María Castro Abad Concelleira do goberno de Redondela

María Castro Abad

María é unha concelleiras que ten un importante peso específico na estrutura de goberno da alcaldesa Digna Rivas. Ela é unha muller moi formada que domina con rigor e solvencia as súas responsabilidades no Concello. E asemade é unha grande conversadora coa que foi un pracer para min compartir un café. Velaí vai o que deu de si.

Eu pregúntome se Javier Bas, no caso de que volva perder as eleccións, volverá fuxir de Redondela”

Ti levas varias áreas de moita complexidade como por exemplo economía, facenda ,urbanismo, emprego……. de onde sacas o tempo?

´

O certo é que traballamos moitas horas ao día si. Pero eu sempre digo que a ninguén se lle obriga a estar en política e cando asumes unha responsabilidade tan importante como estar no goberno de Redondela é necesario dar o mellor de cada persoa

A túa formación cal é?

Fixen administración e finanzas ,e tamén filoloxía galega

Cal é a saúde económica de Redondela?

O noso estado de saúde en relación á parte económica é bo. Non temos ningún problema relevante que destacar. Si é certo que para a nosa densidade de poboación temos un orzamento pequeno, o que é común a moitos concellos. Isto implica que os ingresos que temos van moi xustos para podermos cubrir os nosos gastos

O financiamento dos concellos ten relación co seu número de habitantes. Cres que os que, como o noso, están no abano de ata 40.000 habitantes están infra financiados?

Si, claramente si.

Nese suposto infra financiamento tamén inclúes á DEP?

A DEP reparte os seus fondos de maneira xusta e en base a unha serie de criterios obxectivos. O problema é a nivel autonómico e estatal

Porén os concellos da nosa área de influencia que están gobernados polo PP quéixanse de que son maltratados pola DEP?

Eu non teño esa percepción. A DEP reparte os seus fondos en base a unha serie de criterios obxectivos que son para todos igual

Como valoras a oposición que vos está a facer o PP de Redondela?

A oposición que fai o PP de Redondela é dura e de natureza puramente destrutiva. Non teñen ningún tipo de interese en construír. Eu penso que debería de ser distinto claro, a min a política dese cariz non me gusta. Agora mesmo non se dan as circunstancias para que haxa boa relación co PP, pois pola súa parte non existe o máis mínimo interese en colaborar.

Antes amosabas o teu desgusto polo financiamento da Xunta. Por que?

A Xunta faino de maneira distinta á DEP. Eles o que fan é quitar distintas convocatorias de subvencións en concorrencia competitiva, dotadas, en moitos casos, con cantidades claramente insuficientes. E ultimamente incluso poñen certos requisitos moi difíciles de cumprir. Ás veces tamén dá a sensación de que hai quen ten información privilexiada

Vaia. Entón os Concellos do PP terían información a priori das convocatorias da Xunta?

Non digo que sexa así, non o sei .Pero as veces é a impresión que teño. Fíxate no noso caso por exemplo pois nos últimos tres anos tivemos moitas solicitudes denegadas e sen saber por que

Varios alcaldes e alcaldesas téñensenos queixado do elevado número de competencias extra municipais que a Xunta vós obriga a asumir. Cal é a túa opinión ao respecto?

Estou completamente de acordo. É unha inxustiza flagrante pero o goberno autonómico do PP obriga aos Concellos a asumir competencias impropias que minguan substancialmente os nosos orzamentos

As obras da praza de Ponteareas están en tempo?

Si, a obra vai en tempo. Esta é unha obra moi complicada sobre hai que ter en conta moitas cuestións: faise no medio da vila, hai que manter o tráfico de entrada e saída, renova o saneamento da zona, hai que mover un volume inmenso de terra…..Aínda así imos en tempo. Desde o máximo respecto e consideración aos veciños que se poidan sentir molestos neste momento, eu pediría por favor un pouco de paciencia porque estou segura de que cando estea rematada eles van ser os principais beneficiados.

Valóranos a festa do Choco deste ano?

Eu fago unha valoración moi positiva, o noso obxectivo é pór en valor o choco de Redondela. O que non se pode facer, creo eu, é comprar choco de fóra para logo vender. Este ano todo o que se organizou foi un éxito, tanto no que se refire á gastronomía como ás actividades culturais asociadas á festa, non hai ningunha dúbida diso. Agora ben, tamén quero dicir que o ano que ven haberá unha carpa

Os comerciantes do Salgueiral quéixanse de que non os tendes en conta?

Tomo nota para tratar de mellorar e agradézoche o comentario

Como é a relación do concello co sector da hostalaría?

Moi boa, fluída e cordial

Sobre a festa da Coca que nos dis?

Esta festa organízaa a concellería de Cultura directamente. Eu só colaboro no que precisen. Pero xa che podo anticipar que vai saír preciosa.

Por que motivo o Concello de Redondela pon a bandeira de Ucraína co lema “Non á guerra” na súa entrada, e non fixo ou fai o mesmo con calquera das outras guerras que tanta xente sofre en tantos currunchos do planeta?

Vamos ver, eu non sei que problema hai en amosar a bandeira dun país que está sendo obxectivamente agredido e en expresar o noso rexeitamento a esa agresión. Naturalmente o Concello de Redondela está en contra de todas e cada unha das guerras do mundo; as pasadas, as presentes e as futuras.

Xa non queda moito para o vindeiro proceso electoral e todo apunta a que ides ter de novo a Javier Bas en fronte?

Si, eu non sei se, no caso de que volva a perder, volverá fuxir de Redondela.