo que nos vai tocar nin como vai ser a competición. Deportivamente estamos aquí por méritos propios, así que espero que poidamos consolidarnos. Pero é unha incógnita como será a nosa realidade económica nesa categoría.
Tedes que desprazarvos a zonas moi lonxe?
Aínda non o sabemos, ao non saber o grupo, non sabemos nada máis. Tenmos moita ilusión e orgullo polo éxito deportivo, pero de momento estamos en ascuas.
No equipo masculino si sabemos, é completamente factible tanto no económico coma no deportivo.
O equipo masculino, xa consolidado na 1º autonómica, podería soñar co ascenso a preferente?
Hai tres anos xogamos a fase de ascenso e na seguinte temporada descendemos. Ese ano foi moi difícil, faleceu o compañeiro Totti que xogaba de porteiro e despois o río levouse o campo. Desde a directiva lembramos con moito cariño ao noso compañeiro que sempre vai estar con nós, na nosa alma e no noso corazón.
Cal é o obxectivo deportivo para esta temporada, tanto do equipo masculino coma no feminino?
No equipo masculino pretendemos afianzarnos nesta categoría e con moita ilusión, aínda que é difícil. Hai equipos moi bos e con moita máis capacidade económica ca nós.
Cales son os equipos economicamente superiores a vós?
O Ribeira, o Arcade que está a facer fixaches de brasileiros, o Unión de Rianxo….Hai varios con moitos recursos
Cal é a intención do club con respecto ao equipo feminino?
Consolidalo se é viable economicamente e, a partir de aí, ver ata onde se pode chegar. Estamos as expectativas esperando a ver o potencial dos equipos do grupo que nos toque e saber que desprazamentos temos que facer.
Como está o terreo de xogo despois das riadas de anos pasados?
Agora está moi ben, penso que é dos mellores da provincia.
Segues estando igual de contento e orgulloso da vinculación do pobo de Ponte Caldelas co seu equipo de fútbol?
Si, por suposto. Sen eles non seríamos nada. O 90% dos nosos xogadores son do pobo, a base do equipo é a canteira. Temos moitos xogadores novos e estamos pensando de facer un equipo filial. Economicamente agora non foi posible pero estamos niso.
Agora que falamos da canteira. Que importancia ten para o Ponte Caldelas a escola de fútbol? .
É unha das máis importantes da comarca , e para nós ten unha importancia capital. Ter unha canteira sólida é o único camiño para asegurar a supervivencia do club a longo prazo.
Cantas mozas e mozos tedes na escola de fútbol?
Uns 200 rapaces e rapazas. Rapazas temos moi poucas, a verdade. O equipo feminino montámolo cunhas rapazas que viñan de xogar de Pontevedra e seguimos con elas.
De onde son eses 200 mozos e mozas da canteira?
O 90% son de aquí. Temos algún de Fornelos de Montes pero a maioría son da casa.
Como se porta o concello con vós, segues estando contento?
Si, moi contento, temos todo o apoio e colaboración con Concello de Ponte Caldelas.
Falemos da cuestión económica. Buscar financiamento para o club non ten que ser doado. De onde sacades os cartos para sufragar todos os gastos da temporada?
Temos a subvención do do Concello que para nós é vital. Logo tamén recibimos distintas subvencións da Deputación e da Xunta de Galicia. A maiores están as cotas dos socios e os ingresos por publicidade. A cantina non a traballamos nós, son os encargados de xestionala os que nos levan o mantemento do campo.
Estamos moi contentos co seu servizo, temos os vestiarios e o campo máis limpo da contorna.
Cantos anos levas de presidente?
Uns catorce.
Cantas persoas sodes na directiva?
Agora mesmo poucas, somos sete persoas. Seis homes e unha muller. Esta persoa é a encargada de levar o equipo feminino.
Pedro, non estás canso despois de tantos anos, non tes ganas de deixalo?
Esa pregunta sempre ma fai a miña muller. A min gústame o fútbol e gústame estar a pé de campo. Mentres o corpo e os ánimos aguanten e teña paixón non o vou deixar a non ser que apareza alguén que queira seguir co equipo levando unha liña de traballo continuísta como ata agora.
Rematamos cunha pregunta obrigada. Ti de que equipo es?
Ha, ha, ha son do Celta desde sempre. Non podo ir a moitos partidos a Balaídos porque me coinciden cos de aquí. Gustaríame poder volver a Glasgow ao partido da Europa League.

