“Agora vemos as consecuencias dun negocio que lle saíu gratis a un banco que reporta millonarios beneficios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feijóo e polo Partido Popular”, afirmou Antón Sánchez.
Antón Sánchez esixe que dita documentación sexa pública antes das próximas eleccións do 12 de xullo, para que a cidadanía galega saiba o que aconteceu coa estafa e privatización das caixas galegas antes de votar.
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020
Anos despois, nunha sentenza histórica e contundente, o TSXG considera probada a vulneración dos dereitos fundamentais como parlamentario do deputado Antón Sánchez recollidos no artigo 23 da Constitución por obstrución e denegación de información, e condena á Xunta de Galicia a entregar o informe-proposta de Marta Fernández Currás, Conselleira de Facenda por aquel entón, sobre a fusión das caixas galegas, e a acta da comisión dos secretarios xerais celebrada antes do Consello da Xunta que autorizou a fusión.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de comunicar a sentenza sobre a demanda interposta por Antón Sánchez diante da ocultación sistemática de información da fusión e posterior privatización das caixas galegas que padeceu o deputado durante estes anos. Xa como deputado de AGE no ano 2013 solicitou acceso a dita información que lle foi reiteradamente denegada.
“A Xunta de Galicia é condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución, que tanto din defender, por unha práctica habitual do goberno do PP, que é a de ocultar información e obstruír o labor da oposición sistematicamente”, manifestou Antón Sánchez.
“E fano neste caso ademais, coa maior estafa económica aos galegos e galegas, que viron como o 40% dos seus aforros quedaron en mans dun banco estranxeiro e foron vendidos a prezo de amigo. Agora vemos as consecuencias dun negocio que lle saíu gratis a un banco que reporta millonarios beneficios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feijóo e polo Partido Popular”, afirmou.
A sentenza proba que a Xunta de Galicia ocultou información transcendental do proceso durante anos. Por este motivo, esiximos que inmediatamente a Xunta de Galicia entregue esta documentación, e que a entrega sexa antes das eleccións para que a cidadanía coñeza realmente o acontecido no que acabou por ser a privatización do aforro galego. O vindeiro xoves convocarase unha rolda de prensa na que Antón Sánchez informará con detalle da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.