O ALQUIMISTA DA LAMA:

Artigo de opinión A Nova Peneira

Crónica dun País convertido en Balneario Tranquilo

Gonzalo Amoedo

I. O Pecado Orixinal: O Pacto de Sombras

En Galicia aprendemos pola brava que “o que de novo non ten xeito, de vello non ten dereito”. O país que hoxe pisamos non se desfixo por ningunha catástrofe natural; foi un traballo de precisión executado por unha estirpe de capataces con alfombra. O que hoxe nos venden como unha democracia de cristal naceu, en realidade, dun pacto de sombras e corredoiras, onde o Estado de dereito se pesou en básculas de boticario mentres as rías se ennegrecían.

Nesa parálise cociñouse o noso Pecado Orixinal: mentres a clase obreira era golpeada en Ferrol ou Vigo (Amador, Daniel, Montenegro,Collazo,Reboiras.), o sistema permitiu que o narcotráfico roese as institucións. Non houbo heroísmo, só sobrevivir, e esa pequena complicidade —a do que cala e espera— tamén forma parte da historia que agora contamos.

II. A Anestesia de Estado: O Narco como Ferramenta

O narcotráfico non foi un erro fortuíto, senón unha peza clave da nosa desarticulación social. Diversas análises e testemuños apuntan a que a droga operou como unha “anestesia de Estado”, unha pasividade selectiva que serviu para desactivar a rebeldía xuvenil e política en dúas frontes conflitivas: Galicia e Euskadi.

Naceu así a Nova Fidalguía. O capital procedente do tráfico buscou a lexitimidade na pedra, transformando o pazo no escudo de granito dun negocio escuro. Baixo o amparo de adegas de alcurnia, o capital fíxose cultura e o cheiro a alcaloide quedou sepultado polo arrecendo da uva. O narco sentou á mesa do poder coa elegancia dun figurón de feira. A histórica proximidade entre figuras do contrabando e os alicerces de Alianza Popular en Galicia foi o fío de ouro que normalizou o crime baixo a premisa de que “o que ten padriño, bautízase”.

III. A Xeopolítica da Droga: A Nécora e o Traspaso ao Sur

A Operación Nécora (1990) non foi a fin do problema, senón a súa regulación estratéxica. Existe unha tese, sostida por investigadores e por testemuños directos de protagonistas da época, que vincula a urxencia financeira do poder central en 1982 coas redes de capital que o propio Laureano Oubiña sinalou nas súas memorias. Neste taboleiro, a Nécora operou en tres frontes:

  1. Guerra de Elites: O narcotráfico galego era o motor económico e electoral dunha dereita autonómica en expansión. O golpe policial serviu para mediatizar e controlar a base financeira dun rival político.
  2. O Desprazamento Estratéxico: A operación desprazou o ruído e a violencia cara a Andalucía. En Galicia quedou o branqueo e a “gravata”; no Estreito —territorio sen a mesma base social para o narco— quedou a lama e o conflito policial directo.
  3. As Cloacas: Documentos como o Informe Navajas confirmaron que o Estado non era un observador, senón que existían espazos de impunidade onde a loxística do tráfico se cruzaba cos intereses de sectores das forzas de seguridade nas sombras de Intxaurrondo.

IV. A Alquimia do Espolio: Altri e as Portas Xiratorias

A mesma elite que conviviu con esas sombras dirixiu o desguace do país. Sobre a impunidade de imaxes que hoxe son símbolos, como a fotografía de Núñez Feijóo nun iate co contrabandista Marcial Dorado, deseñouse a Lei de Depredación: o mecanismo para converter a nosa terra nunha alfombra vermella para o capital extractivo.

O proxecto de Altri na Ulloa é a culminación desta alquimia: unha ameaza ao corazón de Galicia mentres as portas xiratorias non deixan de xirar. Ex-conselleiros e altos cargos que onte lexislaban sobre o noso territorio hoxe ocupan cadeiras en consellos de administración de eléctricas ou celulosas. Xa non se descargan fardos pola noite; agora tramítanse decretos no BOE e no DOG pola mañá. O beneficio voa para os petos de Iberdrola e Naturgy, mentres nós pagamos a luz a prezo de ouro.

V. Epílogo: O Balneario ou a Resistencia

Queren Galicia como un balneario tranquilo: un escenario de luces LED do nadal vigués, camareiros bilingües e vacacións para o Emérito e a súa corte dos milagres en Sanxenxo. Un modelo radial que nos ofrece un AVE para marchar rápido a Madrid, pero que nos illa entre nós e nos desconecta de Portugal.

Mentres a televisión oficial nos distrae co espellismo de Altri ou coas regatas, o capital —transformado en fondos de investimento— devora a terra. Pero a resistencia segue viva en Ulloa Viva, no Monte en Man Común e na memoria de quen non calou. Porque o diñeiro viaxa a paraísos fiscais, pero a terra e a xente son o que nos fai nación. Para respirar aire limpo, Galicia debe ventilar primeiro as súas cloacas.