Neste ano preelectoral achegámonos ata o local do BNG na comarca de Vigo para coñecermos de primeira man a situación do nacionalismo en todas as localidades que para o Bloque conforman a comarca viguesa. Falamos con Manolo Caride, o seu responsable comarcal.
“ O nacionalismo non tocou teito. O teito do nacionalismo galego é o pobo galego”
En liñas xerais como está a saúde do BNG da Comarca?
Moi boa. Continuamos nun proceso de medre organizativo importante e, nestes momentos, comezamos cos traballos preparatorios das eleccións municipais do ano próximo.
Cando prevés que poderiamos saber as cabezas de cartel?
Hai un calendario nacional aprobado que fixa que no mes de xullo debemos ter nomeadas, cando menos, as cabezas de lista das cidades, das nosas alcaldías e dos concellos onde cogobernamos.
E das localidades máis pequenas?
Antes de fin de ano debe de estar todo definido, tanto das vilas máis importantes por poboación como cabezas de comarca e resto de concellos.
A boa saúde do BNG foi indiscutible nos últimos procesos electorais. Pero non tocou teito xa?
Estou seguro de que non. Temos espazo dabondo para seguir medrando. O teito do nacionalismo galego é o pobo galego. Nós aspiramos a chegar á maioría social deste país porque a xestión dos intereses de Galiza por parte do BNG, indiscutiblemente incidiría no ben colectivo de todas as persoas que vivimos aquí.
Non percibes signos de desgaste?
Non, todo o contrario. As localidades non paran de medrar en afiliación e as estruturas da nosa organización son cada vez máis fortes.
O fascismo españolista existe nas rúas de Galicia?
Creo que non, ou polo menos non de xeito significativo.
O nacionalismo galego é un dique de contención contra a extrema dereita?
O nacionalismo que representa O BNG indiscutiblemente si. Especialmente no que respecta á mocidade, onde o BNG é a forza política que desperta máis simpatías.
No resto do estado a medida que VOX foi gañando espazos o PP foi asumindo as súas posicións por medo a perder terreo, cando a realidade amosa que é así como o están perdendo. Pensas que o PPdeG poida facer o mesmo e asumir posicións máis extremistas das que habitualmente defendían?
Si, creo que si. De feito creo que van nesa dirección. O PPdeG desenvolve políticas cada vez máis antigalegas. A modo de exemplos podo mencionar a súa negativa a que Galiza estea na UNESCO ou que o galego sexa lingua oficial na UE. Pero que tipo de administración pode defender o disparate de que o idioma do seu territorio non sexa recoñecido internacionalmente?.O PPdeG non representa en absoluto os intereses deste país.
Ben, imos falar da situación do nacionalismo en todas as localidades da túa comarca. Comecemos por Vigo:
Como valoras ao goberno municipal? E que perspectivas ten o Bloque nas eleccións do 27
O goberno de Vigo xa non ten nada que ofrecer aos vigueses e viguesas. É un goberno esgotado que vive nun nadal permanente e que non atende aos problemas básicos da cidade como a vivenda e o transporte.
O BNG encabezado por Xabier Pérez Igrexas é a oposición real nesta cidade , unha oposición positiva e propositiva que amosa que outro tipo de políticas, en beneficio da maioría social da cidade, son posibles e necesarias para Vigo. Neste sentido, estou convencido de que teremos un grande resultado nas vindeiras municipais que se reflectirá nun importante aumento de votos e de representantes na corporación.
As maiorías absolutísimas do partido socialista de Vigo, non son reais. Xorden da personalidade de hiperlíder de Abel Caballero e das súas políticas populistas. Cando a bioloxía impida a Caballero volver a presentarse todo ese voto prestado vaise espallar en opcións moi diversas. Honestamente ti cres que nese momento Xabier Pérez Igrexas ten opcións realistas de ser alcalde de Vigo?
O BNG non se pon límites e, desde logo, aspiramos a gobernar de novo en Vigo. O noso traballo caracterízase de sempre por ser rigoroso na defensa dos intereses da cidade en xeral, e das viguesas e vigueses en particular. Neste sentido, xa tivemos a alcaldía no seu momento e volverémola ter, estou convencido. Do que si estou seguro é de que Xabier Pérez Igrexas sería un magnífico alcalde.
Ben, falemos de Redondela
A situación de Redondela é complexa. A aritmética municipal é difícil e o goberno ten moitas debilidades e erros notables. O BNG local está a facer un bo traballo, estando atento ás oportunidades que están xurdindo. Nesa dirección estase a traballar, reforzando a nosa organización na localidade de cara a presentar unha opción realista de cambio para Redondela.
