Tino Lago
A piques de que o noso país estree presidente,despois de que quen gañou as pasadas autonómicas co slogan “Galicia Galicia Galicia” marchase para Madrid na procura da liberdade, falamos coa xefa da oposición e portavoz do BNG Ana Pontón. Ela é unha muller que defende con paixón e rigor aquilo no que cre, e que se amosa moi ilusionada en acadar o fito histórico de que por primeira vez o nacionalismo chegue a gobernar este país. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“Temos o mellor proxecto para Galiza. E toca traballar desde a humildade, a convicción e o amor polo país para ensanchar o BNG e acadar o obxectivo dun cambio político, tan necesario, para darlle futuro a todas as persoas que aquí vivimos”
Comezamos pola horrible actualidade que é a guerra que está a sufrir Ucraína. Cal é a vosa posición ao respecto deste conflito?
Nós desde o primeiro momento tivemos moi claro que hai un agresor, que é Rusia, e un agredido que é Ucraína. Condenamos esta agresión e puxemos o foco en que a prioridade debe de ser pór fin á guerra. Tamén é certo é que os acontecementos parecen amosar que hai intereses ocultos detrás da guerra, que aos EEUU non lle interesa unha posición pacifista e que o que está pasando explícase por razóns xeo estratéxicas.
Cando o presidente ucraíno falou perante o parlamento español o voso deputado Néstor Rego non aplaudiu as súas palabras. Este episodio trouxo como consecuencia distintos ataques ao BNG. Cóntanos a túa opinión?
Ben, eu reafirmo á nosa posición e lamento profundamente que o PP e o PSdeG queiran atacar ao BNG con mentiras e usando a dor do pobo ucraíno. Cadaquén retrátase coas súas posicións e nós imos estar sempre do lado da paz, do lado da solidariedade e tamén do lado do antiimperialismo.
Como prevés que poidan evolucionar as cousas para poder chegar á fin do conflito?
Non resulta fácil de prever .O que teño claro é que canto máis se alimente á guerra máis ucraínos e ucraínas van morrer, e máis dor e sufrimento vai experimentar a poboación dese país. Nós seguimos insistindo en que a solución é a vía diplomática. Pero a diplomacia utilizada coa convicción de pór fin á guerra, non a modo de escenificación.
A raíz do conflito bélico entramos nunha espiral delirante de suba de prezos que fai insostible a vida para moitas persoas. A guerra é a causa?, ou a guerra é unha escusa para encher os petos dos que sempre os enchen?
A suba de produtos básicos, como por exemplo a electricidade, é moi anterior á guerra. Dicir que o conflito bélico é a causa única da alza dos prezos é unha falacia e un engano á cidadanía. Seguro que hai algúns aspectos nos que a guerra inflúe en que haxa unha maior inflación, pero detrás desta espiral inflacionista o que estamos vendo é a usura dos grandes poderes económicos.
As distintas administracións do estado están a tomar medidas reais para conter a suba de prezos?
Non, vemos con estupefacción como non se toman medidas reais para evitar a escalada de prezos. E desde o BNG temos propostas moi claras.
Cales son?
Unha tarifa eléctrica galega máis barata, pór en marcha cambios estruturais no ámbito enerxético que acaben cos beneficios caídos do ceo, subirlle os impostos ás eléctricas para que contribúan nesta crise, apostar por unha empresa pública de enerxía e avanzar cara a un modelo no que as renovables sexan un eixo fundamental
E dos eólicos que nos dis?
Nós estamos en contra do modelo eólico depredador que está a impulsar o partido popular en Galiza
Finalmente o paraíso natural que é a Serra da Groba acabará inzado de eólicos?
Eu agardo que con toda a presión social que existe conseguiremos que non se consume un modelo no que é imprescindible poñer orde. A enerxía renovable é o futuro, pero non pode facerse cargándose o medio ambiente, non pode facerse cargándose espazos singulares e non pode facerse sen que exista retorno para o país. Hai un clamor na sociedade galega que acabará por frear moitos deses proxectos máis agresivos como o da Groba
Valóranos a manifestación que convocou o BNG o pasado 3 de abril?
Tiña dous obxectivos: amosar o insostible da situación e reclamarlle máis valentía aos gobernos para que tomen medidas efectivas que combatan esta escalada inflacionista, porque por unha banda temos un goberno central que dá a sensación de preocuparse máis dos intereses das grandes multinacionais que dos problemas das e dos cidadáns e por outra parte temos a un goberno galego que leva dous meses empantanado no proceso de sucesión de Feijoo.
Entón a actuación do goberno galego ao respecto da crise de prezos paréceche insuficiente?
Non é que sexa insuficiente , é que é inexistente. Non tomou nin unha soa medida extraordinaria para tratar de enfrontarse a un contexto tan delicado como este. E esta parálise en parte explica que a inflación sexa en Galiza superior á do resto do estado.
Un sector a que afecta especialmente a suba xeneralizada de prezos é ao dos mozos e as mozas. Estudar, Ana, estase a converter nun luxo ao que cada vez é máis difícil de acceder?
Nós apostamos claramente, sen matices, por unha universidade pública e gratuíta e desde logo entendemos que é necesario destinar máis recursos públicos á educación, un dos valores esenciais da sociedade, para que estudar estea ao alcance de todas as persoas por igual. Nós consideramos que se debe camiñar cara a supresión das taxas universitarias e entendemos necesario incrementar as axudas ás bolsas de estudo.
