MILANA BONITA
Claro que nos importa Yaiza, a nena asasinada pola súa nai en Sant Joan Despí a finais de maio. E Amiel e Ixchel, vítimas de Gabriel e María, a parella de Godella. E Leire, asasinada a principios de ano en Zaragoza. E Mohamed. E o bebé que agardaba a súa nai, Warda, cando o proxenitor levounos por diante os tres. Ás feministas impórtanos cada infanticidio, cada nova mostra de que o mundo, a pesar da nosa loita, non é un lugar seguro para as crianzas.
Claro que nos importa Yaiza. Impórtanos tanto que nos dá noxo a utilización que do seu asasinato está realizando a dereita máis reaccionaria, os medios que lle fan de altofalante e cada papán que repite as súas parvadas sen darlle nin media volta aos miolos co único fin de, máis unha vez, atacar ao movemento feminista. Nada de que estrañarse. Se no 2020 fomos as culpábeis de propagar, coas nosas manis de rojas, unha pandemia mundial que porén é inmune aos abarrotes na praza de touros, a liberdade das cañas na rúa Serrano ou ás celebracións electorais con bandeiras españolas, a ninguén lle pode estrañar que neste 2021 –Feminazis returns– sexamos as únicas responsábeis de que Yaiza- nada din de Mohamed, asasinado por un home tamén- teña menos entradas en Google que Olivia e Anna, ou menos das que no seu día tiveron Julen e Gabriel. Apúntannos co dedo sen pensar –nunca o fan- que igual a diferenza está na esperanza, na falta inicial de certeza sobre o que lle pasara ás irmás. Non se sabía se Gimeno era un asasino ou un secuestrador, nin tampouco ao cen por cen o estado de Julen no pozo nin se Gabriel podería estar retido pero vivo. Era un fío, un fío nada máis ao que agarrarse, pero aí estaba, e a prensa -con máis ou moito menos acerto- agardou o desenlace. Pero máis alá de saber se foi a incerteza a que marcou as tendencias, o tendencioso é argumentar que ás feministas non nos importa Yaiza por alertar, tras o ocorrido en Tenerife, que a violencia machista ten a peor das súas caras na violencia vicaria. É tan rastreiro e cruel como dicirlle a alguén que participa –poñamos por caso- nunha campaña para a concienciación da leucemia infantil, que lle dan igual as criaturas que morren de tumores cerebrais, do sarcoma de Ewin ou do linfoma de Hodking. Igual de noxento.
Claro que nos importa Yaiza. Impórtanos tanto que nos negamos a que o seu asasinato se use como arma contra nós e contra a nosa loita na procura de seguridade para todas as criaturas con futuros aínda non furtados. Porque somos nós, non se pode esquecer, somos esa metade da poboación á que algúns obvian e desprezan, as que abandeiramos a vindicación dos coidados, da crianza co-responsábel ou da eliminación da violencia vicaria que de novo se nega.
Claro que nos importa Yaiza aínda que non a matara esa violencia machista que segue asasinando as mulleres, as súas fillas e os seus fillos ao nutrirse dun pensamento patriarcal que algúns se empeñan en seguir espallando. Nada varía o feito de que, desde tempos inmemoriais, homes e mulleres non somos iguais. Crecemos con tratos diferentes, con roles diferentes. Na carreira da vida nós atopamos obstáculos que os homes non teñen. Corremos con desvantaxe, con medo a que nos acaben violando, matando, quitando a nosa descendencia para castigarnos por saírnos do guión marcado. E esa mochila eles non a levan. Aínda que tamén lles pasen cousas malas, aínda que tamén sufran, aínda que haxa homes bos e mulleres malas…pois claro! Pero os homes, como colectivo, non coñecen a discriminación que nós padecemos a diario e que está na orixe de todo. Imaxinades que un edil galego pedise escolta na época do terrorismo etarra porque lle parecese discriminatorio que só se protexese os vascos logo, por exemplo, de que a un concelleiro de Ourense o matase un tolo con un sacho? Pois iso.
Claro que nos importa Yaiza.