A fronte nacionalista reitera a necesidade dunha auditoría integral diante dos diferentes estudos que alertan de perdas dun 30% na rede de abastecemento
Xabier P. Igrexas: “A solución nunha cidade que segue a baldear as rúas con auga potábel non pode ser apostarmos como primeira opción en actuacións que supoñen claras agresións ambientais”
VIGO, 13 de abril 2022
O Bloque Nacionalista Galego demanda a posta en marcha dun novo modelo de xestión da auga “racional, ambientalmente sustentábel e público” fronte a ameaza que representan “solucións extremas e cun importante impacto ambiental” como a construción dun encoro adicional a Eiras ou de executar transvasamentos no río Verduxo. A fronte nacionalista chama a despregar un modelo alternativo de xestión deste ben básico que avance cara a remunicipalización do servizo ante o “pésimo negocio para a cidade” que supón a concesión a Aqualia.
“É fundamental que nos diferentes concellos da área de Vigo se poñan en marcha plans de racionalización do uso da auga”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “A solución nunha cidade que segue a baldear as rúas con auga potábel non pode ser apostarmos como primeira opción en actuacións que supoñen graves agresións ambientais”.
Desde o BNG rexeitaron a “absoluta frivolidade” coa que o goberno de Abel Caballero está a abordar esta cuestión estratéxica, demandando un novo encoro ou transvasamentos, cando aínda non se ten acometido a ampliación e modernización da estación potabilizadora do Casal que “é un asunto chave para garantir a subministración de auga en Vigo”.
Para as nacionalistas é preciso despregar de forma previa medidas que permitan un uso “racional e sustentábel” da auga. Neste sentido, lembran que o pasado setembro o BNG fixo pública unha proposta conxunta de todas as localidades para o despregamento dun Plan Comarcal de xestión eficiente da auga, cun decálogo se medidas orientadas a unha xestión “mancomunada e pública”. Entre esas actuacións, reiteraron a petición dunha auditoría integral da rede de abastecemento diante das diferentes denuncias que alertan de perdas dun 30% nas canalizacións, como consecuencia da falla de investimentos durante anos tanto do Goberno do Estado como da Xunta de Galiza e do propio Concello de Vigo, así como do “desleixo” de Aqualia.
Abrir o debate da remunicipalización
“Para o BNG é clara a necesidade de blindar desde o público o acceso a este servizo esencial”, afirmou Igrexas. O edil da fronte nacionalista urxiu a abordar o debate da remunicipalización para recuperar a xestión pública directa do servizo. “A xestión privada da auga en Vigo é un pésimo negocio para a cidade mais un negocio moi lucrativo para Aqualia, que presta un servizo moi mellorábel e extraordinariamente caro”, subliñou.
Ademais, o portavoz municipal do Bloque en Vigo salientou que os encoros están nestes momentos na súa capacidade máxima e non existen previsións que advirtan de posíbeis carencias no futuro inmediato.