Entre o 20 de novembro e o 18 de decembro vaise disputar en Qatar a XXII edición do mundial de fútbol masculino. En diversas ocasións xa expresei a miña opinión sobre o mundo do fútbol. E calquera que tivera a bondade de achegarse ao que eu escribo xa sabe que ao igual que calquera deporte, non me interesa o máis mínimo. Entendo que a práctica deportiva pode producir satisfacción nas persoas que teñan por costume realizar calquera deporte con regularidade, alén de, en liñas xerais, beneficios para a saúde de quen o practique, tese dificilmente discutible. Pero a competición entendida como unha finalidade en si mesma, a exaltación da vitoria como meta suprema paréceme ademais de estúpida, dá obxectivamente igual que o balón sexa introducido máis veces na portería contraria polo equipo A que polo equipo B, enormemente perigosa pois o que acontece nos domingos nos estadios de fútbol non deixa de ser unha metáfora da vida : É preciso competir para vivir, e quen gañe teno todo, pero quen perda queda sen nada.
Non, non me interesa nin a competición nin as persoas que compiten. A min interésanme a colaboración e as persoas que colaboran. Son, ao meu xuízo, especialmente interesantes os proxectos de economía colaborativa e as mulleres e homes que contribúen a construíren sociedades colaborativas. Eles si que fan mellor á sociedade.
En calquera outra circunstancia ignoraría completamente este mundial de fútbol como ignorei case todas as competicións deportivas anteriores que se cruzaron polo longo camiño andado da nosa xeración que xa comeza a ter máis memoria que futuro. Pero desta volta si quixera determe un cacho na circunstancias desta vixésimo segunda copa do mundo de fútbol masculino, pois acontece que existe un non maioritario pero si moi interesante movemento que postula o boicot ao mundial de Qatar. Esta petición estaría baseada, segundo teño lido, en catro argumentos:1) As condicións dramáticas ás que presuntamente estiveron sometidos os traballadores , moitos deles do terceiro mundo, que construíron as infraestruturas necesarias para a celebración do evento deportivo. O periódico inglés The Guardian afirmou en febreiro deste ano que máis de 6.500 traballadores inmigrantes perderon a vida en Qatar desde o ano 2010 construíndo hoteis, restaurantes e os estadios necesarios para albergar a copa do mundo. Outras fontes elevan o número de mortos ata 15.000, de feito nun partido da liga alemá disputado a principios deste mes de novembro entre o Bayern e o Hertha, no estadio olímpico de Berlín, podiamos ver a seguinte faixa:
“15.000 Traballadores mortos por 5.760 minutos de fútbol. Vergonza”
2) A discriminación á que se ven sometidas as mulleres qatarís. A sharia ou lei islámica é a fonte principal de dereito, e nos tribunais o testemuño dunha muller vale a metade có dun home, ou pode simplemente non aceptarse 3) A ilegalidade da homosexualidade. Os musulmáns poden enfrontarse á pena de morte se son procesados pola práctica de relacións homosexuais. Varias seleccións , entre as que non está a do estado español, anunciaron que acudirían aos partidos con brazaletes coa cor arco da vella símbolo da comunidade LGTB para amosar a súa solidariedade con esta comunidade 4)A propia condición de ditadura teocrática do réxime qatarí, país no que o seu emir é o xefe de estado e de goberno ao mesmo tempo.
A Fifa, o máximo organismo do fútbol mundial e organizadora da copa do mundo, ignora todas estas acusacións, só recoñece a morte de 3 traballadores na construción das infraestruturas deportivas e esixe ás seleccións participantes que se centren só no estritamente futbolístico, como se a realidade funcionase a modo de compartimentos estanco e se puidese descontextualizar o feito de que na construción de hoteis nos que se aloxarán os turistas que acudan a presenciar os partidos, presuntamente morreron persoas porque supostamente estiveron sometidas a condicións laborais próximas á escravitude, cuxa desesperación non lles deixou outra opción que aceptar.
Calquera dos catro argumentos que esgrimen os partidarios de boicotear o mundial de Qatar é suficiente por si mesmo para sumarse ao boicot. Finalmente supoño que as “ razóns” económicas dun negocio que move inmensas cantidades de cartos prevalecerán e o mundial poderá celebrarse con normalidade. Pero a protesta e os chamados ao boicot contra o abuso e a inxustiza , contra calquera inxustiza, é o camiño adecuado para poder manter aceso o facho de esperanza na construción dunha sociedade máis xusta. E nós, claro que si, tamén nós sumamos ás voces que berran con dignidade : Boicot ao mundial de Qatar.