Quixera que antes de comezar a ler esta reportaxe fixeran un exercicio de imaxinación. Pensen que son propietarios dunha vivenda familiar que ten arredor de dous séculos de existencia, varias xeracións da súa familia amaron , sufriron, choraron, riron , emocionáronse, ilusionáronse, viviron e morreron entre as paredes que agora lle dan acubillo a vostede amigo lector ou amiga lectora. E, de súpeto alguén decide que para poder ir á súa casa ten que ter un carnet, e que para poder decidir a quen convida ao seu domicilio os potenciais convidados tiveran que atinxirse a un sistema de cotas, que dependendo da dispoñibilidade numérica pode facer que quen vostede queira convidar á súa casa non poida ir. Semellaría surrealista verdade?, pois iso, exactamente iso, teñen que padecer os veciños e veciñas da illa de Ons, ante a vergoñenta inacción da Xunta de Galicia, que se nega a sentarse con eles para escoitar as súas demandas. Nós conversamos coa presidenta da AVV da Illa de Ons
María Pérez Piñeiro
“ É INEXPLICABLE A ABSOLUTA FALTA DE VONTADE QUE TEN A XUNTA PARA SENTARSE CON NÓS E BUSCAR UNHA SOLUCIÓN AOS PROBLEMAS QUE PADECE A VECIÑANZA DA ILLA DE ONS”
Es nativa de Ons?
Nacín en Bueu, os meus país levaban dous anos aquí instalados cando eu nacín, pero eu considérome totalmente insular
A identidade colectiva galega artéllase máis por parroquias que por Concellos. Normalmente o sentimento de pertenza á parroquia é superior ao de pertenza ao Concello. No teu caso, ti es da illa?, ou es de Bueu?
Eu son da Illa. E as miñas fillas, que naceron en Bueu tamén se senten da Illa
Onde Vivides?
En Beluso, pero temos casa na Illa e alí vamos sempre que podemos
E as viaxes?
Habilítanse a partir de Xuño para os visitantes, e a non ser que teñas unha embarcación privada a iso tes que aterte
Cantas persoas viven de forma permanente na Illa?
Agora mesmo 3 familias, en total 5 persoas, dúas parellas e un home
Supoño que serán maiores, como fan para aprovisionarse?
Si, son maiores. Teñen que coordinarse cos vixiantes do parque. Aproveito para dicir que teñen un comportamento excelente. Son cinco persoas, en distintas quendas de traballo. É dicir que os 365 días do ano hai na illa 10 persoas, 5 nativos que viven de forma permanente e 5 vixiantes
Na temporada de verán cantas persoas podedes chegar a vivir na Illa?
A partir de semana santa, non a deste ano polas circunstancias sanitarias claro, xa se instalan na illa arredor de 20 ou 25 persoas, E as fins de semana da temporada estival, só cos insulares, sen turistas, podemos vivir na illa arredor de 300 persoas
Cantas vivendas hai na illa?
Oitenta e dúas
A túa familia é orixinaria da Illa?
Si, tanto por parte da miña nai como por parte do meu pai. De feito o meu bisavó contábanos que a nosa familia foi das 9 ou 10 primeiras que colonizou a illa
Caramba que historia máis bonita, e sabemos cando comezou o proceso de colonización?
Non che sabería dicir con exactitude, pero creo que hai algo mais de dous séculos
Ah, e logo antes dese proceso colonizador, a illa estaba despoboada?
Si, foise poboando con xente de distintas parroquias de concellos varios. Que eu saiba a miña familia ten procedencia de Ribeira e de Seixo
Historicamente cando tivo ONS o seu pico máis elevado de habitantes?
Non che podo dicir exactamente o ano pero o censo máis elevado que tivo a Illa foi de 536 persoas
Miña nai¡¡ 536 persoas que vivían todo o ano na illa que pasada. E de que vivían?
Da pesca e da agricultura. Especialmente do polbo. Fíxate, o meu avó contábanos que o marisco, no seu tempo non se comercializaba, de feito dábanllo ás galiñas
Cando se comezou a despoboar a illa?
A partir da década dos 70 do século pasado. Porén, quixera dicir que nunca, e cando digo nunca quero dicir nunca, a xente deixou de ir ás súas casas. A necesidade fixo que se tiveran que vir vivir ao continente, pero os sentimento de insularidade, así como a ocupación das casas sempre que se podía, non desapareceron xamais
As casas nunca se abandonaron?
