Principais atractivos turísticos do Concello de Forcarei:
“Un tesouro natural no corazón verde de Galicia onde a historia e a natureza perduran”.
No interior da provincia de Pontevedra, afastado do ruído das grandes cidades e envolto nunha paisaxe de montes, vales e ríos, o concello de Forcarei é un destino que convida a descubrir a autenticidade da Galiza máis verde e tranquila. Situado na comarca de Tabeirós–Terra de Montes, este territorio de 167,7 quilómetros cadrados é moito máis ca un anaco de terra: é un mosaico de natureza, patrimonio histórico, cultura e memoria.
Forcarei é, ante todo, terra de orixes. Aquí nacen ríos como o Lérez, o Umia e o Verdugo, compoñendo un territorio rico en biodiversidade e de enorme valor ecolóxico. Pero tamén é berce de figuras destacadas da cultura galega, como o gaiteiro Avelino Cachafeiro, o cineasta Chano Piñeiro ou o fotógrafo Virxilio Vieitez, nomes que contribuíron a proxectar a identidade galega máis alá das súas fronteiras.
O concello está formado por trece parroquias: Meavía, Suintillán, Aciveiro, Pereira, Dúas Igrexas, Castrelo, Millerada, Ventoxo, Madalena, San Miguel de Presqueiras, Pardesoa, Santa Mariña de Presqueiras e Forcarei. Estas conforman un lugar cheo de lendas e que mestura o pasado coa natureza do presente. Por el discorren dous importantes camiños históricos: o Camiño Miñoto–Ribeiro e o Camiño da Geira e dos Arrieiros, rutas que conectaban o norte de Portugal con Santiago de Compostela e que hoxe recuperan o seu valor como camiños de peregrinación e sendeirismo.
Estas vías históricas non só artellaban o tránsito de persoas, senón tamén de mercadorías, ideas e culturas. Os arrieiros, por exemplo, transportaban o viño do Ribeiro ata Compostela, deixando tras de si unha pegada que aínda se percibe nestes tempos.
Un dos grandes atractivos de Forcarei é a súa natureza. A Serra do Candán, onde nacen o río Lérez e o río Umia, constitúe un dos espazos máis característicos do concello. Desde as súas alturas, podemos gozar vistas espectaculares e dunha biodiversidade única.
Entre os espazos máis singulares da Serra destaca a Freixa de Chamosa, un conxunto de fervenzas formadas por un pequeno arroio que se precipita entre un estreito val. Este é un deses sitios cos que te impregnarás da maxia que ten este concello. Unha “freixa” é unha das numerosas formas de denominar unha fervenza en Galicia. Aquí, na Chamosa, teñen un pequeno arroio, o Outeiro dá Cruz, un afluente do río Sorribas, á súa vez afluente do Lérez, que se precipita por un estreito val formando varias fervenzas de diferentes tamaños, está cheo de pozas e varios muíños e lavadoiros testemuñas dun pasado no que a auga era motor de vida e traballo e que fan deste lugar un sitio privilexiado polo que poder desfrutar dunha boa andaina polos montes da Comarca Tabeirós- Terra de Montes.
Outro punto de interese é a fervenza da Graña, atópase nun entorno no que se empraza unha presa e un antigo pantano así como unha alvariza nunha das ladeiras. Estes espazos permiten conectar coa paisaxe dun xeito íntimo e tranquilo, afastado das rutas máis masificadas.
Se a natureza é un dos piares de Forcarei, o patrimonio histórico é o outro gran eixo que define a este concello do interior da provincia. O Mosteiro de Santa María de Aciveiro é, sen dúbida, unha das xoias máis destacadas. Fundado en 1135, este mosteiro cisterciense foi durante séculos un centro neurálxico da vida agrícola, comercial e artesanal da zona. Declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931 e recoñecido como Ben de Interese Cultural, segue a ser un referente do románico galego.
Pero a historia de Forcarei remóntase moito máis atrás. O territorio está salpicado de vestixios megalíticos, como mámoas e necrópoles, que permiten viaxar ata a prehistoria. Lugares como Campo das Antas, en Castrelo, acollen máis de vinte túmulos funerarios, evidenciando a importancia desta zona na antigüidade.
