“No CD Bueu queremos transmitir os valores da amizade, do traballo en equipo e da boa educación.” Geno Ríos, presidente do CD Bueu.

No Campo Municipal A Graña, entre o rumor constante dos ventos da ría so tempo que o Club Deportivo Bueu se prepara para un 2026 cargado de simbolismo. Fundado hai case cen anos, continúa a ser un dos piares do fútbol afeccionado na comarca do Morrazo, con episodios tinguidos de emocións que, máis aló das categorías nas que compite, teñen forxado a identidade dunha comunidade arredor dun balón.

Para a temporada 2025/2026, o equipo compite na Segunda autonómica de Pontevedra, unha categoría na que loita pola parte alta da táboa e onde a opción de ascenso continúa viva e presente nas aspiracións do club. Geno Ríos, o seu presidente, ten claras as ideas claras: afianzar resultados e lograr regularidade para dar ese paso que como entidade histórica merece.

Este ano que vén, ademais, marca un fito non menor no calendario: a chegada do centenario dunha institución que, ao longo de décadas, viu pasar xeracións de xogadores, adestradores e afeccionados polo seu vestiario e pola beira das liñas.

Desde que Geno Ríos asumiu a presidencia hai catro tempadas, a súa dirección mantivo unha aposta clara pola cohesión interna e pola ambición competitiva. O seu obxectivo desde o primeiro día foi construír “unha familia” no seo do club e traballar para que o equipo aspire ao ascenso, unha meta deportiva que, según o propio presidente, segue na mente de todos os que forman parte desta entidade.

Nestas páxinas, Ríos comparte con franqueza os seus puntos de vista sobre o momento actual, os retos deportivos e, sobre todo, o significado que ten o futuro inmediato para un club centenario que continúa a escribir a súa historia.

Desde cando ocupa a presidencia do CD Bueu? Que obxectivos se marcou ao asumir o cargo?

Pois levo xa catro anos ocupando a presidencia, cousa que vou compaxinando co meu negocio familiar. O obxectivo que me marquei desde o primeiro día foi facer deste club unha familia e como non, ascender a primeira rexional que por historia é o que merecemos.

Según os datos da temporada 2025/2026, o CD Bueu milita na categoría correspondente á segunda rexional. Que balance fai da campaña ata agora, e cal é a meta deportiva actual?

Polo momento aí vamos, estando na metade da táboa aínda que só a 6 puntos do ascenso directo que continúa a ser o noso obxectivo. Fáltanos tan só un pequeno plus para acadar esa regularidade que unha meta, das características dun ascenso, precisa.

Que factores cre que explican a actual posición do equipo, tanto acertos como aspectos a mellorar?

Fáltanos pegada. Temos unha calidade de xogo moi boa pero fáltanos ese dianteiro goleador que materialice a superioridade que como conxunto amosamos nos partidos.

Hai plans de reforzo da plantilla no mercado invernal ou de recrutar xogadores procedentes da base local? Se é así, en que posicións se priorizarán as incorporacións?

Si, existe esa idea de reforzarnos no mercado de inverno. Xogadores de categorías inferiores non podemos recrutar porque non temos categoría de xuvenís por motivos que despois se queres, podemos analizar. A idea é reforzarnos especialmente cun dianteiro e, desde ese punto de vista, xa estamos a sondear o mercado dentro das posibilidades e recursos que nos manexamos.

Como valora o traballo do corpo técnico e do estilo de xogo que ofrece o equipo neste comezo de temporada? Prevese algunha reestruturación ou cambio táctico?

Non imos facer ningunha reestruturación no corpo técnico porque o que temos é unha absoluta marabilla. Estamos realmente impresionados co resultado dunha equipa técnica e dun adestrador como Josu Villar que realmente se incorporou con moi pouco tempo de marxe. Josu Villar tennos impresionados dos recursos que manexa, propios do fútbol moderno e que fan deste equipo algo marabilloso.

O club compite desde o seu estadio habitual, o campo municipal “Campo Municipal A Graña” en Bueu. Hai plans de melloras nas instalacións ou infraestruturas do club?

