Supoño que ninguén me levará a contraria cando digo que a vida é un abraiante misterio.
Unha cadea de ecuacións e estancias escuras que o ser humano leva tentando descifrar dende que comezou a erguer os seus ollos do chan.
Séculos de estudos, investigación, teorías, teoremas, ensaios e erros co galo, xa non só de comprender o que nos arrodea, se non tamén, de predicir o seguinte andar nesta deriva galáctica á que estamos encadeados.
As que non temos os coñecementos necesarios para entendérmonos todas estas leas non nos queda outra saída que fantasiar sobre o descoñecido. Sobre as forzas magnéticas que manteñen en orde a harmonía do caos e os planetas suspendidos coma se fosen roupa mollada. Unha auténtica marabilla.
Logo están os langráns que andan todo o día metidos na rede na procura de respostas, coma se non tiveran valentía abondo para levar sobre as súas costas a pesada equipaxe da dúbida.
Que fermosa é a dúbida, se cadra, tanto coma a vida, porque a vida si que é fermosa e marabilosa.
Outro termo, que moitas veces adoitamos trabucar, ou mesturar ca vida, é vivir.
Se acordades, ben podemos dicir que a vida é fantástica, pero o que realmente importa é vivir, iso xa é outro cantar. Iso moito veces é unha carallada.
Nesta beira amable do mundo, agora, o vivir non está nada mal.
En condicións normais temos as ferramentas, ou, cremos que temos a capacidade de saltar e trocar o noso entorno no noso beneficio. Porén, alén das nosas fronteiras a vida convértese nun drama, nunha loita cotiá onde a vida e morte están anodadas coma un cambio de estación. Aínda así, paga a mágoa vivir, loitar, morrer.
Outra cousa ben distinta e que nos derradeiros días volta estar na rúa, na televisión, no congreso dos asnos e en cada unha das nosas casas é o eterno debate sobre o dereito a ter unha morte digna.
Curiosamente, aqueles partidos políticos que se opoñen a este dereito esencial na vida dunha persoa son os que non fan máis que guindar pedras nos fráxiles tellados do benestar colectivo. Son os que non fan máis que por paus nas rodas dos que tentar vivir e traballar dignamente.
Son os que non fan máis que premiar os intereses privados a cambio dunha bancada que lles permita vivir por enriba das súas posibilidades.
Son os que , a fin de contas, sempre estiveron en contra do sentido común e do progreso.
Vivir é unha marabilla, un pracer, vivir eche a hostia.
Vivir paga a pena sempre e cando os sentidos sexan dunha. Vivir paga a pena cando unha poida loitar cos sentidos contra os cambios de estación.
Vivir paga a pena cando unha poida aloumiñar o vento cas xemas dos dedos ou camiñar cos pes espidos sobre a herba mollada da memoria.
Vivir paga a pena sempre que unha lembre o camiño de volta á casa ou recoñeza a súa faciana no espello dos ollos da persoa que ama.
O meu amigo Koke Péz Souto sempre me di, vivir está guai, se non entramos en detalles e se quitamos todo o malo.
Vivir paga a pena, e morrer, morrer tamén.