Bieito Lobeira

O noso é un pobo non dado a valorar suficientemente, penso, os seus logros colectivos, os seus méritos, a súa valía. Noutras latitudes si o fan, sen se preocuparen da inmodestia. Mesmo hai quen, neste país noso, valora o propio só cando o recoñecemento a calquera iniciativa procede de fóra. Sonche cousas da historia. No noso caso, unha historia de negación, de ocultación, de dependencia, mais tamén de resistencia. É nesa tensión dialéctica entre dependencia e resistencia, entre sometemento e liberdade, onde mellor sitúo a explicación do enorme empeño, do inmenso mérito, que fixo posíbel o nacemento e andaina, xa polos 200 números, desta construción colectiva chamada A Nova Peneira.

Explícome. Estes 200 números d’A Nova Peneira son a demostración dun grande esforzo humano, mais tamén a constatación científica de que é posíbel facer o imposíbel. Nuns tempos en que o galego, teórico idioma oficial, se encontra en realidade proscrito, e desde logo expresamente excluído de calquera tratamento informativo e mediático, e por suposto, do favor institucional, aquí aparece A Nova Peneira, publicación monolingüe en galego, libre e sen complexos, e por enriba en soporte papel. Máis difícil aínda. Mariñeiros da palabra que vogan contracorrente, aproando o poder político. En 200 números. Case nada. Primeiro e inmenso mérito: A Nova Peneira optou non pola comodidade, senón polo máis difícil. Polo galego. Pola lingua do seu país. Sen disimular nin agocharse. E tamén por un modelo de xornalismo alternativo, dándolle voz a quen non a ten, e procurando visualizar a realidade dunha nación viva e combativa que o poder se empeña en ocultar.

E agora vén a parte humana. Os proxectos son colectivos e sobrepasan os individuos, mais sen seres humanos non hai proxectos. E aquí hai moita humanidade. Non coñezo todo o equipo que fai posíbel, contra vento e maré, este proxecto xornalístico, mais vaia por diante a miña admiración sincera. Admiración e tamén sorpresa despois de todos estes anos. Non son crente, mais Tino, o seu director, é das persoas que máis se achega ao concepto de omnipresencia. É quen de desafiar á ditadura espazo-temporal, e gañarlle. Para escribir, contar, escoitar, aconsellar, convencer e percorrer milleiros de quilómetros ao mesmo tempo. E cun sorriso que non hai quen llo quite. Non ten prezo este home. Non sei con que alimenta o seu corpo, nin o segredo do seu motor vital de combustión. E como non cremos no individualismo, senón no traballo colectivo, por moito que haxa persoas decisivas en moitas ocasións, non podemos esquecer tampouco a quen coñecemos por razón de veciñanza e amizade, e que impulsan tamén A Nova Peneira: De Marín, claro, Lucía Santos, co seu enorme corazón e inmensa capacidade, ou Aarón Franco, polivalente propulsor de iniciativas e de pluma brillante.

Fascínanos tamén toda esa ampla base social de extracción popular, incluíndo pequenos negocios e establecementos de todo tipo, alicerce económico a través da publicidade, xunto a subscritoras e subscritores, auténtico cimento e sustento deste periódico. É ese modelo o que tamén permite exercer con liberdade de criterio fronte ao poder, sen dependencia nin obediencia, a diferenza da maioría de medios de comunicación. A dignidade non ten prezo.

Serán cousas da peneira, ese aparello popular tradicional que é quen de separar o grao do refugallo, e permite obter para a comunidade millo, trigo, fariña ou sementes limpas de residuos. A Nova Peneira fai un labor similar, e elimina intoxicacións, polo ben da realidade social. Pois xa van alá 200 peneiradas. E o que queda por peneirar. Aí seguen. Coa conciencia tranquila e a cabeza ben alta. Un orgullo.