A Oposición de Marín toma a palabra

BNG PSOE Concello de Marín

Aarón Franco

Marín é a vila da nosa contorna na que o PP goza dunha maioría máis elevada na aritmética municipal. María Ramallo, a súa alcaldesa, goberna cunha cómoda maioría absoluta.Nesta reportaxe ofrecémoslles dúas amplas entrevistas cos dous grupos da oposición , o PSOE, e o BNG que analizan as chaves da situación política municipal

Lucía Santos, portavoz de BNG e supervivinte ao cataclismo da esquerda marinense en maio do ano 2019. Despois de seis anos facendo oposición ao goberno municipal do Partido Popular de María Ramallo, prepárase para o paso de ecuador da lexislatura analizando a situación da vila, as expectativas de cara ao ano 2023 e as liñas de traballo que utilizará o BNG nestes menos de dous anos que faltan para citarse novamente coas urnas. Unha cousa importante: fala sempre en primeira persoa do plural.

Boa tarde Lucía, cales son as expectativas do Bloque Nacionalista Galego de cara ás eleccións do ano 2023?

Son boas, moi boas. A expectativa e claramente de experimentar un importante crecemento e situando o noso punto de vista no goberno municipal.

Que liñas de traballo está a tirar o BNG?

A nosa principal liña de traballo é o cambio que precisa Marín. Marín ven experimentando nos últimos dez anos unha perda de poboación constante, unha circunstancia en cuxa casuística atopamos unha serie de factores nos que o Partido Popular non quere nin entrar nin actuar. Precisase de maneira urxente un plan de actuación que permita traducir as solucións a esas problemáticas en políticas efectivas.

Como ben sabes Marín padece unha importante problemática respecto ao acceso á vivenda. Que solución propón o BNG?

A primeira e máis importante actuación para darlle solución a esta problemática é abrir o caixón onde a alcaldesa ten gardado o PXOM. Unha vez se lle quiten as telas de araña ao plan urbanístico, deberían facerse as modificacións oportunas para posteriormente iniciar as políticas precisas para que Marín deixe de afogarse e pase a un periodo de expansión. A construcción de nova vivenda e uns servizos públicos e de calidade son fundamentais para asentar poboación na nosa vila.

O Plan Xeral de Ordenación Urbana estaba pendente de executar algunhas sentenzas e de realizar as modificacións pertinentes. En que punto estamos a este respecto?

O Partido Popular, a alcaldesa e o concelleiro de urbanismo non nos dan ningunha información no referido a este pese a estar a solicitarlla constantemente. Estes meses levaron adiante algunhas modificacións, varias delas relacionadas especialmente con aspectos da protección do patrimonio e tamén coa seguridade xurídica dalgúns núcleos de poboación, o cal sen lugar a dúbidas é unha tranquilidade para a xente.

En todo caso isto é claramente insuficiente, pois no PXOM podemos atopar moitas das causas dos problemas que padece Marín, desde cuestións que hai que modificar, ata outros aspectos que están paralizados e que é imprescindible poñer en marcha.

En que punto está o Plan de patrimonio aprobado en pleno?

Está estancado. Todo o que pedía está paralizado e desde ese punto de vista o BNG está a esixir o cumprimento da moción.

Desde o Bloque nacionalista galego estamos facendo un seguimento constante do estado de abandono do noso patrimonio e así o vimos denunciando. Ese plan de protección do patrimonio precisa dar pasos cara adiante canto antes.

Falemos agora da zona azul, moi polémica na súa tramitación e implantación. Cal é a postura do Bng?

O BNG estivo desde o comezo e en todo momento en contra da implantación de dita medida. Desde que esta medida se puxo enriba da mesa solicitamos a súa retirada xa que non mirabamos nunha vila como Marín viabilidade dunha iniciativa destas características. O BNG apostou desde o comezo por unha retirada do tráfico paulatina e progresiva nas rúas máis céntricas da vila así con a creación de aparcamentos disuasorios en condicións. A cuestión de fondo é que para facer isto cómpre realizar un traballo previo en condicións, cousa que non fai o Partido Popular. O goberno de Marín vive na improvisación máis absoluta, sen planificar e realizar ningún tipo de traballo o medio e longo prazo.

Cal é a vosa postura respecto á Escola Naval Militar?

En primeiro lugar, e tendo que dar pasos pouco a pouco, a Escola Naval debería entender que desde a xenerosidade teñen que ceder espazos ao pobo de Marín.

