

Milana Bonita
“Ence díxome que lle custaba máis o traslado que comprar a opinión pública, e iso está a facer”, dicía o titular dunha entrevista ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recollida na edición de abril deste xornal. A sentenza sobre a prórroga á pasteira emitida pola Audiencia Nacional o pasado 16 de xullo amosa que non todo se pode comprar con cartos. Que hai pobos e xente na política a quen non pode mercar a fábrica de papel moeda.
Como pasou con Meirás, a sentenza –que de confirmarse suporá un antes e un despois na ordenación urbanística de Pontevedra e a súa contorna- non sería posíbel sen a conxunción de quen sabe do tema, de quen fai política poñendo o ben común por riba do capital e, imprescindibelmente, da loita do pobo, neste caso encabezada por Defensa da Ría. Unha loita na que as mulleres tiveron un grande protagonismo. Primeiro, as mariscadoras mobilizadas contra a concesión de 1958 que permitiu construír, na praia do seu sustento, una pasteira daquela pública: Empresa Nacional de Celulosas de España agocha o acrónimo. Vendeuna logo o goberno de José María Aznar como fixo con Audasa e con tantas cousas que eran públicas e agora enchen os miserábeis petos das súas amizades avariciosas.
Daquela Leonor González, Nené, vivía en Bos Aires. Para a pontevedresa a praia de Lourizán era o paraíso da infancia. Nacida en 1934, sempre conta que de moza saía coa piragua e os golfiños brincaban por riba dela. Mais cando retornou á Terra, en 1967, alí había un monstro- así di Nené, un monstro- con fauces negras vomitando lodo. E dedicou a súa vida a loitar para sacalo do conto.
A lexislación establece que a ocupación de terreos públicos nunca pode superar os 75 anos, para que todas persoas teñan dereito a gozar nalgún intre da súa vida dun espazo que é común. A de ENCE remataba no 2018. Sabíao a empresa e sabíano as administracións públicas. Alberto Núñez Feijóo dixo que non podía seguir na ría dous meses despois de chegar á Xunta. Non era un capricho do alcalde de Pontevedra ou do ecoloxismo, era a lei quen o establecía. Tiñan nove anos para buscar un novo emprazamento e garantir así a continuidade da actividade e os postos de traballo. “Non imos dicir unha cousa e facer o contrario” advertiu Feijóo. É o malo que ten a hemeroteca. Un acordo unánime do parlamento galego ao ano seguinte e o plan de ordenación do litoral do 2011 rubricaban a saída da fábrica e a recuperación dos 600.000 metros cadrados que mide o paraíso de Nené en Lourizán. O PP volveu recoller a marcha no programa electoral de 2012, pero os millóns que Lores desbotara para inversións, -un paraíso non ten prezo- foron empregados por ENCE na compra de vontades. O goberno de Pontevedra estábase a converter nun problema e había que cambialo. A pasteira vinculou a súa sorte ao Partido Popular. No seu consello de administración están Isabel Tocino e Carlos del Álamo, ex ministra e ex conselleiro desa formación. Que casualidade. No ano 2013, o seu ministro Arias Cañete cambiou a Lei de Costas e preveu unha excepción á norma: ademais das empresas que precisan acceso directo á auga –como estaleiros- ou captación directa –depuradoras, por exemplo- poderían quedar preto do mar as que xustificasen a necesidade da permanencia. ENCE agarrouse a esa cláusula e tramitou unha prórroga que en 2015, sorprendentemente, conseguiu o visto bo da Xunta, saltándose o seu propio plan de ordenación do litoral. E chegou o 20 de xaneiro de 2016, san Sebastián, patrón de Pontevedra. O goberno de Rajoy apróballa estando xa en funcións. O Concello noméao persoa non grata e eleva a irregularidade aos tribunais, o mesmo que a APDR e Greenpeace. A chegada de Pedro Sánchez á Moncloa supón un cambio fundamental para achandar o camiño de saída ao monstro. Non se opuxo ás pretensións dos demandantes. Os informes ad hoc que Rajoy pedira á Avogacía do Estado quedaron en papel mollado.
E así chegou a sentenza do día do Carme, demoledora, que para iso é a protectora do mar. Non é só que un goberno en funcións non poda aprobar unha prórroga, é que a de ENCE é inadmisíbel. Nada xustifica a súa continuidade nunha zona de dominio público. A pasteira sempre soubo que a estadía remataba no 2018, a administración lembroullo, e tiña que ter xestionado o traslado. Se hai risco de perda de postos de traballo ela é a única responsábel. Ela e o PP, como socio de camiño. O seu representante local participou na manifestación dese día, convocada por CCOO. Convén aclarar que o comité de empresa, é dicir, o que de verdade representa á xente da fábrica, está liderado pola CIG e a UXT, e xa fixo declaracións pedindo que se garantan os postos de traballo no sitio que sexa. ENCE non pode quedar en Lourizán. Non hai ningunha outra pasteira en terreos de dominio público en toda a península ibérica. Nin sequera a que a firma ten en Navia, como lle lembra a sentenza.
A loita digna polos dereitos da xente traballadora non está nesa marcha na que de novo se ameazou ao alcalde con que vai pasar non sei que en Pontevedra. Está en Nené e nas administracións que dixeron que a ría non está en venda.
A de ENCE foi ata o de agora a historia da incongruencia popular, da falta de vergoña das portas xiratorias, da defensa dos intereses duns poucos fronte ao ben común. Agora será exemplo de que a loita do pobo e de quen de verdade o representa é capaz de vencer o capital. E os golfiños de Nené brincarán nunha ría libre de golfos. Fin do conto.