Cal é a opinión do BNG sobre os descontos que está a aplicar o goberno central na compra de combustibles?
Esta é unha medida necesaria pero insuficiente pois o prezo da gasolina segue a estar altísimo. Nós entendemos necesaria unha medida excepcional nun contexto excepcional como sería establecer uns topes máximos para os carburantes e para a enerxía que permitan ás familias e as empresas teñan unhas perspectivas algo mellores. Pensa que xa antes deste inicio do 2022 o que dicían as estatísticas é que a metade das e dos galegos non podían chegar a fin de mes. A día de hoxe con todo disparado é evidente que a situación non se pode manter moito máis no tempo e que se precisan medidas valentes que lle poñan coto ás especulacións que están levando algúns sectores do ámbito enerxético que se están literalmente forrando
O goberno do estado está a cumprir o acordo de investidura que asinou co BNG?
Nós somos críticos ao respecto do cumprimento dese acordo. Hai algún aspecto, como por exemplo a rebaixa das peaxes da AP9, que si se fixo pero quedan moitos por concretar
Cales?
A modernización do noso ferrocarril, solucionar a problemática da industria electro intensiva, avanzar no saneamento das nosas rías, a creación de xulgados de violencia de xénero…Aínda queda lexislatura pero o que percibo é que non hai vontade suficiente pata mudar a discriminación histórica de Galiza
Como se pode reverter esa discriminación?
O único vector que pode cambiar ese discriminación é que o BNG teña máis peso en Madrid
Na nosa área de influencia estamos a vivir o 2º intento do Celta por desembarcar nos montes comunais de Tameiga para os seus negocios . A principios deste mes tiveches unha xuntanza con representantes da Organización galega de montes veciñais en man común, cóntanos como a valoras?
Foi unha xuntanza moi positiva na que nós lles trasladamos o noso apoio á ILP que están a impulsar para defender a propiedade do monte en man común, e que asemade é unha singularidade que temos en Galiza que significa o ben común para o conxunto da sociedade. Pola contra o que estamos vendo é que o PP quere entregarlle os montes comunais ás grandes multinacionais
No día que facemos esta entrevista, 12 de abril, o país galego ten presidente?
Eu creo que Feijoo nunca foi un presidente á altura de Galiza. Nestes últimos dous meses o que temos é a Feijoo perseguindo as súas ambicións persoais e cun goberno paralizado. A sensación que teño é que o proceso de sucesión estase a dilatar porque hai augas revoltas no seo dun PP no que as baronías están claramente buscando a súa cota de poder. Unha vez máis para o PP a súa organización está por encima de Galiza.
Cal sería a saída adecuada, ao voso xuízo, para esta situación, convocar eleccións anticipadas?
O marco legal permíteo pero o PP non o vai facer porque sabe que está á baixa. O próximo presidente da Xunta será resultado dun dedazo de Feijoo
Será Alfonso Rueda?
Realmente creo que dá igual senón se mudan as políticas que se están a desenvolver. Levamos 13 anos vendo como en Galiza se triplica a débeda pública, como emigraron máis de 200.000 mozas e mozos, como a nosa industria está nunha situación crítica( perdeu máis de 14.000 empregos) …..Non creo que o segundo de Feijoo vaia facelo mellor. Este país o que necesita é un cambio e no BNG temos a firme vontade e a ilusión de lideralo .Nós desde logo que imos traballar con toda a humildade pero con toda convicción para facelo realidade.
Barreras e Vulcano teñen solución?
Abofé que teñen solución. Nós temos capacidade para poder facer barcos e temos que volver producir. O que fallaron aquí son as dúas administracións que non souberon crear as condicións necesarias para que os que foron os dous estaleiros privados máis importantes do estado puidesen manter a súa capacidade produtiva e a inmensa potencialidade da que dispuñan para xerar emprego na ría de Vigo. Estamos en tempo de darlle futuro aos dous, pero é imprescindible a implicación activa de ambos gobernos.
Se non hai ningún tipo de adianto o primeiro proceso electoral que teremos serán as municipais do 2023.Quero preguntarche polas perspectivas do bloque para ese proceso na área de influencia de A Nova Peneira?
Nós somos unha organización política cun proxecto sólido e solvente. E os nosos gobernos municipais son un exemplo de boa xestión e incluso de capacidade para podermos transformar a realidade. Imos a por todas nas próximas municipais en todo o país convencidos e convencidas de que os nosos gobernos melloran a vida da xente. En concreto na vosa zona estou segura de que consolidaremos todas as nosas alcaldías:Pontevedra, Tomiño, O Rosal, Moaña, Bueu, Ponteareas, Mondariz, As Neves, gañaremos algunha máis e fortaleceremos a nosa posición en todos os concellos.
Rematamos Ana. Como estás ti de ánimos e que predisposición tes para canto toquen celebrar as eleccións autonómicas?
Entendo que o relevante non é como estea eu senón o estado colectivo do BNG. E o que se percibe é que hai nas rúas, nos camiños e corredoiras de Galiza, nas almas e nos corazóns de cada vez máis galegas e galegos unha gran ilusión en torno ao proxecto do BNG. Eu estou moi ben, animada e optimista. O que máis me motiva é Galiza, traballar por darlle un futuro ao noso país. Temos o mellor proxecto para sacar a Galiza da crise e o que temos que facer e traballar desde a humildade, desde a convicción e o amor por Galiza para seguir agrandando o BNG e conseguir o obxectivo dun cambio, tan necesario, para este país que lle dea futuro a todas as persoas que aquí vivimos.