En segundo lugar, a postura do BNG é clara a este respecto. A Escola Naval Militar ocupa un espazo física que debería ser do pobo.

Como non podía ser doutro xeito temos que falar da pandemia. Que botou o BNG de menos na acción do goberno municipal?

De forma clara, nítida e clamarosa, percibíuse a inexistencia da política social por parte do goberno municipal.

Desde o Partido Popular limitáronse a facer as xestión xustas e necesarias do día a día, que en moitos casos viñan impostas desde escalas administrativas de ámbito superior. Houbo unha falta de iniciativa brutal para poñer en marcha medidas que permitisen continuar a facer tramites administrativos e burocráticos por parte da cidadanía, compras no comercio local e nos supermercados, apoio desde o Servizos Sociais municipais para as familias confinadas, políticas que resolvesen aquelas problemáticas relacionadas coa conciliación…

Desde o BNG puxemos enriba da mesa algunhas medidas entremezcladas con estás cuestións, como foi o caso da moción na que propoñíamos un servizo de canguraxe municipal. Todas estas propostas foron rexeitadas polo goberno de María Ramallo.

Hai ben pouco houbo unha forte polémica co goberno municipal onde desde a oposición dununciabades que o goberno municipal, nun ano de pandemia onde houbo tantas necesidades, sacaba peito por ter remanente na tesourería municipal. Que tería feito o BNG con ese remanente?

Insisto no mesmo concepto: política social. O apoio aos distintos sectores da cidadanía nunha circunstacias excepcionais como as que estamos a vivir é fundamental. Teríanse que pór todos os recursos existentes no camiño do apoio á xente que tan mal o está a pasar, desde a cidadanía pasando polo comercio e os autónomos. O apoio á economía local é fundamental para sairmos na mellor posición posible dunha pandemia que o parou todo.

Imaxinemos a unha persoa que quere vir a vivir a Marín. Que trabas atopa?

Marín é unha vila cun inmenso potencial, pero a principal problemática, dada a situación na que se está a gobernar por parte do Partido Popular, está relacionada cos continuos impedimentios burocráticos para obter permisos para a construcción de nova vivenda. A maiores os prezos das vivendas de segunda man e dos alugueiros son altísimos. Se a iso lle imos sumando a falta de servizos públicos e de calidade obtemos como resultado a situación na que estamos. Por todo isto que acabo de dicir, Marín non resulta atractivo, e de aí a perda de poboación.

Cando teremos unha biblioteca en condicións Lucía?

Iso nos gustaría. Propuxemos a ampliación da biblioteca actual para gañar na oferta de servizos, máis esa iniciativa caeu en saco roto.

Que precisa a esquerda, e en especial a esquerda nacionalista en Marín para unirse?

Xenerosidade, humildade e un proxecto común. Iso é o que se precisa xa que é máis o que nos une que o que nos separa. Desde o BNG abrimos as portas. 

Perdoa que che pare un momento Lucía, hai unha cousa que che quero sinalar porque me gusta moito. Falas en primeira persoa do plural.

Si, sempre. Contareiche unha anécdota. Desde o comezo da lexislatura, nos plenos, falo en primeira persoa do plural malia ser a única concelleira do meu partido. Os concelleiros do Partido Popular poñían caras estranas pero é que eu represento a todo o colectivo do Bng e sobre todo á cidadanía que depositou a confianza en nós.

Volvendo ao tema anterior, como debe traballar o que está á esquerda do PSOE en Marín para conformar unha única candidatura?

Estivemos a manter conversas para que algunha xente pasara a formar parte do BNG sempre e cando comparta unha serie de principios básico respecto ao que é Galiza, á lingua…

É moita a xente que ten cabida neste proxecto e desde aquí facemoslle un chamamento a todos eles para que participen.

Lucía Santos será candidata no ano 2023?

Iso é unha decisión colectiva que ten que tomar a asemblea do BNG.

Terías forzar para asumir o reto?

Sempre e cando teña o apoio, si. Para adiante.

Agora pasarei Lucía a dicirche alguns nomes dos que me gustaría que fixeras un breve apuntamento. Comecemos.

Ana Pontón.

Un referente a aprender a seguir.

Néstor Rego.

Un exemplo de boa política, coherencia e traxectoria.

Miguel Anxo Fernández Lores.

Como executar un proxecto municipal.

Bieito Lobeira.

Un gran amigo cun compromiso organizativo intachable.

Manolo Rubial.

Unha persoa dunha gran valía e unha gran valentía dado que sen estar activo politicamento, deu o paso para encabezar ao BNG.

