LIV Festa da troita de Ponte Caldelas

Despois de dous anos de parada pola pandemia de Covid19 , o Concello de Ponte Caldelas retoma unha das súas festas máis antigas e destacadas, a “Festa dá Troita”. Este ano cúmprense 54 edicións dunha festa gastronómica declarada de interese turístico e retómase con moita ilusión, forza e ganas de festa.

A súa andaina comezou alá polo ano 1.967, o último domingo do mes de maio, botaba a andar esta festa destacando a gastronomía e o Concurso Internacional de Pesca modalidade de salmónidos. A festa nace pola iniciativa dun grupo de amigos afeccionados á pesca: Rafael López, Luis Blanco, Enrique Puga e Luciano Martínez, alcalde daquela época, vendo que había gran afluencia de troitas nos ríos que atravesan o termo municipal, ó mesmo tempo que promocionaban a vila.
A festa conta cunha particularidade, edita tódolos anos o “Libro da Festa da Troita” no que se recollen os programas de festexos, o regulamento do concurso de pesca, os acontecementos máis destacados da vida, así como achegas da vida cultural galega de todos estes anos. Por todo elo estes exemplares supoñen para tódolos habitantes de Ponte Caldelas o recordo ó longo do tempo de todo aquilo que foron e foi o seu pobo e o camiño que recorreu ata os nosos días.

Festa da troita

Pero non só destaca pola coñecida achega á cultura desta revista na que mesmo contou no primeiro número un artigo titulado “Laude de la Trucha” asinado por Álvaro Cunqueiro, ou, neste mesmo número apareceu outra colaboración titulada “Quodlibet de la Trucha” do historiador José Filgueira Valverde, personaxes ilustres que repiten noutras Edicións, senón tamén polo deporte. En todas e cada un destes anos celébrase o “Concurso Internacional de Pesca” que é coñecido polos afeccionados a esta disciplina de toda Galicia e incluso Portugal, e que en consecuencia aglutina a grande cantidade de pescadores que agardan cada ano tan ansiada cita.

O Concurso desenvólvese durante tres días nos que se fan competicións de tódalas modalidades e categorías. A organización corre a cargo da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo de Ponte Caldelas co asesoramento da Federación Galega deste deporte. Proba da magnitude do evento, é que todas e cada unha das sociedades de pesca existente no noso país son invitadas a participar na competición, dándoselle toda clase de facilidades para que poidan acudir á ansiada cita respondendo as mesmas de forma moi positiva. Outra proba desta magnitude é que no ano 1.973 ese Concurso foi valido para o Campionato de España da especialidade.

No que á gastronomía se refire, pódese degustar a troita en tódalas súas formas de preparación, estando a disposición dos visitantes en tódolos restaurantes da vila xa durante os días anteriores e posteriores á data da festa.

A degustación, nos días de festa, lévase a cabo na Alameda de Ponte Caldelas, lugar próximo ó río e que serve como escaparate destas festas por diversos motivos: celébrase o sábado pola tarde en horario que coincide co final do concurso de pesca, polo que o citado recinto serve de lugar de reunión de pescadores, afeccionados, turistas e prensa. Lugar tamén onde se concentra o campo da actividade cultural, como exemplo os encontros polifónicos organizados nestas datas pola Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, anfitriona de tal evento, e na que participan outras corais da provincia. Como colofón a todo o evento non poden faltar as clásicas e populares verbenas que alegran a vila con distintos pasarúas e actuacións para tódolos públicos.
Tratamento aparte requiren a entrega de trofeos do Concurso de Pesca: nel reúnense numerosas autoridades do entorno autonómico que participan nesta entrega, así como os vencedores, participantes, afeccionados e prensa que participan na mañá do domingo do punto e final de tan singular concurso. Vólvese a encher a alameda de Ponte Caldelas con xentes de toda Galicia.
Como colofón destes actos está o banquete oficial, a el asisten as autoridades, organizadores, participantes no concurso de pesca e afeccionados que así o desexen. Celébrase no marco do Hostal El Verdugo, situado á marxe do mesmo río, e que fora o antigo “Balneario de Ponte Caldelas”. Concluíndo, poderiamos dicir que nos atopamos cunha festa que aglutina á perfección o aspecto cultural, folclórico, de ocio e gastronómico que toda celebración deste tipo debe ter.

Para engalanar ao río Verdugo, para a súa competición de pesca, o pasado 18 de maio recibiu 100 exemplares que foron liberados polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e Santi Pérez, en representación da directiva da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, coa colaboración do técnico do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Víctor Rial. Estaba tamén prevista a participación, como nos anos anteriores, dos nenos dos colexios Manuel Cordo Boullosa e A Reigosa, pero a choiva que ese día asolou o país non deu tregua durante a mañá e impediu a súa asistencia.

As troitas coñeceron así o seu novo hábitat e terán tempo de adaptarse antes do concurso internacional de pesca que se celebra con motivo da festa máis senlleira de Ponte Caldelas. Os exemplares eran maioritariamente duns 20 centímetros de lonxitude, pero tamén había varios con envergaduras de ata case 30 centímetros. O peixe foi liberado no couto dedicado á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.

A Casa da Cultura de Ponte Caldelas tamén ten o seu protagonismo este ano na festa e conta cunha exposición, “ O esmalte ao lume ata o domingo 29 de maio.

O esmalte ao lume, unha técnica artesán en extinción, chega da man de Olga Durán e Isabel Perea cunha mostra que levan un tempo investigando as posibilidades de cadros e xoiería con cristais e metais e empregando técnicas moi detallistas e perfeccionistas.

Trátase de amosar a expresión artística dunha técnica cada vez máis rara e que mesmo corre o risco de perderse e que estas dúas artistas viguesas, Olga Durán afincada na parroquia pontecaldelá de Forzáns, exporán pezas que van da bixutería máis clásica a cadros elaborados con paciencia e sabedoría, seguindo os pasos dun proceso inventado hai séculos, non se sabe ben se polos gregos ou polos exipcios.

Como vedes unha festa na que non se pode desbotar nada, exposicións, música, comida, deporte e ganas de gozar despois deste dous duros anos de dura pandemia sen poder asistir a ningún destes eventos tan esperados polos veciños e veciñas das vilas de todo o país.