Superarmos o marco de dependencia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xabier Pérez Igrexas Concelleiro do BNG de Vigo

Os reptos e problemas que encara Galiza vense agravados, de maneira evidente, polo nefasto Goberno galego que preside Alberto Núñez Feixóo. É claro, que a Xunta do PP é unha parte importante do problema e que un outro goberno, comprometido de vez co País e coas súas clases populares e traballadoras, desenvolvendo un proxecto de transformación como o que promovemos o BNG, permitiría non poucos avances.

O gravísimo devalar industrial que se está a tornar nunha desertización produtiva que ameaza mesmo a continuidade de sectores estratéxicos como o naval. A emigración que non cesa, e que xa expulsou a máis de 200 mil mozas e mozos nos últimos anos. O incremento da desigualdade social, da pobreza e do empobrecemento. O despoboamento rural e a asfixia contra o noso sector primario. A falla dunha estratexia de innovación que permita colocar o talento e a capacidade que se forma nas nosas universidades ao servizo do desenvolvemento do propio País. O avance sen freos da máis brutal precariedade laboral. O desmantelamento, deliberado, dos nosos servizos públicos, que estrangula a sanidade e a educación públicas. Os feminicidios que non cesan e as violencias machistas que non se queren combater. A tarefa pendente de enfrontar a ameaza do cambio climático e enfiar, de maneira socialmente xusta, un futuro sostíbel ambientalmente. A ofensiva galegófoba que non para, e que expulsa o noso idioma do ámbito público. Ou o embate permanente en contra da cultura galega. Son apenas os principais enunciados dunha lista tan longa como urxente, aos que poderíamos adicionar un sen número de problemáticas e necesidades que enfrontamos como pobo.

Ninguén pode negar que un outro goberno na Xunta, disposto a desenvolver até o máximo a súas competencias e despregar un programa real de políticas efectivas para atender estas e outras moitas cuestións, suporía un cambio relevante. Mais a mudanza substancial que precisa Galiza non se poderá enfrontar desde as costuras anémicas do actual status autonómico. Cómpre superarmos este marco de forzosa dependencia colonial, imposto polo Estado español e agravado pola Unión Europea, que configura Galiza como un territorio do que drenar, mediante o espolio depredador, os seus vizosos recursos en favor da metrópole madrileña, ao servizo sempre dos intereses do grande capital foráneo. Ese marco que nos impón, por exemplo, asumirmos os custes sociais e ambientais da xeración de electricidade para exportala, sen apenas retorno, ao resto do Estado ao tempo que pagamos unha das facturas eléctricas máis caras. O mesmo que é responsábel de que teñamos dos salarios e pensións máis baixos do Estado. O que impuxo, e impón, o desmantelamento da nosa forza produtiva, quer no agro, na pesca ou na industria, para nos tornar nunha periferia de servizos, nese País do Xacobeo ao que nos queren reducir.

A soberanía é moito máis que unha lexítima aspiración democrática. É cousa de comer. Atinxirmos a plena capacidade de decisión como nación, para, entre outros, colocarmos a economía ao servizo dos intereses do País e do pobo traballador, é condición de posibilidade para poder construír unha verdadeira Galiza sen límites. Porque non se trata de afrouxar as cadeas que nos xonguen, senón de as tronzar. Eis a tarefa. Eis a cerna da emancipación nacional e social que temos por horizonte.