Sobre a morte do idioma galego

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

O pasado mes de abril visitaba a un anunciante noso do concello de A Lama e, mentres agardaba a miña quenda para ser atendido, un cliente do comercio falaba co seu propietario. O cliente tería arredor de 35 anos e estaba acompañado pola súa filla que tería sobre 5 anos de idade. A conversa entre o vendedor e o cliente desenvolvíase en idioma galego pero cada vez que o comprador era interpelado pola súa filla o home mudaba o seu idioma e coa nena falaba en castelán. Este mes de maio agardaba eu por unha cita que tiña en Salvaterra e para matar o tempo de espera decidín recibir o cálido aloumiño do sol de primavera no banco dun parque a carón do lugar de encontro coa persoa que quedara. No devandito espazo xogaban máis dunha ducia de nenas e nenos que se comunicaban entre si só en idioma castelán, en todos e cada un dos casos sen excepción

Este mes de maio tamén asistín a un acto en Ponteareas, un acto marabilloso no que se defendía a normalidade do uso do idioma galego en Galicia. As conclusións da maioría das persoas que interviñeron eran positivas e falaban en termos de esperanza sobre o futuro do idioma galego en Galicia

Eu son unha persoa moi optimista , pero neste caso non podo facer outra cousa que disentir sobre calquera visión positiva ao respecto do futuro do idioma galego. E, encantaríame estar equivocado porque nunca tiven o máis mínimo interese en ter razón en nada, senón en chegar á razón en todo. Pero as visións positivas sobre a saúde do noso idioma, ao meu xuízo non son realistas. Poden ser falazmente interesadas co gallo de tratar de agochar as consecuencias da desastrosa política lingüística da Xunta de Galicia ou ben intencionadamente optimistas, porque a morte é unha realidade terrible que resulta moi difícil de asumir. Pero a claridade no diagnóstico é a única posibilidade de tratar de solucionar calquera patoloxía e por estarrecedor que pareza , por horrible que semelle cómpre dicilo con claridade : O idioma galego, como moitos outros antes na historia da humanidade, está en perigo de morte vivindo o proceso que o lingüista irlandés David Crystal denominou “ asimilación cultural” na fase de bilingüismo emerxente no que conviven a lingua dominada, a propia dun territorio, e a lingua dominante. Este período non é máis ca un estadio previo á consolidación da lingua dominante que ocasionará o abandono paulatino da fase de bilingüismo e a morte gradual da lingua dominada. Para argumentar esta espantosa hipótese non temos máis que esgrimir os datos que proporciona a propia Xunta de Galicia na web do Instituto Galego de Estatística sobre os usos do idioma galego por tramos de idade. Así pois veremos que:

No ano 2.018

Os maiores de 65 anos que sempre falaban galego eran o 48,48% da poboación desa idade

As crianzas de entre 5 e 14 anos que sempre falaban galego eran o 14,27% da poboación desa idade

Non resulta moi difícil de adiviñar que a xeración que está no medio rompeu a cadea de transmisión xeracional, pois doutro modo é imposible de explicar esa caída de 34 puntos en dúas xeracións. E unha lingua na que se rompa a cadea de transmisión entre xeracións non ten ningunha posibilidade de sobrevivir. É unha certeza empírica.

Por outra parte nese mesmo ano no que ao idioma castelán en Galicia se refire

Os maiores de 65 anos que sempre o falaban eran o 13,65% da poboación desa idade

E as nenas e nenos de entre 5 e 14 anos que sempre falan o idioma da meseta eran o 44,13% da poboación galega desa idade

En dúas xeracións o uso do galego cae 34 puntos e o do castelán sobe 31.Eis o cerne da cuestión, a realidade núa e estarrecedora.

A sociedade civil galega está ateigada de plataformas colectivos e persoas individuais que desenvolven un traballo magnífico en prol da conservación do idioma: Queremos galego, A mesa pola normalización lingüística…. pero por desgraza non é suficiente pois o único actor que ten a posibilidade de mudar a situación a administración autonómica non o fai. Só unha intervención política adecuade e suficiente que favoreza o desenrolo da lingua ameazada podería evitar o desastre. Moito me temo que con esta administración non sexa posible. E polo ben de presidente Feijóo, para que non pase á historia como o máximo responsable da morte dun idioma milenario, agardo que pronto poida haber un cambio político en Galicia.