Éxito de participación nas xornadas do patrimonio das parroquias de Fornelos e Lourido en Salvaterra de Miño

As xornadas sobre o patrimonio das parroquias de Fornelos e Lourido que tiveron lugar no Centro Cultural A Carballeira na parroquia de Fornelos e que duraron toda a fin de semana tiveron un gran éxito de participación veciñal.

Preto de duascentas persoas asistiron a algunhas das actividades que foron organizadas pola Asociación Lazoiro e a Asociación Veciñal e Cultural de Fornelos da Ribeira e Lourido. O eixe principal das xornadas foi a exposición, que contou con paneis onde se podían coñecer datos dos elementos patrimoniais de Fornelos e Lourido, así como algunha proxección, ademais de numerosas fotografías, recortes de periódicos e escritos varios da época.

Dende as asociacións organizadoras explican que “non só viñeron bastantes persoas á exposición, senón que tamén aportaron novas informacións, achegaron fotografías, documentos e outro tipo de materia que non tiñamos, imos vainos permitir seguir traballando na recuperación da memoria das parroquias e poder poñer en valor aquelas persoas ou elementos patrimoniais de mellor forma ”.

Ademais da exposición, houbo unha andaina para coñecer o patrimonio e a presentación do libro O Crime de Salvaterra de 1911 de Antón Lorenzo González, «Xaque», que analiza o asasinato de Francisco Rodríguez «Pancho», un agrarista da parroquia de Lourido.