Alberto Pazos
Se calquera 25 de xullo resulta acaído reflexionar sobre a Galicia na que vivimos, este ano 2021 bríndanos a escusa perfecta para botar unha ollada ao noso pasado mais recente. Cumprimos 40 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. 40 anos de autogoberno que se corresponden co maior período de prosperidade da historia deste pais.
Deixou escrito Chesterton que non se pode facer unha revolución para acadar a democracia, e que compre ter unha democracia para facer unha revolución. O galegos sabemos ben o acertado deste pensamento.
A Transición española, reiteradamente desprezada tanto por nostálxicos do réxime franquista como polo neocomunismo máis recalcitrante (os extremos sempre acaban por tocarse), achegou un réxime de liberdades, articulado territorialmente a través da España autonómica, que permitiu alcanzar a Galicia, e ás demais Comunidades Autónomas, cotas da autogoberno nunca imaxinadas.
E o certo é que con estes vimbios, a sociedade galega foi quen de acadar unha auténtica revolución social, cultural e económica ao longo destas catro décadas fascinantes. A Galicia da Constitución e do Estatuto é, sen asomo de dúbida, a mellor Galicia da historia.
Non pretendo obviar as dificultades que aínda sufrimos en moi distintos ámbitos, e que precisan de ser corrixidas para que sexamos quen de despregar todo o potencial que atesouramos, senón recalcar a profunda transformación que experimentamos os galegos como consecuencia da estabilidade institucional proporcionada por un dos sistemas democráticos máis consolidado do mundo, como acredita o índice de calidade democrática que anualmente publica a prestixiosa ”The Economist”.
Non debemos esquecer que durante este período democrático, Galicia pasou de ser unha das tres comunidades máis pobres de España, a contar cun PIB per cápita do 93 % da media estatal, ou que hoxe os galegos dispoñemos dunha renda que supera o 91 % da media nacional gracias a que somos o territorio que maior incremento experimentou durante todos estes anos.
As xeracións mais novas merecen coñecer o país que eramos, para poder entender mellor o país que somos. Un país que duplicou o seu número de hospitais públicos, que pasou de ter 55 centros de saúde aos case 400 que hoxe salpican a nosa xeografía, ou que dotou os seus servizos sociais dun xeito simplemente inimaxinable para a xeración que viviu os albores da nosa democracia. Son realidades incontestables que permitiron incrementar a nosa esperanza de vida en case nove anos, ao tempo que reducíamos a mortalidade infantil ao mínimo histórico.
Aquela terra con serios problemas de comunicación, estendeu os paupérrimos 86 quilómetros de autovías dos que dispoñía entón, ata os 1.398 quilómetros de vías de alta capacidade que podemos percorrer hoxe. Os nosos portos triplicaron o tráfico de mercadorías, ao tempo que se quintuplican os pasaxeiros que reciben os nosos aeroportos.
Estas cifras non son máis que pequenos exemplos da cotiá revolución democrática que estamos a construír entre todos. Algúns dos moitos logros que se foron acadando paseniñamente, sen estridencias, porque ese é o modo galego de conquistar as grandes transformacións sociais: calado, constante, paciente.
Pero ata o pobo máis humilde alberga un espírito orgulloso. Así pois, saiamos ás rúas e celebremos un ano máis a nosa galeguidade. Abracemos a liturxia do Día de Galicia. Renovemos a devoción polo Apóstolo. Voltemos a Bonaval para ofrendar á rosa da Adina. Aplaudamos a entrega da Medalla de Ouro de Galicia aos heroes da vacinación, na que depositamos a esperanza dunha pronta normalidade sen adxectivos. Brindemos polos que xa non están, e polos que aínda podemos levantar a copa …
Festexemos a tediosa normalidade da democracia galega. Sempre igual. Sempre mudando.
Saúde e Terra!!