É o primeiro ano que esta Feira se celebra na Praza de España e dende primeira hora contou con moita participación
Ponte Caldelas, 3 de novembro do 2019
Ponte Caldelas acolle nesta xornada, ata as 20:00 da tarde, a IV Feira de Artesanía, unha auténtica escolma non só do traballo dos artesáns, senón dos últimos profesionais de oficios tradicionais, como a elaboración de zocos e tamancas, reparación de cadeiras de montar e obxectos de vidro. Unha cita que se celebrou, por primeira vez, nunha carpa na Praza de España de Ponte Caldelas.
A feira contou coa participación de 33 artesáns. O público que se achegou a esta cita ademais de poder participar en diversos obradoiros, como o obradoiro de xabóns (para nenos de menos de 11 anos) e obradoiro de fieltro (para máis de 11 anos), tamén puideron asistir a unha charla de alimentación saudable, a cargo de Belén Ventín, ademais tamén puideron desfrutar da exposición de Marcos Mariño “Tallas en madeira feitas con motoserra”, do recuncho de xogos en familia (un espazo que pola tarde contou con servizo de monitores) e como non, da música tradicional que estivo presente ao longo de toda a xornada a cargo do grupo dos Coribantes.
O Goberno local apoia a iniciativa e agradece o traballo de organización a cargo da Asociación Cultural das Miñas Mans, toda unha garantía, dado que os expositores valoran especialmente que o evento está concibido por xente do sector e para apoiar ao sector. Esta circunstancia explica que moitos deles repitan por terceiro cuarto ano consecutivo.
Nos postos podemos atopar creacións artesáns tales como roupa de lá, tallado de vidro, madeira tallada, cerámica, todo tipo de complementos de bisutería, bolsos, esculturas feitas con area, marionetas, xoguetes de madeira, xabóns naturais, coiro, debuxos de arte rupestre, exposición de minerais e moitas máis cousas. Houbo tamén un oco para a gastronomía cun posto de cervexa Meiga e tamén coa degustación de pan vegano, filloas e galletas artesáns.
Os asistentes achegáronse especialmente ao posto de Marta Bueno, unha guarnicioneira de Rebordelo (Ponte Caldelas) que é unha das poucas que repara cadeiras de montar e mesmo restaura calesas, unha auténtica especialista no mundo do cabalo. Tamén o sector do vidro foi outro dos reclamos, así como toda a artesanía que xira ao redor da bisutería, o ganchillo e a calceta. Sen esquecer a cerámica con motivos de arte rupestre que trouxo o obradoiro Sibeiro, de Soutomaior.
Unha xornada de moito ambiente que pechará as súas portas ás 20:00 e que tal e como dixo o alcalde “volveu a deixar claro unha vez máis que Ponte Caldelas está de moda”. Tanto Díaz como a organización valoraron positivamente a nova ubicación desta Feira, que dende este ano se celebrará “no corazón do pobo, ao lado dunha das Prazas máis significativas da nosa vila”.