Coa testa ergueita

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

O caciquismo é froito da ignorancia allea, desa miseria que se envolve na servil condición de non contradicir, de non ofender, de non plantar cara, de non discrepar para poñer en claro, de non esixir limpeza. A cambio do favor daquel que adquire un certo grao pervertido de poder. Fomentar ese xeito de comportamentos indignos, é ser cómplice dos mesmos. O silencio moitas veces é partícipe de condutas moi dadas ao vilipendio e maledicencia. Así non se chega nunca á dignidade, esoutra condición de equilibrio onde habita a equidade, a proporcionalidade e a xustiza. Máximas de moitos partidos políticos, que tamén se chaman progresistas, e que enchen a boca nas palabras pero non practican e intencionadamente promoven diferencias, prexuízos, etiquetas e desarranxos que promoven, e fomentan, esas enfermas actitudes caciquís. E non digamos desde as redes que se fan chamar “sociais”, onde son capaces de inventar mundos novos, adaptados a aqueles farsantes e fraseantes de ton “lapidario”, que resumen supostas emocións en panfletos,  en oracións que eleven o seu ego, para conforto de tanto badoco miserable, no medio de tanto “si señor, o que mande”. Aquilo de ser iguais en dereitos, ben sabemos que non se cumpre, nin sequera nos deberes. Non hai que mirar moito nos xornais, todos os días fan exposicións -entre as mentiras que contan- das diversas decisións xudiciais que benefician aos de sempre, poñendo en dúbida a súa limpísima culpabilidade. Chega tamén con ver a lei lingüística do Galego, putrefacta de “equidade” que trata en desigualdade “o español” e “o galego”, e isto faino diante dos nosos narices: en Galiza. Un ten rango e carácter obrigatorio e outro de posible e correcto, un dereito que “se se quere” apréndese e practícase e non querendo, pásase del e amén. Así nos vai niso de recuperar os modos e palabras, as formas e dereitos, as inxustizas de outrora, a reposición da honra e orgullo de ser. Son servidumes de paso que se chamaban antes, onde o caciquismo imperante saca foto e amosa o seu poder, mesmo cre que nos ten lavada a memoria. Porque tampouco outras forzas, seica xa o esqueceron, seguen a negarse a aceptar tamaña inxustiza e desproporción, que é vergoña de todas e todos nós. 

Dese languidez monótona, de ir afacéndose ás advenedizas formas de silencio, tamén proceden aqueles modos dos vellos caciques, aínda lembrados, en exercicio algúns deles, dos obrigados illamentos sociais, das perturbadas ameazas aos discrepantes, de botar responsabilidades fóra, de culpar a outros e mirar para outro lado. Son debilidades que teñen etiqueta nos que están baixo dos focos, mentres calan e consenten, mentres tragan. Converténdose así, como dixemos, en cómplices. Subestiman os coidados e as tenruras cara á noso, falan e razoan aquilo que poida proporcionar beneficios ou votos, mais non asumen culpa, non se miran no espello e cando o fan, non ven na imaxe o desprezo que se agocha no seu silencio, na mudez por compromiso. De aí á estupidez hai un tramo curto de camiño, anque o peor é que os perigos asexan e admiten novos entreguismos nos que nos perdemos, espellismos que non dan conta do moito que perdemos ao deixar de ser reclamadores do que nos pertence e é noso. Non debemos pagar esa vasalaxe que nos esixen e que parte de leis que son inxustas, xa na redacción, das que aínda non demos conta de oposición frontal, de non pasar por aí, por iso que nos abaixa e somete: por non ser xustas nin equilibradas.  

E aprendida a lección do abuso de recursos, das leis inxustas, ser capaces de valorar as pequenas cousas, de decrecer en ambicións e aprender a re-localizarnos, sen depender da elites económicas que nos abandonan cando enchen. Estamos atomizados e debemos recuperar a soberanía dun modo de vida viable e respectuosa, que valore canto temos para así querernos, lonxe das privatizacións, da degradación, dos plásticos e combustibles fósiles, da ofensa ao clima, lonxe de desafiuzamentos, de violencias machistas, de explotacións forzosas, de minas contaminante, de deterioro da terra, a auga e o aire. Debemos recuperar o espazo liberado de leis que nos someten, na harmonía e normalidade. Cómpre saber que hai alternativas, xa na memoria, no modo de vivir ancestral, na ecoloxía, no respecto, nese vivir e deixar vivir, que tanto nos negan e que nos fixeron fracasar ata hoxe.