As cancelas do amor

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi

Nunha das últimas entrevistas que lle fixeron a actriz catalana Rosa María Sardá, pouco tempo antes de finar, aseguraba que nada iamos aprender de todo o que estabamos a vivir e que iamos seguir sendo unhas bestas depredadoras, faltas de toda empatía, por moito que aplaudiramos tódolos días dende o noso balcón ás oito da tarde.

Supoño que a crítica situación sanitaria que estabamos a vivir e o sentimento de comunidade que agromou en todos nós fixo que moitos pensaramos que Rosa estaba sendo un chisco pesimista.

Non embargantes, a xente nova temos o mal costume de non escoitar as palabras da xente maior ca nós, dos homes e das mulleres que levan nas súas costas máis anos dos que levamos erguidos.

Tanto é así que o tempo tirounos a razón e batemos cos dentes contra unha sociedade aborregada, mal educada e brutalmente hostil, onde pensar e amar, fora das marxes marcadas polo estado e pola relixión católica pode, cando menos, facerte sentir alleo no teu país.

Nos últimos anos, lonxe de nos converter nunha sociedade adiantada, madura e sen medo de medrar estamos a ver pantasmas escuras, de tempos escuros, camiñando polas rúas das nosas cidades con total impunidade, acubillados no colo de xuices e representantes políticos.

Se cadra, estas pantasmas sempre estiveron aí, ao noso carón, compartindo mesa con nós, escoitando a mesma música ca nós, compartido o mesmo autobús, o mesmo pupitre na universidade, a mesma ducha no ximnasio ou mesmo compartindo o canelo para esnifar unha raia de farlopa.

Días atrás, o tres Xullo, asasinaron a un rapas na Coruña dunha paliza, ao berro de maricón, maricón, sabendo o que facían, sen que ningún dos agresores tivesse unha mighalla de lucidez e acabase co linchamento. Desafortunadmente, o rapas que saíra a vivir a vida non voltou aquela noite a durmir na súa casa.

Segundo as estatísticas apréciase un crecimento, nos últimos cinco anos, dos delitos de agresións homófobas no estado español, e estou segruro que este crecimento sería moito maior se moitas das agresións foran denunciadas e outras tantas foran catalogadas coma agresións homófobas ou delitos de odio.

Eu tiña pensado que nestas alturas do conto a niguén lle importaba xa con que compartía a súa vida, o seu corpo, as súas dores, as súas ledicias, os seus soños, os seus medos, a súa saliva o veciño ou a veciña.

Nos enredos do amor, da atracción física, do placer non hai receita nin ten porque haber cancelas. A única fronteira que ten que haber é o consentimento mutuo, Si é Si, e nada máis. Que cada quen disfrute do seu corpo coma ben lle pareza.

O resto sonche prexuizos herdados dunha educación insá que parece ser aínda non temos curado.

Ogallá non voltemos a escoitar estas malas novas nos telexornais ou nas rádios en moito tempo, pero coma dicía Rosa María Sardá, o ser humano xamáis deixará de ser unha besta, un depredador.

Daquela, no haberá que dar un paso atrás.