Con Néstor Rego. Contra o macartismo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Ucraína está a ser agredida por Rusia. O primeiro é o agredido e o segundo é o agresor. Condeno con todas as miñas forzas esa agresión, exactamente igual que condeno calquera outra. E coa mesma intensidade condeno as bárbaras presións antidemocráticas contra todas aquelas persoas, ou organizacións políticas, que tratan de entender as razóns do outro, e que non acreditan nas visións puerís, propias das películas do oeste de cando a miña xeración gozaba os días de viño e rosas da mocidade, que fan duns completamente malos, absolutamente culpables, e dos outros completamente bos, absolutamente inocentes.

A principios deste mes o presidente ucraíno, Vlodimir Zelenski, dirixíase ao parlamento español expondo a súa visión sobre o conflito bélico que está a sufrir o seu país, insisto, agredido polo seu veciño ruso. Ao rematar a súa intervención, que non vou valorar, case todos os deputados e deputadas presentes ovacionárono agás uns poucos que non quixeron facelo. Un dos que non o fixo foi Néstor Rego, deputado do BNG. Case inmediatamente moitos medios de comunicación e algunhas organizacións políticas, entre elas o PSdeG( que decepción, que decepción máis profunda), comezaron unha campaña de acoso ao “ disidente” que ousou non aplaudir ao presidente ucraíno, sinalándoos como se fosen apestados , como se fosen as bruxas pecadoras acusadas pola inquisición na idade media, como se fosen os infortunados que ,nos EEUU dos anos 50 do pasado século ,sofreron o peso abafante das gadoupas do macartismo.

Todos aqueles que conscientemente participan neste tipo de campañas amosan unha irresponsabilidade manifesta, pois nun contexto bélico poñer a alguén na diana, para gañar algún punto de audiencia ou para tratar de erosionar electoralmente á formación política da que forma parte, desborda as fronteiras da cordura e sitúase nos límites máis extremos do delirio. É como se o sinalado carecese de sensibilidade ante o sufrimento alleo fronte aos que sinalan que si a terían. É como se o sinalado tivese algún tipo de responsabilidade ante a horrible guerra que está a sufrir o pobo ucraíno fronte aos que sinalan que serían os que tratan de evitala. É como se o sinalado estivese en contra da paz e a prol da guerra, fronte aos que sinalan que serían unha especie de modernos Hare Krishnas que predican e practican o amor universal.

Pero a que tipo de tolemia nos conducen os apóstolos da rusofobia?: a aquela que leva á reitora dunha universidade española a suxerir aos alumnos rusos que se marchen¡¡. Pero a onde nos quere levar un personaxe sinistro como Borrell?: á 3º guerra mundial para defender a unha “democracia” que ilegaliza aos partidos políticos de esquerda e que humilla( presuntamente) ás minorías étnicas do seu propio país?. Pero é que non aplaudir ao representante dun estado que supostamente é responsable de queimar vivos a 50 sindicalistas en Odessa convérteche en peor persoa que quen si aplaude?. Pero onde estaban todos estes que agora practican o pacifismo militante armando aos ucraínos e sinalando ao disidente, cando os bombardeos de Belgrado?.Cando o estado Iraquí foi esnaquizado en que lugar se situaban ?. Cando o país Libio foi arrasado converténdoo nun estado frustrado onde se encontraban?.Cando Siria foi convertida nunha copia do inferno de Dante a quen sinalou os que agora forman a executiva do PSdeG?. E con Palestina onde?, e co Sáhara onde?, e cando o conflito de Timor leste onde?,e co Iemen onde?, e con todos os conflitos que asolan ao mundo onde?, onde? , onde?, unha e mil veces onde?.

O BNG condenou a invasión rusa de Ucraína e Néstor Rego está onde estivo sempre: a prol da paz ,da liberdade e da dignidade de todos os pobos do mundo, o ucraíno tamén claro que si. E nós estamos, como sempre, onde nos manda a única á que sempre obedecemos; a nosa conciencia: pola paz.

Non á guerra, non a todas as guerras. Solidariedade infinita con todas as persoas que a sofren en calquera parte do mundo.