
G. Figueiredo O Día das Letras Galegas é unha celebración para aclamar a persoas que destacaron pola achega literaria ao noso idioma. Desde 1963, cada 17 de maio a Real Academia Galega dedica esta celebración a unha personalidade diferente. Escolleuse esta data para homenaxear á publicación do primeiro exemplar da grandísima obra da nosa poeta nacional Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, en 1863. Data que marca o inicio do “ Rexurdimento”, o renacemento cultural galego. Este ano, a Real Academia Galega acordou dedicarlle o “Día das Letras Galegas 2022” a Florencio Delgado, tendo en conta catro aspectos fundamentais para elo: a súa obra poética, catro libros con diferentes rexistros; a súa defensa e militancia a prol dos valores democráticos nun tempo adverso que el mantivo acesos mesmo nas angosturas do desterro; as terras de Valdeorras, coa súa cultura, tradicións, patrimonio histórico (material e inmaterial) e lingua; o entusiasmo, a colaboración, a demanda explícita que as institucións e as xentes dos concellos e as asociacións de Valdeorras lle transmitiron á Academia para que o ano 2022 fose o ano Florencio Delgado. Florencio Manuel Delgado Gurriarán, naceu en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, o 27 de agosto de 1903. Foi avogado, escritor e poeta galego. Florencio estudou na aldea, en escolas particulares. Aos seis anos marchou coa familia a Palencia onde estudou cos Maristas. Rematou o bacharelato en Valladolid e licenciouse en Dereito nesa universidade con 20 anos. Alá espertou cara ao «protonacionalismo» ao ler o xornal “A Nosa Terra”, voceiro das Irmandades da Fala. Anteriormente lera a Rosalía, Curros e Cabanillas na biblioteca familiar de Córgomo, onde tan só acudía os veráns. Estas lecturas espertaran a súa vocación poética. De volta en Córgomo, 1928, exerceu como avogado no Barco de Valdeorras mentres preparaba oposicións a Rexistros, que non aprobou. Tamén participaba nas estruturas asociativas de Córgomo: organizaba festas, promovía actividades culturais...; e levaba preitos dos veciños, pois traballaba de pasante nun bufete do Barco. Cando botou a andar a Irmandade Galeguista Valdeorresa foi o representante de Córgomo. En 1930 tamén comezaría a celebrarse en Valdeorras a “Diada de Galiza”, como festexo nacionalista, e editaron un manifesto en defensa da lingua. Enviou unha nota de adhesión á Asemblea Galeguista de Pontevedra, na que xurdiría o Partido Galeguista. Naquel final de 1931, xa tiña escrito poemas de ton sociolingüístico e político, e algún traballo en prosa sobre política caciquil e centralista, e avogando por “unha Confederación Ibérica dentro da Confederación Europea”. Comezou a colaborar con artigos e poemas no xornal “Heraldo Orensano”co pseudónimo de "Corgomófilo", e tamén en“Heraldo de Galicia”e“A Nosa Terra”. Despois dun ano en Madrid para preparar as nunca consumadas oposicións, retornou a Valdeorras e afiliouse ao Partido Galeguista. En xaneiro de 1934 asistiu en Ourense á III Asemblea anual do partido en representación do grupo de Córgomo-Portela, onde coñeceu a Castelao. Tamén se achegou ao Seminario de Estudos Galegos, do que foi socio protector. Nese mesmo ano accedeu á executiva do Partido Galeguista como Secretario de Propaganda. Tras estalar a Guerra Civil, logrou escapar da represión iniciada na comarca de Valdeorras polos sublevados en xullo de 1936, ata alcanzar O Porto, en Portugal, desde onde puido trasladarse a Bordeus, Francia, para chegar á Barcelona republicana en xaneiro de 1938. Colabora en “Nueva Galicia” con poemas de combate, baixo o pseudónimo Nadel, que en alemán significa “agulla”. En ocasións foi á fronte do Ebro, mais deseguida cambiaron os cometidos. Viaxou a Francia nos comezos de 1939 en misión oficial, con pasaporte republicano, visado polo goberno francés, o que lle permitiu mobilidade para preparar a evacuación ante a inminente derrota do Exército republicano. Alá, entre París e a franxa sur, con Valenzuela,Pla e Ramiro Isla, sacaron galegos dos campos de concentración do sur de Francia. Finalmente, entre