Tecendo as redes da República

Antón Sánchez, nunha intervención no Parlamento
Antón Sánchez, nunha intervención no Parlamento
Antón Sánchez. Portavoz nacional de Anova

Un dos berros que máis repetimos o 25 de xullo entre os que ese día reivindicamos Galiza como nación ,é o de “Galiza ceive, poder popular” porque o obxetivo final da liberacion nacional para a esquerda soberanista é que todo o poder pase a residir no pobo.

Un pobo que precisa ese poder para decidir realmente sobre toda e cada unha das cousas que inflúen na súa vida,é dicir ,un pobo para o que é imprescindible unha democracia real.

Estamos inmersos na quinta ola dunha pandemia que demostrou unha vez máis o valor do público e do común para a clase traballadora, cando veñen mal dadas, pero da que, paradóxicamente, podemos sair máis desiguais, cun sistema público debilitado e con sectores estratéxicos de futuro entregados ás grandes corporacións.

Si na crise de 2008 rescatouse con miles de millóns de diñeiro publico o sistema bancario, desta vez, semella que o camiño é inxectalos ás grandes corporacións a través dos Fondos Europeos Next Generation, deixando nun segundo plano as necesidades prioritarias da xente do común. Así o que foi decisivo para a xente no pior da pandemia queda supeditado ao gran negocio privado;reforzar a sanidade pública, os servizos sociais, especialmente un modelo de atención á dependencia público e de calidade, unha transición enerxética democrática e que atenda realmente aos límite do planeta, ou unhas políticas de vivenda que garantan un teito a todas e todos.

Ante unhas institucións que se moven dentro duns límites que marcan poderes que non se presentan ás eleccións, e un Réxime borbónico en inestabilidade constante no que emerxe unha ultradereita con apoios nas máis altas instancias xudiciais e mediáticas, a organización popular é fundamental para afrontar con éxito as loitas necesarias para revertir a desigualdade crecente, a explotación e a precariedade e para conquerir que non se retroceda gravemente en dereitos.

Con este enfoque, en Anova afrontamos este 25 de xullo co lema “Tecendo as redes da República” poñendo en valor as múltiples loitas que a sociedade civil está a manter en cuestións fundamentais como a defensa do territorio ante a economía extractivistra e depredadora á que nos pretende entregar a Xunta de Galicia do PP, a reivindicación dun servizo de atención ao fogar dos dependentes público de calidade e sin explotación laboral, o dereito de calqueir persoa a unha vivenda digna fronte ao afán especulativo apoiado nas decisións dos gobernos, ou a pelexa polo emprego digno.

Ese tecer redes entre as diferentes loitas é o que nos dará a forza para doblar o pulso aos que queren unha saída inxusta á crise.Ou á inversa, non haberá transformacións profundas si detrás non hai mobilizacións cidadáns potentes.

E falamos de República, non só porque anhelamos outra forma institucional de goberno, senón pola defensa inquebrantable dos valores republicanos, xa que aspiramos á igualdade real entre as persoas, nunha sociedade na que esa igualdade non sexa só palabras e se traduza nunha realidade material que a posibilite.

A desigualdade crecente non é un feito natural como nos queren facer ver.É o resultado da suma de decisións políticas e económicas tomadas en institucións que deberan velar polo interese xeral pero fan o contrario.As políticas de vivenda sostidas no tempo, cos rescates a bancos, os privilexios fiscais aos fondos voitre, a ausencia dun parque público de vivenda con alugueiro social, a política enerxética onde se pon en mans dun oligopolio un sector estartéxico e se impoñen uns prezos que conducen á pobreza enerxética de moita xente, ou as reformas laborais son pedras que constrúen o valado da desigualdade, que e cada vez maior.

Defender valores republicanos tradúcese no dereito da cidadanía a controlar o sistema enerxético para que sirva á xente e ao obxetivo de coidar do planeta, no dereito real á vivenda a través da creación dun parque público de alugueiro social, da fiscalidade sobre os grandes posuidores de vivenda ou o control dos prezos, no dereito a un emprego cun salario digno e suficiente para vivir, unha política fiscal xusta e progresiva ou pensións dignas para todas.

Loitas, todas ellas, que se dan nas rúas galegas e que compre afortalar políticamente, porque estamos a xogarnos sobre qué bases se constrúe o futuro fronte aos que ocupan as institucións para traballar para a élite económica.

Compre pois, este 25 de xullo, e no futuro, tecer rede, construir poder popular.