O curso pasado unha marabillosa iniciativa veu a luz neste instituto porriñés: o nacemento dunha revista de filosofía á que chamaron:” O Pino”. O traballo foi dirixido por unha equipa de dirección composta por 7 alumnas e alumnos e culminou coa edición dunha publicación moi densa e de grande calidade na que se poden atopar reflexións sobre poesía, dilemas éticos, música, entrevistas simuladas con pensadores clásicos contextualizadas na actualidade, política, psicoloxía, cinema…..En definitiva o esforzo máis que notable dos mozos e mozas deu como resultado un produto de grande calidade e que ilusiona, pois amosa que a mocidade sigue a ter inquedanzas e precisa medios para expresalas, e que aquilo de que a á nova xeración lle falta a cultura do esforzo non é máis ca unha estupidez de quen cobra soldos astronómicos a conta do esforzo de outros e outras. Nós falamos con Pedro Ocampo, profesor de filosofía do Pino Manso e a persoa que tivo a idea de ilusionar aos seus alumnos e alumnas facéndolles responsables da expresión das súas propias inquedanzas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Pedro Ocampo profesor de filosofía
Natural do Porriño licenciouse en filosofía despois de estudar a carreira nas universidades de Santiago e Barcelona. Na actualidade é profesor de filosofía no Pino Manso, instituto do que el mesmo foi alumno na súa etapa de estudante de secundaria.
“A mocidade actual, igual que todas as xeracións anteriores, ten inquedanzas e tan pronto encontra un medio para expresalas está interesada en facelo. Responsabilizalos a eles da precariedade que padecen é inxusto e non responde á realidade”
Por que estudaches filosofía?
Sempre tiven interese , desde moi neno, pola lectura , curiosidade intelectual e afán por comprender , ou polo menos por achegarme , ás motivacións profundas das cousas. No seu momento dubidei entre a filosofía e a psicoloxía , escollín filosofía entre outras razóns porque tiven un moi bo profesor que soubo despertar en min o interese, e non me arrepinto en absoluto.
Agora mesmo das clase no Pino Manso do Porriño verdade?
Efectivamente, o mesmo instituto no que eu cursei á educación secundaria.
Caramba iso parece o eterno retorno de Nietzsche?
Ha ha ha ha ha
Cantos anos levas dando clases?
Arredor de 15
Etimoloxicamente a filosofía é o amor á sabedoría , pero en realidade que é?
A definición etimolóxica axústase á realidade. A filosofía é o desexo de ir máis alá do que tes diante, a necesidade de acadar unha mirada máis ampla, de non conformarte coa superficie .A filosofía é a necesidade de mergullarse nas profundidades e de preguntarse e poñer en cuestión as cousas.
A que abanos de idade das clase?
Entre 15 e 17 anos. Dou filosofía e valores éticos
Esa materia, valores éticos, ten moi boa pinta. Ten peso no deseño curricular?
Os valores éticos deberan ser esenciais na construción da personalidade dun adolescente. Pero por desgraza o valor que se lle dá é case ningún. Só se imparte unha hora á semana.
A filosofía pode axudar a que un mozo ou unha moza sexa capaz de construír un pensamento crítico autónomo que lle leve a comprender, e no seu caso a practicar, que a colaboración entre iguais, e non a competición( que sempre fai que alguén perda), é a única maneira de construír unha organización social xusta?
Si, claro que si. A filosofía debe axudar a que os mozos e mozas reflexionen ata decatárense de que non somos seres illados, e que o noso propio desenvolvemento persoal depende en grande medida do propio medio no que vivimos. A filosofía debe de axudar a que sexamos capaces de mirar e escoitar ao de ao lado.
Neste contexto tan difícil no que hai toneladas de suposta información, que chega por vías con posibilidades infinitas de difusión, que en realidade é opinión dirixida a incidir nas opinións de outros, un mozo ou unha moza ten algunha oportunidade para poder construír un pensamento crítico autónomo?
É realmente complicado, desde logo que si. As e os profesores debemos de tratar de axudar a que os mozos e mozas o consigan, pois a educación, ao meu xuízo, debe de ir moito máis alá dos meros resultados académicos, que son importantes claro, pero non tanto como a construción de persoas realmente libres.
A educación debe de ir máis alá do académico para os profesores de filosofía ou para todos os profesores e profesoras?
