O capital humano

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

Non sei a vostedes mais a min a crise do COVID 19 deixoume moitas dúbidas e unha única certeza: só o pobo salva o pobo. Na situación máis dramática que viviu o país nesta democracia houbo un único capital que veu salvarnos: o humano. Foron as mans da enfermeira, da doutora, da limpadora, da caixeira, da operaria de conserveira, da veciña que sorría dando palmas, as que teceron a rede cando baixo os nosos pés se abriu á Terra, nunha sima que pareceu tragar o IBEX 35, a Banca ou a Monarquía -quen nos dera-.

De súpeto resultou que non avanzaramos tanto. Que igual non eran tanta tolemia clamar contra o capital, a globalización, as grandes superficies ou o comercio on line que acababa coa tenda de proximidade… “Que estades en contra do progreso, vaia. Pois nada, volvede á cova da aldea”. E a cova acubillounos. Cando o mundo se limitou ao próximo, foi evidente que precisamos das persoas. O traballo é esencial, o capital negocio. Os cartos non fan pan, nin pescan nin sachan, perdóenme o obvio.

A dúbida é se aprendemos algo, se nos vai durar esta febre onde parece que ata Donald Trump se volveu comunista no seu afán de nacionalizar porque resulta –oh, sorpresa- que no público estaba a resposta, que hai cousas que non poden ser un negocio, empezando pola sanidade e a atención ás persoas maiores. Porén, vemos ao goberno que condecorou firmas responsábeis da traxedia nas residencias, dando leccións de pallas en ollo alleos. Que espanto.

Non ten pinta de que cambie a cousa.

Un estudo revela que foi esencialmente man de obra feminina a que traballou en tempo de crise, por ser maioritariamente mulleres as que copan os ámbitos de alimentación e sanitario, e sen embargo amosa tamén que os empregos que se van destruír nos sectores máis afectados pola pandemia, como o turístico, serán tamén esencialmente femininos: Cando haxa que prescindir de alguén nun hotel, nun restaurante ou nun bar, optarase prioritariamente por mulleres, porque xa se sabe que se non hai traballo para ambos, é prioritario que traballen eles. De feito, nos matrimonios empregados en sectores considerados esenciais, foron mulleres as que maioritariamente renunciaron ao seu emprego para quedar na casa coidando as crianzas tras o peche das escolas e as distancias das avoas. Nada novo, seguimos coma sempre.

A pandemia non serviu para afianzar nin a igualdade real nin a conciencia de clase. Cando aínda é tímida a reapertura dos comercios, propáganse tanto as colas de Inditex como os carteis de peche nos escaparates de perrucarías e comercio de proximidade. Xa esquecemos de que lado estamos e que sociedade queremos. E volvemos a rendernos ao capital. Non pedimos o Princesa de Asturias para a caixeira ou a froiteira do lado. Pedímolo para Amancio Ortega. E reábrese a polémica. Enténdanme, non teño nada en contra do empresario nin de que doe máscaras ou equipos oncolóxicos a hospitais. Pero non é esa a sociedade que eu quero. Apostamos polo público, lembran? Porque só a súa defensa garante a equidade. Precisamos dunha administración forte con músculo dabondo para lograr que todas as persoas teñan as súas necesidades básicas cubertas, sen necesidade de doazóns ou tan sequera ONGs. Dunha sanidade ben dotada de medios técnicos e humanos, que non se sustente na caridade senón na redistribución da riqueza baseada nun sistema impositivo equitativo e solidario, que non pega ben coa enxeñaría fiscal de Inditex. Un sistema onde os aplausos se traduzan en empregos estábeis, garantes de dereitos e ben remunerados. Mais parece que o camiño non vai ser ese senón o de dotar o persoal sanitario de bonos para hoteis. Así descansa cando, á volta da esquina, volvamos meter a tesoira no Sergas. E se algo pasa, poñémoslle unha candea a san Amancio.