Antón Pousada.

Seguíu amosando un compromiso con Marín e cun proxecto para formar un goberno de esquerdas. O seu compromiso chega ao día de hoxe.

Imos agora cunha serie de cuestións de carácter máis persoal. Comecemos por un libro. 

Máis que un libro, unha escritora. Rosalía de Castro da que non me cando de ler e reler a súa obra.

Unha película.

Forest Gump é a que me vén á cabeza por un motivo persoal.

Unha viaxe, xa que ti es moi viaxeira.

Todas as viaxes son incribles pero Palestina tocoume moito e cambioume moitas visións que tiña.

Unha praia.

Aguete, a miña praia familiar.

Un lugar de Marín.

Castiñeiras e Santomé.

Manuel Pazos, PSOE, foi concelleiro no goberno entre o ano 2007 e 2011. Agora na oposición, regresou á política no ano 2019 obtendo cinco concelleiros mellorando a representación do ano 2015. Mantemos unha conversa con el na que imos analizando panorama político municipal.

Manuel que balance fas destes dous anos?

Marín posúe unha serie de problemáticas evidentes e de inaplazable solución. Solucionar a perda de poboación, a escasez do parque de vivenda, lograr que as empresas queden en Marín, poñer fin á parálise do PXOM, son tarefas urgentes.

Fronte a isto o goberno de María Ramallo non dá solución o que agrava a situación negándose a dar este tipo de debates. Eles adicanse a facer beirarrúas, que está moi ben, pero iso non soluciona os problemas estruturais que padece Marín e que provocan o éxodo da xente. O goberno municipal vive nunha campaña electoral permanente na que a súa acción de goberno se limita a aquelas cousas que lle poden dar rédito electoral.

Non hai moito criticastes o uso partidista das redes sociais por parte do goberno municipal.

Efectivamente, tal uso chegou ao punto de que mediante as canles e as redes sociais do concello, se nos contestaba a iniciativas do noso grupo municipal.

Que opinas da localización do centro cultural?

Xa no noso programa electoral fomos moi claros ao defender a necesidade de solicitar un estudo de localización para decidir o e mellor emprazamento desde o punto de vista urbanístico. O goberno de Ramallo decidiu o emprazamento acutal en base a unha rápida dispoñibilidade do terreo e non en base a quelo que podería ter favorecido o tecer unha cidade. Ao non haber estudo non existe realmente unha opinión fundada ao respecto de se a localización escollida é a mellor urbanisticamente falando.

Pero cal é a posición do PSOE?

A do estudo. O demais son única e exclusivamente opinións e por parte do goberno non existíu unha análise seria e rigorosa.

Non supón na vosa opinión unha pantalla fronte ao pouco mar que o casco urbano de Marín pode ver?

Se a localización do auditorio non vai acompañada de iniciativas que permitan unha mellor integración da vila co porto mal imos. E desde esa perspectiva a integración está rota. Desde agora mesmo no que habera que traballar de xeito intenso, é decidir como se integra ese espazo e que se vai facer con toda a bolsa de aparcamento que se vai perder. No seu momento houbo unha idea no goberno do bipartito que xiraba en torno a esa integración co soterramento da Avenida de Ourense, mais no momento que María Ramallo chegou a alcaldía paralizou o proxecto.

Retomaríades ese proxecto se chegarades a gobernar?

Indiscutiblemente hai que retomalo, é fundamental para reordenar o urbanismo da vila de cara ao futuro.

Houbo unha forte polémica coa zona azul. Foi unha idea vosa da que no último intre vos desentendestes por dicilo dalgunha maneira coa vosa abstención. Quixera darte este espazo para explicarllo á xente.

A idea foi nosa, efectivamente, e puxemola enriba da mesa haberá cousa de dous anos. Parecíanos e parécenos que esta idea era claramente positiva para impulsar o dinamismo do comercio local, para a propia xente de Marín e para os habitantes do rural, mais foi unha medida mal executada e mal explicada por parte do goberno local de Marín.Antes de poñer esta medida en marcha había unha serie de medidas que poñer en marcha. Entre outras cousas non se puxeron en marcha alternativas ás bolsas de aparcamento que se estaban a perder nese momento, especialmente nunha Avenida de Ourense que naqueles intres tiña parte do seu espazo de aparcamento ocupado por obras. Dito isto, teño que dicir que considero a medida postiva e que se están a ver za os resultados da mesma. A xente comeza a percibilo desde o punto de vista dunha maior mobilidade e rotación dos aparcadoiros e a finalidade que se perseguía coa medida se esta a cumplir en maior ou menor grao.

