Nun ano teremos unha nova convocatoria electoral nos concellos galegos. Falamos con Alejandro Figueroa, portavoz socialista no concello de Mos, para coñecer a situación da agrupación socialista local, como encaran este ano preelectoral e a súa valoración política do traballo do goberno mosense.
“ A alcaldesa case nunca está no Concello, e cando está trae os malos hábitos de Madrid: Tensión, agresividade e hostilidade”
Estamos xa en período preelectoral. Como está vivindo o PSOE de Mos este último ano antes das elección municipais do 27?
Pois traballando nunha oposición construtiva e con responsabilidade. Sabemos que aínda queda tempo para as eleccións e centrarémonos nelas cando toque, pero iso non significa que esteamos parados nin moito menos. Levamos propostas aos plenos, participamos con diferentes asociacións da vila e intentamos estar presentes en todo o que afecta á veciñanza e facendo propostas para que a vida de veciños e veciñas sexa mellor.
Ese traballo que desenvolvedes é só institucional, ou tamén social ?
É tamén social, claro. Un partido político responsable e que aspire a gobernar, ten que estar firmemente chantado na realidade social. Temos moitos problemas no municipio e nós intentamos estar axudando en todos. Ademais, hai dúas situacións moi preocupantes que non se poden ignorar, e ás que temos que darlle prioridade e unha solución inmediata.
Cales son esas dúas cuestións preocupantes?
Agora mesmo hai dúas moi graves: a sanidade e a educación.
A atención sanitaria en Mos está nun momento moi delicado. No PAC da Louriña, hai falta de persoal, vacantes que non se cobren e unha atención continuada que non está á altura do que merece a veciñanza. Levan tempo prometendo solucións, tanto desde a alcaldía como desde a concellería de sanidade, mesmo saíu en prensa que ían aumentar o persoal e aínda non se fixo, a realidade é que non chegan. Desde o PSOE estamos denunciando esta situación e apoiando as mobilizacións que hai arredor deste problema, porque é unha prioridade absoluta.
Este punto de atención continuada a cantos concellos atende?
A Mos, Porriño e Salceda. O persoal non é suficiente para atender a todo este volume de pacientes.
E do outro problema grave que mencionaches, o da educación?
Houbo mobilizacións importantes da comunidade educativa, sobre todo polo tema dos recortes en pedagoxía e profesionais de apoio. Levan a nivel galego seis folgas neste curso e a participación foi moi alta, o que demostra que hai unha preocupación real. O problema é que, a día de hoxe, non hai respostas claras por parte das administracións. A xente segue agardando solucións mentres os problemas continúan.
Este problema afecta directamente aos coles de Mos?
Afecta ao Castro Mos e ao Martínez Alonso. Este último é o que máis problemas ten. Teñen reunión coas administración pero non lle dan solucións.
Cales son as propostas do PSOE para mellorar a vida cotiá da veciñanza de Mos?
Nós temos claro que hai que traballar en varias liñas. Unha delas é reforzar os servizos públicos, especialmente sanidade e educación, pero tamén hai que mellorar a planificación xeral do concello. Levamos a pleno o tema do tellado do IES de Mos en concordancia coa dirección do centro que son os que realmente saben das necesidades reais que padecen. Tamén reclamamos un novo ciclo de formación de Medio Rural e Tempo Libre.
Fíxate se será lamentable a posición do goberno de Mos neste asunto que a Concelleira de Educación dixo publicamente que o centro de referencia do concello é un colexio concertado en concreto. Unha declaración impropia de calquera representante público. E moito menos se leva a área de educación.
Quen é esta concelleira?
Julia Loureiro. Chegáronme queixas desde a comunidade educativa polas declaracións desta persoa, é unha vergoña.
As vosas propostas nos plenos son consideradas polo goberno ?
Rexéitanas case todas. Moitas son rexeitadas directamente, pero iso non significa que deixemos de presentalas. Ao contrario, seguimos insistindo porque cremos que son necesarias e porque responden a demandas reais da veciñanza como o arranxo de camiños e distintos problemas do día a día. A última foi a moción contra a guerra de Irán e aquí a alcaldesa non tivo outra que absterse porque sabe que esta guerra é unha vergoña.
Como valoras a situación económica do Concello?
A xestión é preocupante. Hai moitas dúbidas técnicas sobre como se están facendo as cousas. A falta de planificación tradúcese en problemas nos orzamentos e nunha xestión pouco eficiente que hai que corrixir porque repercute directamente nos servizos que recibe a veciñanza. Nas comisións informativas vemos como os propios concelleiros do goberno non teñen toda a información de determinados gastos. Cando non hai unha estratexia clara, hai falta de xestión e de transparencia.
Cando reclamades algún tipo de documentación dánvola sen problema ou é difícil que o fagan?
Practicamente imposible obter algún tipo de documentación.
Agora mesmo, Ves realista un cambio de goberno cara o en 2027?
Si, é posible. Non vai ser fácil, pero cremos que hai marxe e traballaremos a reo para conseguilo. O Partido socialista vai presentar un proxecto sólido e solvente coa intención e a perspectiva da vitoria electoral. É que Mos necesita un cambio con urxencia. Hai campos como por exemplo o da xestión cultural nos que a situación é enormemente preocupante.
Por que é preocupante a xestión cultural?
Porque hai moita incerteza. As asociacións culturais non saben con que apoio contan por parte do Concello, e iso xera inseguridade á hora de organizar actividades e manter unha programación estable. Nós defendemos que se debe crear partidas específicas e claras, convenios e liñas específicas como fixemos co Son do Pazo para que teñan continuidade e seguridade ano tras ano. A cultura non pode depender da improvisación nin de decisións de última hora.
Pensas que a condición de senadora de Nidia Arévalo fixo que diminuíra o seu traballo no Concello de Mos?
A alcaldesa non está no Concello de Mos. Nunca a vemos alí. O resto dos concelleiros si que fan acto de presenza pero a xente sabe que a alcaldesa case non pasa polo concello e cando está trae a mala praxe de Madrid. Tensión, hostilidade, agresividade…
Cando se coñecerá o candidato ou candidata do PSOE a alcaldía de Mos?
Os prazos dependen en parte da organización provincial, fixarémolo o antes posible. É mellor ter tempo para dar a coñecer o proxecto e conectar coa veciñanza. Queremos que os votantes de Mos teñan claro que calquera compañeiro ou compañeira está capacitada para capitanear o noso proxecto e o candidato ou candidata que presentemos será o mellor para dirixir o concello.
No caso de que a maioría da agrupación socialista de Mos te dea a súa confianza para ser ti o candidato, estarías disposto ?
É unha decisión que non depende só de min. Se a agrupación local considera que son a persoa adecuada, por suposto que o valoraría seriamente. Pero é algo que hai que meditar ben e falar cos compañeiros e a familia. O importante, en todo caso, non é o nome, senón que o proxecto que presentemos sirva mellorar a vida diaria dos nosos veciños e veciñas.