A asemblea local do BNG de Mondariz, reunida este pasado venres para decidir a súa candidatura nas eleccións municipais de 2023, respaldou o traballo político dos seus tres concelleiros no Goberno municipal revalidando por unanimidade ao alcalde, Xosé Emilio Barros Bello, como cabeza de lista e candidato da formación nacionalista no Concello de Mondariz.
“Hai un proxecto de futuro de pobo en marcha do que debemos sertirnos orgullosos e orgullosas”, manifestou Barros diante das decenas de militantes e simpatizantes do BNG de Mondariz reunidos en asemblea local. “Se acepto encabezar esta candidatura é por representar un proxecto colectivo, un proxecto político de cambio e transformación para Mondariz. Non estou por ningún interese persoal”.
Xosé Emilio Barros liderará a candidatura do BNG de Mondariz nas eleccións municipais de 2023 acompañado novamente por Leopoldo Tato e Anxos Carballo, actuais concelleiros do BNG no Goberno municipal de coalición, nos primeiros postos da lista. O alcalde de Mondariz propuxo aspirar a un segundo mandato co núcleo duro do equipo político actual, co obxectivo de continuar os traballos de cambio e transformación iniciados en 2019. “Estamos sentando as bases da modernización de Mondariz, algo que ningún Goberno municipal até agora fixo. O camiño está perfectamente trazado. Cando se consumen os proxectos iniciados durante este mandato poderemos ver os resultados deste proxecto político de cambio e transformación, tan necesario para o futuro de Mondariz”.
Ademais de ter mellorado servizos tan básicos como a subministración de auga e contar con enormes investimentos en infraestruturas municipais en marcha –cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público con fondos europeos FEDER, reforma integral da antiga escola unitaria de Vilar con fondos europeos Next Generation, construción dun centro de ocio e deporte urbano no Campo da Minada con fondos do ReactPon da Deputación de Pontevedra, ampliación e mellora dunha senda fluvial xunto ao río Xabriña a través dun convenio coa CHMS,…–, o BNG de Mondariz está promovendo activamente a creación de solo empresarial e solo dotacional para uso turístico desde a Alcaldía. Diante da militancia, Xosé Emilio Barros destacou que estes traballos políticos e administrativos, arduos e de difícil visibilidade para a poboación, son os que marcan o futuro dos concellos. Neste sentido, puxo o exemplo dunha decisión tomada hai tres décadas, como a non inclusión do Concello de Mondariz na denominación de orixe Rías Baixas, que a día de hoxe define o desenvolvemento rural dos concellos da comarca e explica por que as ladeiras de Arbo están cheas de vides e as ladeiras de Mondariz están a monte.
Para dar continuidade ás estratexias políticas que se puxeron en marcha nos últimos tres anos e medio, o BNG de Mondariz aspira a converterse na lista máis votada do Concello. Para seguir gobernando e mellorar aínda máis a xestión política desde o Concello de Mondariz é necesario sumar concelleiros e concelleiras.
O proceso de democracia interna que caracteriza o BNG levou a debatir na asemblea local sobre a acción de goberno no Concello de Mondariz, dado que hai proxectos en marcha de enorme magnitude que non se visibilizan na súa xusta medida. “Para nós, gobernar non é unha cuestión de prebendas ou de contentar a uns e a outros. Representamos un proxecto político que vai máis alá da xestión de asuntos cotiás, o único proxecto político da localidade que aspira a modernizar e reactivar de verdade este pobo”.