Hai unhas semanas as asociacións de comerciantes, culturais e veciñais de Seixo denunciaban que a Xunta pretende pechar o Centro de Saúde de Seixo. Cal é o voso posicionamento a este respecto?

Cuestionada por isto no pleno municipal, María Ramallo dixo que había intención por parte da Consellería de cubrir a praza do Doutor Martín, que se xubila en breve. O noso posicionamento, pero tamén o de resto de grupos políticos ten que ser claro. Non se debe cubrir a praza do Dr Martín, senón que tamén se debe ampliar por parte da Consellería de Sanidade a oferta de servizos deste centro de saúde que é unha peza fundamental no asentamento de poboación no rural marinense.

Agora falabas do rural. Como describes a situación do rural en Marín?

O goberna municipal está a facer no rural o meno que se duxo durante toda a vida, non existe ninguna iniciativa novedosa que permita parabenizalos nesta área. Faise o de sempre, desbrozar camiños, botarlle asfalto ás pistas, poñer en marcha saneamentos etc. Todo isto é importante si, pero hai outras cousas igual de importantes ou máis que se deben ter en conta, e cando desde a oposición se denuncian non nos teñen en conta. Vou poñer un exemplo disto. Propuxemos unha solución determinada para atallar os problemas de verquidos na depuradora de Pastoriza. Inicialmente o goberno municipal de Ramallo votou en contra, pois ben, pasado este tempo a solución que van a adoptar é a que nos presentaramos previamente no pleno e que fora rexeitada, dado que os parámetros de salubridade da auga son moi malos.

Manuel, como ben sabes a situación da esquerda en Marín é mala, moi mala, desde o centro á esquerda o panorama é desolador e proba delo son os gobernos continuos do Partido Popular e de María Ramallo desde o ano 2011. Que fixo mal o PSOE pola parte que lle toca?

Desde o punto de vista partidista non foron unhas malas eleccións para o PSOE de Marín xa que medramos en todos as mesas electorais e rachamos unha tendencia na que viñamos decaendo en apoios desde o ano 2007.

O certo é que a excesiva oferta na esquerda fixo que a xente percibise que non existía unha alternativa, e xa despois, no reconto, a lei electoral foi tremenda xa que partidos que tiveron apoios importantes non miraron traducido ese apoio en concelleiros. 1500 votos foron ao lixo.

Manuel Pazos será candidato do PSOE no ano 2023?

Se os militantes, unha vez feita a valoración colectiva, consideran que ese traballo foi correcto, estarei disposto a dar os pasos que teña que dar, si.

Cal é a túa opinión de María Pierres?

É amiga, unha política de primeiro nivel que para o nosa desgraza perdeu o parlamento galego.

Podería ser María Pierres a candidata do PSOE en Marín?

Estaría encantado de que entrase en calquera posición no noso equipo. Foi unha excelente deputada que amosou unha enorme capacidade de traballo e sería un importante activo.

Agora pasarei Manuel a dicirche alguns nomes dos que me gustaría que fixeras un breve apuntamento. Comecemos.

Antonio Santiago “Toneco”.

Unha persoa capaz de dar estabilidade e loitarpolos intereses de Marín. Foi un alcalde con maiúsculas que conseguíu debilitar o espazo da dereita como nunca.

Juan Muradas.

A persoa que sempre estivo detrás dos existos do Partido Socialista en Marín.

Abel Caballero.

Os resultados o avalan. Antepón a súa cidade a todo, incluso ao partido. Ten o mérito de ser apoiado en calquera franxa ideolóxica.

Felipe González.

Foino todo neste partido. Nesta última etapa non está a apoiar como debería ao partido no proceso de cambio interno e de xestión.

Pedro Sánchez.

Un político que xa ten amosado a súa capacidade de resistencia e supervivencia. Esta a sofrer uns ataques brutais e feroces por parte da dereita mediática e política.

Imos agora cunha serie de cuestións de carácter máis persoal. Comecemos por unha lembranza da infancia.

A miña nenez no Cantodarea. Un barrio cheo de rapaces e cheo de vida co que agora se me cae a alma aos pes ao miralo tan degradado.

Unha praia de Marín.

A praia de Mogor. Un enclave de Marín precioso.

Un lugar.

O río Loira.

Un libro.

Un cesto de mazás, de Montse Fajardo.

Unha película.

Django desencadenado. Tarantino.

Unha serie.

Chernobyl.