O desexable sería que fose máis alá para todas e todos. E non só para os profesores senón tamén para os que fan as leis de educación e para os que deciden os recursos cos que se dota á educación.
Os mozos e mozas por unha cuestión biolóxica non teñen doado adoptar as súas posicións en base a criterios racionais derivados da súa propia experiencia, aínda moi pequena, co que a esas idades só quedaría o instinto, o apriorismo ou a emoción como motores da opinión propia. E creo recordar que era Kant o que consideraba que calquera acto motivado pola emoción resultaría pouco menos que patolóxico. Todo isto Pedro, era para fundamentar o meu criterio referente a que me parece realmente difícil lograr que unha persoa de 16/17 anos poida sequera achegarse á construción dun pensamento crítico autónomo?
En realidade o que Kant viña a dicir é que a emoción impediría adoptar decisións de maneira autónoma porque un sería escravo da súa propia emoción. E en relación ao que me preguntas sobre os adolescentes : si, é difícil claro que si, pero sempre está aquilo que dicía Aristóteles de que o hábito fai á virtude. Cando un se afai a pensar por si mesmo , unha e outra vez, o que acaba é pensando por si mesmo. A filosofía debe de procurar que os mozos e mozas pensen por si mesmos unha e outra vez.
O curso pasado puxestes en marcha, no instituto no que traballas, unha revista de filosofía?
Si, fixemos o número 0 o curso anterior. E este ano faremos a segunda edición. Foi un pouco unha tolemia, facer unha revista en papel, porque en realidade foi como ir contra corrente, pero estamos realmente satisfeitos tanto do resultado final como do enorme nivel de implicación dos alumnos e alumnas no seu proceso de creación.
Como se estruturou o proceso de redacción da revista?
Entre os propios alumnos elixiron unha dirección .Saíron 7 persoas, creamos unha rede de comunicación, e entre todos traballaron na selección de contidos( o tema dos dilemas, as preguntas filosóficas que están sempre presentes, psicoloxía, entrevistas simuladas con pensadores clásicos…….) e na procura dun programa de edición.
A selección de contidos é cousa do alumnado?
Absolutamente. Eu axudei, pero os contidos seleccionáronnos eles. E malia que a revista é ampla, ten 80 páxinas, tivemos que cortar porque había moito máis material e de moita calidade. A edición da revista despertou moita curiosidade entre os mozos e mozas. Desde xente que debuxaba ben, ata xente que tiña interese na poesía, na música no deporte…todos querían achegar algo e eu estou moi orgulloso e agradecido.
Ah si…Que sorpresa máis agradable¡¡.Entón estásme a dicir Pedro, que nenos e nenas de entre 14 e 17 anos estiveron ilusionados coa edición dunha revista de filosofía que trataba de abordar distintos campos de pensamento?
Si, estoucho dicindo porque é a realidade. Estiveron ilusionadísimos. Especialmente a dirección da revista. E quixera destacar que eran persoas que estaban en 2º de bacharelato, é dicir tiñan a presión engadida dos exames de acceso á universidade o que non lles impediu traballar moito e moi ben.
Ti e eu temos conversado moitas veces e creo que compartimos opinión no referente a que hai unha pulsión inherente á especie humana que fai que cada un vexa á xeración da que forma parte como ideal, e minusvalore á xeración que ven despois. Esta situación podémola ver reflectida no grao máis extremo por exemplo na “ consideración “ dunha destacada líder política que responsabiliza a unha xeración enteira do grao de precariedade tan elevado que sofren dicindo que lles falta cultura do esforzo. O exemplo da dirección da revista amosaría que cargar as tintas contra a mocidade non responde á unha análise realista, obxectiva e xusta, non cres?
Non responde á realidade de ningunha maneira. Asumir iso significaría a fin da sociedade organizada en funcións duns parámetros minimamente éticos. Simplemente non é verdade. Esta xeración igual ca todas as que estiveron antes e as que veñan despois ten capacidade para cuestionar as cousas e para combater. De feito faino. Eles teñen inquedanzas e tan pronto atopan un medio para expresalas, exprésanas.
Como financiastes a edición da revista?
Fundamentalmente o Concello e unha parte tamén a puxo o instituto.
Rematamos Pedro. A túa vontade e continuar coa revista en cursos sucesivos?
Si, sen dúbida. Agora xa estamos comezando co deseño do número deste ano.