A IV Asemblea Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza denuncia o empobrecemento das estudantes galegas e mostran a súa firme determinación de camiñar cara unha folga de estudantes
Este sábado 5 de novembro as estudantes galegas participaron da IV Asemblea Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza, no C.S. O Gorgullón en Pontevedra, esta asemblea é a culminación dun proceso de traballo e debate nas bases da organización a través das súas asembleas de zona.
Nesta asemblea escolleron ás persoas que durante o próximo período levarán a direción da organización estudantil, que serán: Artai Gavilanes, Icía Abraira, Andrea Ferrer, Hadrián Alonso, Noa González, Irea Ferreiro, Iria Romero e María Creo
Logo dun rico debate grazas á alta participación de integrantes e simpatizantes de Erguer, a organización nas súas resolucións parabeniza ao sindicato CIG por ser a primeira forza sindical no país ao tempo que apoia a mobilización que tivo lugar neste mesmo día en Compostela baixo o lema “Dereitos humanos para TODAS as persoas”, e chama a participar tamén da mobilización deste domingo 6 convocada polas traballadoras da CRTVG por uns medios públicos libres de manipulación.
Tamén, nas súas resolucións, as estudantes denuncian o actual proxecto da LOSU como unha lei centralista que non serve aos intereses do estudantado galego, volvendo á súa histórica reivindicación dunha Lei Galega de Educación.
Denuncian tamén “o empobrecemento ao que somos sometidas as clases populares así como a perda de dereitos laborais, democráticos e sociais acentuada nos últimos anos” erexeitan a creación da universidade privada de Abanca coa colaboración do PPdG en detrimento do acceso igualitario ao ensino.
Finalmente, a organización expresa a súa “firme determinación de camiñar cara a folga de estudantes por un ensino para as clases populares galegas”.