Guerra Restauración Portuguesa, ano 1644. (Ven de xullo pasado).
…Seguiu a esta entrada, outra que fixo o Tenente de Mestre de Campo Xeneral Francisco de França, no que queimou Bangueses e Freixo, grandes lugares do interior. O Marqués de Távora, procurando a satisfacción deses danos, determinou queimar as poboacións de Lanhelas, Seixas e Gandarém, situadas na ribeira do Miño, entre Vila Nova e Caminha, sen máis defensa que unha frouxa trincheira e sen máis guarnición que a dos moradores, gobernados por Antonio de Azevedo, Capitán da Ordenanza. O inimigo para divertir o noso socorro, armou cantidade de barcos en Tui, na Garda e en Forcadela. Os de Tui puxeran os galegos frente de Valença, os de Forcadela de Vila Nova e os da Garda entraran coa marea pola barra de Caminha pondo a proa na parte do río destinada o embarque e desembarque de persoas e mercadorías. Determinaron queimar algúns barcos que estaban nese lugar, sen embargo, estorbados por algunhas balas de artillería, desistirán deste empresa. Os que avistaran as entradas doutros portos, non fixeron máis que disparar algunhas roqueiras, (canóns que tiraban pelouros de pedra), con estas aparencias ficaron o descuberto, entón o Conde de Castell Melhor, prevendo que os ataques foren a máis, mandou a Duquiné con 90 cabalos, ordenándolle que marchara pola ribeira do Minho abaixo e socorrese calquera dos lugares que o inimigo atacase.
Nesta altura saíra do lugar de Tamuxe, Don Luís Odriseo, Sarxento Maior do Terzo de D. Antonio Saavedra con mil Infantes escollidos, que embarcou en sete barcazas e outros moitos barcos pondo con gran decisión proa a Lanhelas. Os moradores vendo a proximidade do perigo determinaron resistir defendéndose con grande perigo das súas vidas, de tal maneira que en canto os primeiros galegos saltaran a terra, envestíronos con tanto valor que inda que pronto perderon 25 homes, acometéronos nunha segunda avanzada, axudados polas bocas de fogo da trincheira de Lanhelas e obrigáronos a coiteladas a virar as costas.
Neste barullo en que se meteron, os galegos fixeron encallar os barcos e o querer socorrelos e non conseguilo polo grande dano recibido das balas que se disparaban dende Lanhelas, retiráronse con grandes perdas de máis de 600 homes, ficaron 50 prisioneiros, entre eles, un Sarxento Maior e catro Capitáns de Infantería. Despois de retirarse os galegos, chegou Duquiné que puxo un pouco máis de orde na defensa.
O Conde, pasado este suceso, mandou queimar algúns lugares de Galiza polo Capitán Antonio de Abreu, que servía en Melgaço. Queimou a vila de S. Xoán de Crespos e outras poboacións, e inda que o inimigo conseguiu reunir forzas, retirouse sen dano.
O Marqués de Távora pretendeu gañar o Castelo de Crasto Laboreiro, para elo xuntou 4000 Infantes e 200 cabalos e mandou atacar o Castelo. Estaba dentro gobernando Pedro de Faria con 25 soldados pagos, agregáranse a estes 200 paisanos, e tendo anticipada a noticia de que o inimigo marchaba para aquela parte, dispuxéronse a defender o Castelo, animados polo éxito do suceso de Lanhelas. Chegaron os Galegos e investiron por varias partes o Castelo, máis vendo a resolución con que era defendido, retiráronse deixando algúns mortos e levando outros feridos.
Neste tempo determinou o Barón de Sabá, (que chegara a ser Mestre de Campo Xeneral do Reino da Galiza), fabricar un cuartel para seis compañías de Infantería e unha de cabalos no lugar de Pesqueiras, con intención de impedir as entradas que os portugueses continuamente facían dende Salvaterra, da que Pesqueiras distaba media legua. En canto o Conde tivo noticia, mandou o Mestre de Campo Diogo de Mello Pereira con 500 Infantes e 50 cabalos a desaloxar o inimigo. Executou el esta orden con tanto valor , que marchando a noite do 17 de Maio, encontrando a tropa inimiga, que ficaba fora do cuartel que se fabricaba, envestiuna e derrotouna. Os Infantes con este receo retiráronse e en canto amenceu, entrou Diogo de Mello no lugar sen atopar resistencia. Desfixo tódalas trincheiras que estaban levantadas e retirouse para Salvaterra, levando algúns soldados de cabalo feridos.
Non cesaban as armas de unha e outra parte de continuar esta forma de guerra. Soubo o Conde que o inimigo chantara unha peza de artillería no lugar de S. Bertolameu en Tui, guarnecido con dúas compañías de Infantería do Tercio de Don Luís de Viveros, irmán do Conde de Fuensaldaña, que estaba co resto do terzo acuartelado nos lugares veciños. Recibían desta peza grande dano os barcos que pasaban para _Caminha e por esa causa ordenou o Conde ó Tenente de Mestre de Campo Xeneral Francisco de França Barbosa que pasase con 300 Infantes a quimar o lugar e capturar a peza de artillería.
Unha e outra orde executouse valerosamente, e a pesares da oposición que na retirada intentou facerlle Don Luís de Viveros, volveu pasar o río traendo capturada a peza de artillería e outros restos do lugar.
“Historia do Portugal restaurado. Luís de Meneses. Biblioteca Nnal. Lisboa.”
Salvaterra de Miño a 17 de setembro de 2023
Antonio Lorenzo González, “Antón Xaque”.