Nestor Rego - Deputado Nacionalista no Congreso
Fica pouca dúbida de que os Orzamentos do Estado para 2021 son maos para a Galiza, por moito empeño que poñan os dirixentes galegos dos partidos do Goberno en xustificar a discriminación flagrante cometida co noso País. Porque os números falan por si: o investimento territorializado na Galiza (832 M€) desce en 104 millóns de euros en relación cos últimos aprobados, os do Partido Popular e de Montoro (936 M€) que xa eran claramente insuficientes.
E isto, no cadro dunhas contas expansivas, dado que soben globalmente e que se incrementan os investimentos por riba de 68%. De facto, soben a maioría das Comunidades autónomas, entre elas todas as do arco mediteráneo, mesmo por cima de 45% (Andalucía) e até 83% (Murcia). Para alén de outras en que goberna o Partido Socialista, como Navarra (56%) ou Asturias (63%). Entre tanto, a Galiza desce en máis de 11%.
Frente a esta evidencia, asistimos ao lamentábel espectáculo de deputados e deputadas de PSOE e Podemos que, no canto de traballaren para que os seus partidos modificasen o trato discriminatorio que dan á Galiza, se esforzaron en tentar xustificalo con todo tipo de argumentos demagóxicos e pouco rigorosos.
Argumentos como que os investimentos máis elevados de anos anteriores eran para as obras do AVE, que xa está finalizado. Falso: nos propios OXE figura a variante de Ourense da alta velocidade, valorada en 632 M€ e só se orzamentan 29 M€. Para alén de que temos moitas necesidades pendentes, especialmente na rede interior dos camiños de ferro -que tiña que ter sido a prioridade-, como consecuencia do déficit histórico en investimentos no noso País. Aliás, Andalucía e Cataluña xa teñen AVE e soben 45% e 50%. Non deixa de ser rechamante que levar unha demora de 30 anos en investimentos sirva para xustificar que tampouco os necesitamos no presente.
Ou argumentos como que recibimos máis investimento por habitante que a media do Estado, que non teñen en conta ese déficit histórico que padece o noso país. Por exemplo, o Ministerio de Transportes xáctase de dotar unha partida de 1.500 M€ para mellorar o servizo de cercanías. Ora ben, nin un só euro desa partida virá para a Galiza, pola simple razón de que aquí as cercanías non existen. Antes habería que crealas, como propuña o BNG nas súas emendas, que PSOE e Podemos rexeitaron.
E o último e grande argumento empregado polos partidos do Goberno para defenderen os orzamentos é que son sociais. En verdade? Pois nin tanto. Para alén de que non poderemos nunca considerar sociais unhas contas que discriminan a Galiza e prexudican as clases populares galegas, estes son uns orzamentos en que se opta por incrementar o gasto militar en case 5% (máis de 400 millóns de euros a maiores) se eleva a 300 millóns a partida para o CNI ou continúa subindo a asignación á Casa Real (6,9%), no canto de concentrar eses recursos en políticas de protección social.
Faltou decisión para implementar políticas tributarias e orzamentarias que fosen na dirección de reforzar a protección social e os servizos públicos. Por exemplo, ficaron polo camiño medidas como un imposto á banca e ás eléctricas, unha taxa COVID ás grandes fortunas para facer fronte á reactivación social e económica ou incrementar o imposto de patrimonio a partir de 1 millón de euros no canto de facelo a partir de 10 millóns.
Os partidos do Goberno rexeitaron emendas do BNG para que fose incrementada a partida destinada a financiar a Lei de Dependencia en 250 millóns de euros ou para que sectores especialmente vulnerábeis neste contexto paguen menos impostos: a eliminación do IVE ás máscaras e materiais de protección frente ao coronavirus ou a rebaixa a 4% aos produtos culturais, produtos de hixiene feminina ou a servizos esenciais como auga, luz ou gas.
Foron igualmente rexeitas emendas para pór en andamento planos de rescate ao pequeño comercio, hostalaría ou sector cultural; para programas de reindustrialización e creación de emprego ou para tres novos xulgados de violencia de xénero.
Entre os poucos elementos positivos destes orzamentos están as partidas para a rebaixa das portaxes da AP-9 e a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, que figuran grazas á insistencia do BNG e a que as incluímos como prioritarias no Acordo de Investidura.
En todo o caso, o BNG seguirá traballando no Congreso para defender os intereses do noso pobo, pois ficou claro que só o nacionalismo é capaz de o facer con coherencia e con dignidade.