Nunca xamais
Pero médico nunca chegou a haber non?
Si que houbo, e escola tamén. Aínda hai a casa do médico, e a casa do mestre e a da mestra.
Hai establecementos de hostalaría para atender ao turismo?
Hai un camping e dous restaurantes con casas habilitadas para durmir
E na época do turismo cantas persoas poden chegar a vivir na Illa?
O ano pasado que foi o primeiro que se estableceu o sistema de cotas, entre xullo e agosto encheuse todos os días, 1.300 persoas
Nesas semanas de verán non hai ningún servicio?
Hai unha pequena tenda
Ti como chegas a ser presidenta da AVV da Illa?
Hai 20 anos eu xa formei parte da anterior directiva. Eu teño uns vínculos afectivos moi fortes coa illa, e estou comprometida firmemente co benestar dos seus veciños e das súas veciñas. O ano pasado establécese o sistema de cotas e o sistema de carnets que nos limitaba o acceso incluso ás nosas propias familias. Isto chega ao absurdo de que hai momentos en que non podo levar a parte da miña familia á miña casa, e eu sinto a necesidade de loitar
Quen establece o sistema de cotas?
A Xunta de Galicia, a través dun plan reitor de usos que tiña que telo feito cando se aprobou que a Illa fose parque nacional, pero como deberon estar moi ocupados todos estes anos, non o sacaron ata o ano pasado. Iso si, sen contar en absoluto coa opinión dos veciños e veciñas
Pero aínda que Ons sexa parque nacional, vós sodes concesionarios, e supoño que a Xunta antes de tirar nada que vos afecte, terá que comunicárvolo?
Si claro, pero non o fixeron. Como che dixen quitaron o seu sistema sen ter en conta para nada a nosa opinión. E desde aí decidimos comezar as nosas mobilizacións e protestas
En que consiste o carnet?
É unha autorización que fai que non dependas da cota. O carnet é para o concesionario e para os seus familiares directos. Nós entendemos que non precisamos ningún tipo de autorización para ir ás nosas casas, e nin moito menos dicirlle á Xunta a quen queremos convidar aos nosos domicilios
Os trámites que tes que cumprir para levar a calquera persoa convidada á túa casa, son sinxelos?
Son terriblemente complicados. Hai que facelo a través dunha plataforma web. Dille ti a o matrimonio de 80 anos que vive na Illa todo o ano que o fagan para convidar a calquera persoa á súa casa. Incualificable vaia
Como trasladastes o voso malestar á Xunta?
Diriximos varios escritos á consellería de medio ambiente e á dirección de parques
E a resposta da Xunta?
Facernos caso omiso. Non nos contestaron
Pedistes apoio ao concello de Bueu?
Si claro e a receptividade do alcalde e do goberno municipal foi absoluta. Sempre estiveron ao noso lado
Ti como presidenta da AVV sentes o respaldo da veciñanza da ILLA?
Absolutamente, e tamén síntome moi orgullosa de ser de ONS e de todas as miñas veciñas e veciños. Na nosa festa patronal en agosto do ano pasado 500 veciños e veciñas de Ons estivemos coa nosa camisola negra “Ons en Loita”, percorrendo a illa desde a igrexa ata o peirao
No momento presente en que situación está a vosa reivindicación?
Na mesma que o ano pasado. Como che dixen, na Xunta non nos fixeron nin caso
E cal é a posición do PP de Bueu?
Inicialmente parecía que nos apoiaba, pero agora mesmo romperon a negociación cos veciños. Nós o que pretendemos non é nada do outro mundo, só que se senten con nós para establecer unha mesa por Ons, e que nós lles traslademos as principais necesidades que temos e os problemas máis importantes que padecemos; a auga, a electricidade, os servizos médicos. Representantes da Xunta estiveron aquí en setembro, fixemos un documento para sentar unhas bases de acordo, e increiblemente , no mes de marzo , de maneira unilateral romperon todo tipo de negociación con nós
E que mensaxe vos trasladan?
Que o tema de Ons está resolto
En que se concreta iso de que está resolto?
Cota, carnet e punto. Se che gusta ben e se non tamén. E o resto de problemáticas que ten a veciñanza de Ons nin se tocan
Non entendo cal pode ser o motivo da Xunta para non sentarse con vós e tratar de atender as vosas demandas
Eu tampouco, resúltanos verdadeiramente inexplicable
Cal é a vontade da asociación que presides?
Continuar na loita ata o final sen dar un paso atrás