Juan Migueles, autor do calendario histórico de Redondela

Natural de Vilavella e residente en Cedeira Juan é un historiador que leva anos mergullándose no pasado da nosa Vila. Ven de publicar un traballo cuxa elaboración requiriu un esforzo extraordinario, polo que non cabe outra que recoñecer o enorme mérito que ten Juan en trasladar o noso pasado ao noso presente. É o “Calendario histórico de Redondela”.Nesta obra recóllense día a día distintos sucesos relevantes que aconteceron en todos e cada un dos 365 días do ano. Nós non puidemos deixar de conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O meu obxectivo é que a Redondela de hoxe coñeza un pouco mellor á Redondela que foi”

Como acaba un mestre de infantil recompilando a historia de Redondela?

Ben, a miña formación é a de mestre de infantil pero non traballo como mestre. A min sempre me interesou a historia. Comecei un pouco como entretemento facendo un traballo sobre os distintos alcumes. E a verdade mentres buscaba información deime de conta de que case non había nada publicado sobre a historia de Redondela

Na web do Concello non hai nada tampouco?

Case nada. Apenas hai unha folla. Entón lanceime á piscina

O libro dos alcumes xa está publicado?

Si.

Que foi o que máis che custou para facer ese traballo?

Investigar as orixes de cada alcume. Pero coa colaboración da xente e cun minucioso traballo de investigación fun resolvendo.

Dime algún alcume que che parecera especialmente rechamante?

Hai milleiros: “Cagha lúas”, “ Cagha pa dentro” “ As cagonas”..

Despois dos alcumes veu o blog de fotos antigas de Redondela?

Si, e tivo bastante éxito. Trátase de amosar ás novas xeracións como era a Redondela que foi, en todos os eidos posibles.

Cantas fotos podes ter?

No meu arquivo entre as antigas e as recentes teño arredor de 40.000

Cres que Redondela coida o seu patrimonio de maneira adecuada e suficiente?

En Galicia, en xeral, non se coida o patrimonio. Redondela, en particular, vai facendo pequenas cousas a este respecto, o que é moi importante. Por fin no PXOM temos un documento no que ven todo recollido para que cando o Concello queira facer algunha actuación saiba onde hai algún elemento patrimonial de interese.

Posteriormente fas un libro de Cedeira. De que trata?

É unha iniciativa do Concello consistente en facer libros sobre as distintas parroquias. Cada un dos autores enfocouno de maneira diferente aos demais. Houbo desde quen describiu historias das distintas familias ata quen explicou as distintas rutas de sendeirismo. Eu centreime en contar a historia dos elementos patrimoniais da parroquia de Cedeira.

E chegamos ao último libro

Pois si. Tamén foi un encargo do Concello. A idea é facer un calendario e en cada día reflectir un suceso importante que acontecera na nosa vila.

Que criterios utilizaches para a súa redacción?

Tratei que fose o máis ameno posible con obxecto de suscitar o interese nos lectores e lectoras. Engadín moitas curiosidades e anécdotas que entendo poden resultar de interese para quen se achegue ás súas páxinas.

As persoas que aparecen no libro son reais?

Si, si que o son. Algunhas moi coñecidas outras non tanto, pero si que son persoas reais. O obxectivo é que a Redondela actual coñeza un pouco mellor á Redondela do pasado.

Facer un libro sobre a historia de Redondela que recompile 365 episodios diferentes, un por cada día do ano, debe de supor un nivel de esforzo realmente importante?

Non hai unha historia diaria, hai 3 ou 4 historias de cada día. E si o nivel de esforzo é enorme. Levoume moitos anos completalo. Pero a satisfacción de ir descubrindo aos poucos historias apaixonantes da nosa vila é máis grande aínda e fixo que todo o esforzo pagase a pena de verdade.

Cres que a historia de Redondela suscita interese real nas xentes de Redondela?

O meu blog xa pasa das 120.000 visitas. Si, sen ningún tipo de dúbida, si que suscita interese.

Hai algo do teu traballo que che faga sentir especial ilusión?

En xeral todo me gusta moito. Pero se cadra cando algún profesor me di que está utilizando o meu blog para traballar cos nenos e os alumnos achéganse con ilusión e interese pois a verdade é que me enche de orgullo.

Como valoras a compra que fixo o Concello de Villa Elisa?

É un acerto. É a mellor maneira de garantir que ese patrimonio arquitectónico vai poder ser conservado de maneira adecuada. Agardo que todos os gobernos futuros de Redondela sigan nesta liña de conservar o noso patrimonio. Por outro lado o local no que está a biblioteca actual non é que sexa o mellor posible. Trasladala a Villa Elisa paréceme moi ben.

O Museo de Anxo Barros acabará sendo realidade?

Agardo que si. Pero estaría mellor se se amplía a máis creadores. Temos moito talento en Redondela que merece un espazo para a súa expresión.