A cultura castrexa tamén está presente a través de numerosos castros, como o de Loureiro, o de Sanguñedo ou os de Millerada —Rodeiras e Mouteira—, algúns dos cales conservan estruturas defensivas e restos de vivendas. Estes asentamentos ofrecen unha visión fascinante das formas de vida das comunidades prerromanas dos nosos ancestros.
O patrimonio de Forcarei non se limita só a natureza e patrimonio, aquí as lendas forman parte da identidade das súas xentes. No castro de Loureiro, por exemplo, cóntase que a ninfa Loureiriña se aparecía aos viaxeiros que cruzaban a ponte do Crego, facendo deste sitio un lugar máxico.
Tamén destacan as insculturas do Outeiro das Cruces e da Laxe das Buratas, en Presqueiras, un conxunto de símbolos gravados na pedra que nunha superficie de sete metros alberga unha composición formada por dezaoito signos cruciformes de diversos tamaños que seguen a espertar o interese de investigadores e visitantes. Estas manifestacións artísticas, clasificadas como Ben de Interese Cultural, son unha mostra do simbolismo e espiritualidade das sociedades antigas na Galiza.
A arquitectura popular galega é outro dos sinais de identidade de Forcarei. Cruceiros, hórreos, igrexas e capelas espállanse por toda vila e as súas parroquias. En Suintillán, por exemplo, destaca o cruceiro das Procesións, unha obra barroca e moi historiado, que se ergue no adro da igrexa parroquial. Esta conserva no seu interior varias imaxes do século XVI e unha pía bautismal do XIV.
Destacar tamén o Pazo de Hermosende, en Millerada, no lugar de Malburgo, constitúe o único exemplo de arquitectura señorial do municipio. Construído en 1711, representa unha mostra do poder económico e social das familias adiñeiradas na Galicia rural.
Especial mención merece o Centro Etnográfico da Terra de Montes, situado na parroquia da Madalena. Este espazo recolle pezas relacionadas coa vida doméstica, os oficios tradicionais, a labranza e a emigración, ofrecendo unha ampla visión da evolución social da comarca.
Entre os elementos máis curiosos do patrimonio de Forcarei atópanse as Neveiras de Fixó. Situadas a 800 metros de altitude e vinculadas ao mosteiro de Aciveiro, estas estruturas servían para almacenar neve que posteriormente se utilizaba para conservar alimentos, arrefriar bebidas ou con fins medicinais. A presenza da casa do neveiro, encargada de vender o xeo, forma parte do conxunto de gran valor histórico da comarca.
Outro exemplo da vida tradicional aproveitando os recursos naturais do rural son os muíños de Ventoxo. A carón da ponte da Bouzada, construída no século XVIII, chegaron a funcionar ata oito muíños, dos cales se conservan catro. Estas construcións en pedra testemuñan a importancia da moenda na maneira de vivir e alimentarse no pasado.
A parroquia de Presqueiras ocupa un lugar destacado na historia política de Forcarei. Aquí localízanse os restos da Torre-fortaleza de Montes, que foi residencia dos Xuíces-meriños e centro administrativo e xudicial ata o seu derrubamento no século XV. Considerada por algúns historiadores como o centro político da Terra de Montes, esta fortaleza simboliza o poder e a organización territorial da época medieval.
Entre os montes de Presqueiras atópase o Outeiro do Coto, un dos cumes máis elevados do concello con 1014m., desde o cal se poden contemplar unhas vistas inmellorables da contorna.
Forcarei non só ofrece patrimonio, natureza, cultura e lendas, senón tamén experiencias para diferentes maneiras de vivir o tempo de lecer. O Observatorio Astronómico permite achegarse ao universo a través de visitas guiadas que inclúen a observación de constelacións, planetas e nebulosas. Unha proposta na que interesar pola ciencia a pequechas e pequechos e pasar tempo de lecer en familia.
Para os amantes do motor, o circuíto de karting da Madalena ofrece unha alternativa máis atrevida, mentres que os numerosos roteiros de sendeirismo permiten exploralos montes a un ritmo pausado que require a súa contemplación e fora do estrés diario do traballo ou da vida na cidade.
En definitiva, Forcarei é un destino que convida a parar, a respirar e a reconectar coa natureza. Nun mundo cada vez máis acelerado, cheo de inxustas guerras e crueldades políticas, este recuncho da Galicia interior ofrece unha experiencia ao pasado, na calma e na beleza natural do noso país. A súa combinación de paisaxes, historia e cultura fai de Forcarei un lugar único.