outras axudas, as SHC (Sociedades Hispanas Confederadas) financiaron o “Ipanema”, barco onde moitos galegos puideron recalar en Veracruz o día de San Fermín, con Florencio Delgado entre os mil pasaxeiros. Viaxaban con el, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín Salvador, Carlos Tomé Alonso, Johán López Durá, Serafín Ferro ou Elixio Rodríguez. Foi no exilio en México, onde se estableceu definitivamente. Alí casou en 1944 con Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos, e tiveron cinco fillos. Foi un dos creadores da revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo. Tamén fundou o Padroado da cultura galega de México, a Irmandade Galeguista, a asociación A nosa xente, o Ateneo de Galicia e a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas. Colaborou nas publicacións Saudade, Verba galega das Américas, Galicia, Heraldo de Galicia, Nova Galicia e Opinión Gallega. Con Xoán López Durá, negociou, redactou e asinou o pacto Galeuzca de 1944, en nome do Partido Galeguista, pouco antes de poñerse a trámite o Estatuto de Galicia nas Cortes españolas celebradas na Praza do Zócolo de México DF, en 1945. Recibiu a medalla Eduardo Pondal en 1975 da asociación A Nosa Xente de México. Durante a época de Vieiros, mantivo especial relación coa intelectualidade do exilio interior, como Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz-Andrade, e co Grupo Brais Pinto. Tamén se relacionou con Rodolfo Prada e outros galeguistas de Arxentina. Para estes escritos de prensa ou revistas, utilizou varios pseudónimos: “Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño”. A súa obra: “Bebedeira”, poemario editado pola Editorial Nós en 1934. “Galicia infinda”: Publicada na Colección Salnés da Editorial Galaxia en 1963, esta obra reuniu boa parte da súa poesía de posguerra. Está composta por cinco apartados: Cantarenas,Valdeorras,Castiñeiros,Varia e Poemas mexicanos. “Cantarenas”. Poemas 1934-1980. Publicado por Ediciós do Castro en 1981 e con limiar de Xosé Gayoso Díaz, recolle os poemas de Bebedeira e engade outros novos: Valdeorresas e Dionisias. “O soño do guieiro”: Publicado na “Colección Opúsculos de poesía” de Ediciós do Castro en 1986 e subtitulado“Xeiras dun galeguista”, está dedicado a Castelao. Tamén foi responsable intelectual e principal colaborador da obra“Cancioneiro da loita galega de 1943”, a primeira publicación do Partido Galeguista en México. A súa contribución nesta edición de “poesía de combate” é variada e significativa, con poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda. Aquí asina os poemas baixo o pseudónimo Nadel. O volume colectivo“Presencia de Galicia en México”, Padroado da Cultura Galega, 1956 tamén estivo organizado por Florencio. Nel, amais, participaron intelectuais non galegos como o historiador catalán Pere Bosch i Gimpera. Colaborou tamén con Plácido Castro e Lois Tobío Fernández no volume“Poesía inglesa e francesa vertida ao galego” en 1949, premiado nun concurso de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego da Federación das Sociedades Galegas da Arxentina. Delgado Gurriarán tamén verteu ao galego a Arthur Rimbaud, Stéphane Mallarmé ou Paul Valéry. Despois de trinta anos no exilio volveu a Galicia para ver aos seus familiares no ano 1968 e máis tarde, no ano 1976 volveu de novo para contemplar como era o escenario posfranquista e albiscar as posibilidades de revitalizar o vello Partido Galeguista. A súa última visita foi en 1981,quixo vir e contemplar a publicación compilada dos seus poemas de loita e combate e, marchou para non volver, cunha doenza cardíaca. Nese ano foi recoñecido como membro correspondente da Real Academia Galega. Finalmente finou en Fair Oaks, o 14 de maio de 1987, cando se atopaba na casa dun dos seus fillos en California. As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo o 12 de xullo dese ano. O seu parente Ricardo Gurriarán escribiu trala súa morte:
“Este poeta moderno, bailón, musiqueiro, cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro… e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal”.