Canto me alegra que me fagas esta pregunta. O estado actual de accesos ao campo de fútbol está nun estado deplorable. Levamos tempo solicitándolle ao concello a mellora dos accesos ao campo polas problemáticas que se producen no intercambio dos adestramentos. Estamos lonxe do centro de Bueu pero que aínda por riba o acceso en coche ao campo estea no estado que está, prexudica ao club a un nivel no que creo que o concello non é consciente. Prodúcense atascos, cando veñen os equipos visitantes non poden meter o autobús. É lamentable. Estamos perdendo rapaces na escola de fútbol por culpa destas circunstancias. Aos pais resúltalle máis cómodo meter aos rapaces no Beluso ou directamente noutras actividades que non sexan o fútbol.

Respecto das categorías base e da formación de xuvenís/infantís: cal é o estado actual da escola do club? Están previstas iniciativas para potenciar o fútbol base e atraer mozos de Bueu e contorna?

Temos biberóns, alevíns, benxamíns, pero o que non temos son xuvenís. A que debe iso? Pois débese en primeiro lugar a que non somos quen de competir economicamente con outros equipos que se dedican a cazar talento e a pagar cantidades que non se deberían pagar no fuúbol afeccionado.

Por outra banda, tamén é certo que non existe un sentimento de arraigo co club. Boto iso moito de menos, pero o dito, débese ao que equipos que nos rodean na comarca e máis alá dela pagan primas altísimas.

Por último, é certo como dixen antes que os accesos non axudan, como ben dixen antes. Hai mal acceso, non temos aparcadoiros en condicións e o concello fai caso omiso. Nun club con cen anos de historia resultan escandalosas as condicións que ten un campo de fútbol que por outra banda é municipal, polo que ten que ser o concello que se faga cargo, cumprindo as promesas que levamos anos escoitando.

Que papel xogan os patrocinadores, as institucións locais ou as colaboracións coa comunidade no financiamento do club para esta temporada? É suficiente para afrontar os retos deportivos e organizativos?

Pois mira, hai pequenos patrocinadores, pero falta un gran patrocinador. O concello é certo que nos aportan segundo o ano 4.000, 5.000 ou 6.000 euros. A deputación danos o mesmo que a todos, pero falta iso que che dicía, un gran patrocinador que permita dar un impulso definitivo. E digo isto sabendo que temos unhas contas saneadas e que damos feito todo tamén grazas á Cantina e a todo ese conxunto.

Tendo en conta a historia do clube, que valores queren transmitir ás novas xeracións de xogadores e afección?

Os valores da amizade, do traballo en equipo e da boa educación. Somos un equipo de fútbol si, e queremos ganar, tamén. Pero os valores educativos tamén son moi importantes, como o do arraigo cun equipo histórico.

Cal é a situación actual da masa social e de socios do club?

Nestes momentos andamos arredor dos 400 socios, pero volvemos ao mesmo, cantos veñen aos partidos? Veñen todos? Pois non. E por que? Polos problemas relacionados coa acceso ao campo.

Van facer algo para ano que vén? Ano do centenario do Bueu.

A idea é que si, por suposto. Estamos falando con equipos de nivel e non descartamos a posibilidade de que nos veñan visitar equipos como o Pontevedra ou un Celta B. Pero tamén digo, a presentación de Bueu e do CD Bueu vai ser a deses accesos ao campo?

Por outra banda, xuntaremos a todos os ex xogadores do club, un club que chegou a estar en terceira división, e aos que seguramente lle fagamos unha homenaxe.

Finalmente: que mensaxe lle gustaría transmitir aos xogadores, afección, familias e veciños de Bueu que apoian o club, especialmente aos máis novos que poderían integrarse ao proxecto?

Que aquí estamos, que os queremos. Á xente de Bueu pídolle que se implique co clube. Sabemos que está o balonmán, o fútbol sala e o remo. Pero o CD Bueu é historia desta vila é esa historia os necesita.