Non terdes entrado no goberno no 19 e no 23 foi un erro?
Non. O resultado de entrar ou non nun goberno nunca se pode saber, ningunha destas opcións garante a priori obter mellores resultados. De feito, no caso de Redondela o BNG aumentou a súa representación sen ter entrado no goberno.
En Fornelos de Montes conservastes a concelleira de milagre, por moi poucos votos, no ano 23.Como valoras ao goberno deste concello e cales son as vosas expectativas realistas para as eleccións do 27?
O goberno do PSOE en Fornelos está instalado na absoluta inoperancia. Non lle achega nada ao Concello e as súas políticas clientelistas non se diferencian en nada das do PP.
En canto a nós dicir que este é un concello moi pequeno no que todo o mundo se coñece e todo o voto está digamos, tocado. Creo que o grande traballo da nosa concelleira Mila Casal e do BNG en Fornelos merece un recoñecemento a través dunha mellora substancial de resultados nas vindeiras municipais.
Un concello no que si vexo unhas perspectivas moi elevadas de crecemento para vós é Pazos de Borbén. Opinas o mesmo?, Como valoras ao goberno do alcalde Luciano Otero?
Coincido absolutamente. Estou seguro de que en Pazos teremos un resultado magnífico. Nesa localidade consolidamos unha agrupación de moito peso político que realiza un grande traballo de campo e que dirixe de maneira brillante o noso concelleiro Xurxo Pardo. El é unha persoa capaz e intelixente, moi empático e que conecta moi ben coa xente.
En relación ao goberno a palabra que mellor o define é a frustración, e ollo: é un goberno que se frustrou a si mesmo pola súa incapacidade.
Se no 27 é precisa a suma de Alternativa e o do BNG para formar goberno, que pode pasar?
Esa hipótese tería que decidirse no momento que se dea, se se dá. E de ser o caso, decidirían os compañeiros e compañeiras do BNG de Pazos.
En Baiona que tal pinta a cousa?
En Baiona temos por diante un traballo importante de reforzamento organizativo. Estamos facendo un traballo moi digno pero que require ensanchar a nosa base social organizada.
Nesa localidade hai campo para medrar?
Si, si que o hai. O que é imprescindible e que poidamos ter máis militancia activa que poida trasladar á sociedade as lamentables políticas que desenvolve o Partido Popular.
En Baiona temos un chan de votos elevado, pero é necesario dar un salto e para iso cómpre dotar de máis corpo á organización local.
O goberno de Almuíña supón unha continuidade das políticas de sempre da dereita de Baiona que en nada benefician á veciñanza. E o BNG ten que aparecer como o que en realidade é: a alternativa ao desgoberno do PP.
Falemos agora de Nigrán
Temos un moi bo concelleiro e un corpo militante forte. O traballo de Xavier Rodríguez e de toda a organización local é moi notable e estou convencido de que se vai notar nun moi bo resultado nas municipais do 27.
Como valoras ao goberno de Juan González?
Notámoslle síntomas evidentes de desgaste e cansazo. Penso que tamén se reflectirá nunha perda de apoio electoral.
Ese suposto desgaste tamén o ves no goberno de Gondomar?
O desgoberno é o que mellor define a política de Paco Ferreira, un alcalde que non ten reparo algún en apoiarse en tránsfugas.
O transfugismo desas dúas persoas foi buscado?
Non o sei. Eu remítome aos feitos e o que non é discutible é que o seu goberno se apoia en dous tránsfugas.
As perspectivas do BNG para o 27?
Son moi boas. O traballo do BNG tanto institucional como social é sobresaínte e confío en que se verá recoñecido pola maioría social da veciñanza.
Acabamos con Mos porque eu creo que nesta localidade si que existen posibilidades reais de que o BNG acade a alcaldía no 27.Non vai ser doado, pero a pulsión que percibo nos camiños de Mos é que desta volta si que vai ser posible. Que pensas?
Eu penso o mesmo que ti. A oposición real que hai en Mos é o Bloque, unha oposición moi responsable, firmemente chantada na realidade social das parroquias e lugares do concello e penso que a suba que imos experimentar en apoios e en actas vai ser máis que notable.
Valoración do goberno de Nidia Arévalo?
Semella que está máis centrada no seu cargo no Senado que en atender, como alcaldesa, as necesidades e intereses do concello de Mos.

Primer comentario