Os camiños da vida levaron a que estes últimos anos tivera que dedicar parte do meu tempo ao coidado de dúas anciás da miña familia ás que o negro e cruel arrecife, no que todos acabaremos naufragando, condenounas a pasar os últimos anos das súas vidas sen poder valerse por si mesmas. Unha delas xa é pasaxeira eterna da barca de Caronte, e a outra aínda pelexa para abrirse paso entre os que aspiran a que o sufrimento dos últimos pasos no camiño da vida remate dunha vez, e poida navegar xunto á súa irmá polas augas infinitas do río Aqueronte.
Este mundo non entende porén de metáforas mitolóxicas .Todo o contrario, é moi sinxelo e tamén cruel: se tes posibilidades económicas podes atender con dignidade todas as etapas da vida, incluída a última, que é cara, si, moi cara, e se non as tes non podes facelo. Atender a persoas dependentes require de grandes cantidades de amor, amplas doses de paciencia e tamén dos cartos suficientes para poder facelo da maneira máis digna posible. Chegados a este punto, a protagonista deste artigo veuse na necesidade de vender unha propiedade inmobiliaria para poder seguir sufragando os gastos que ocasiona poder pasar unha vellez digna. A propiedade adquiríraa en 1982, e no mes de setembro do ano 2022, no momento de efectuar o trámite de venda da mesma, démonos de conta de que a escritura , de hai 41 anos, tiña un erro de redacción pois a finca que se lle adxudicou non era a correcta e ese piso figuraba aínda a nome da promotora que o construíu. A empresa que estaba constituída por 3 socios xa non existe, e dúas das persoas que eran os seus propietarios faleceran, a outra roza os 90 anos de idade.
A situación chegou a ser desesperante xa que non había outra maneira de amañar a situación que modificar unha escritura de 1982 que foi asinada por persoas que ou están xa mortas ou son enormemente maiores.
Non quedou máis opción que pórse a localizar aos seus descendentes : viúvas ,fillos, fillas, netos, netas , pedirlles un feixe de documentación orixinal moi persoal( testamentos, certificados de defunción, últimas vontades, poderes notariais….) e convencelas a todas para que acudiran a unha notaría do Porriño a asinar a modificación dunha escritura de 1982 para arranxar un grave problema que a ningún deles, creo lembrar que en total houbo que tratar con 11 persoas, lles afectaba o máis mínimo. E fixérono, fixérono todas. Persoas que viven en Vigo, Goián, A Coruña e Madrid molestáronse en axudar a solucionar un problema moi grave para unha muller de 86 anos que a eles non lles atinxía en absoluto.
Velaí tedes a razón do título deste artigo: a bondade, a capacidade para axudar a terceiros sen agardar ningún tipo de beneficio para un mesmo, xunto coa intelixencia, é o que máis me atrae das persoas e é o que fai posible manter aceso o facho da esperanza de que algún día a humanidade sexa capaz de colaborar no canto de competir.
Vaia desde estas páxinas o meu agradecemento eterno a Maite, Silvia, Elisa, Roberto, David, María Jesús, Verísimo e Lourdes pola súa infinita bondade.
Dedicado a Roberto Nicanor en emocionado recordo dos azuis e luminosos días da nosa infancia compartida.