
Neste concello produciuse, o pasado mes de agosto, un cambio de alcalde en circunstancias verdadeiramente estrañas. Nos últimos 9 anos semellaba unha localidade cuxa situación política era moi previsible, alcaldía para o PSOE do alcalde Poceiro, e a tenencia de alcaldía para os nacionalistas da brillante Ornela Fernández. A placidez e a atonía política eran a tónica en Vilaboa e non se agardaba ningún tipo de sorpresa que supuxera un cambio. Porén todo mudou tras a dimisión de Poceiro. El é substituído por Francisco Costa que dimite de maneira sorprendente, manifesta verse desbordado pola situación, pouco máis dun ano despois das últimas eleccións municipais, e é relevado, a súa vez, polo actual alcalde César Poza. Os seus socios do BNG consideran que as formas de xestionar a dimisión non son as adecuadas e xunto con outras circunstancias a maiores que lles desgustaban fanlles tomar a decisión de deixar o goberno. Nós falamos con Ornela para coñecer a súa versión dos acontecementos. Agardo que os camiños da vida, algún día , permitan que Ornela poida exercer algunha responsabilidade política de transcendencia, pois sería unha mágoa que a súa valía intelectual e a súa calidade humana se perderan polo camiño.
Explícanos as razóns que motivaron o voso abandono do goberno de Vilaboa?
Nos últimos meses deste novo mandato non estabamos cómodos porque observamos unha crecente tendencia a invadir as nosas áreas, sobre todo por parte do ex alcalde
Estás falando de Francisco, o alcalde recen dimitido, non?
Si
Nunca tiveras ese problema co alcalde Poceiro?
Non. Evidentemente con el tivemos momentos de discrepancias, pero nunca tentaron limitar a nosa independencia no goberno das áreas que nos correspondían
E por que cres que se produciu esa situación, polo perfil do alcalde Francisco Costa, ou por unha decisión política consciente?
Eu creo que foi polo perfil que ten Francisco Costa
Como evolucionou esa situación de incomodidade ata chegar a tomardes a decisión de abandonar o goberno municipal?
Ben, durante o confinamento as discrepancias quedaron un pouco no limbo porque todo estaba orientado a atender as necesidades da cidadanía
E chegou agosto..
Efectivamente, e produciuse esta profunda crise, non partidaria como di o psoe, senón institucional pois afecta á figura máis relevante do concello, o alcalde. Todo foi sumando, e a súa dimisión colleunos absolutamente de sorpresa. O venres 31 de xullo tomou posesión a substituta dunha concelleira socialista que dimitira e o luns seguinte o alcalde , que non veu polo concello, me cita para o martes. Ese día anúncianos a súa dimisión para a mañá seguinte, de hoxe para mañá. Alucinei
Non lle preguntaches quen o ía substituír?
Si, claro, e dixo que non o sabía
Créelo?
Non, sinceramente non. Os feitos parece que amosan que non é verdade. Na propia xuntanza xa recibín whats apps de xornalistas que me preguntaban polo asunto. É dicir xa o mandaran eles aos medios
Cando coñecedes quen vai ser o novo alcalde , como o tomades?
Como sabes, o novo alcalde ía de número 8 na lista do PSOE.É quen entra a substituír , como concelleiro, ao alcalde dimitido. É, con todos os respectos, unha persoa que nin sequera foi elixido polos votos da veciñanza. A decisión é lexítima claro, pero politicamente moi cuestionable. Todos eses feitos levaron á nosa asemblea a decidir o abandono do goberno
Unha vez tomada a decisión de deixar o goberno, como están os ánimos da asemblea local do BNG, e os teus en particular?
Os ánimos dos meus compañeiros e compañeiras están nun nivel moi elevado, en íntima relación coa saúde xeral do bloque en toda Galiza. Estamos con forza , con ilusión temos un modelo para Galiza e para todas as súas localidades e temos a convicción de que algún dia mereceremos a confianza maioritaria e nos darán a oportunidade de que o que o nacionalismo fixo en Pontevedra, en Tomiño, en Bueu, no Rosal, en Ponteareas, nas Neves..e en tantos sitios máis, transformar os espazos en lugares máis humanos e habitables e preocuparse de que non haxa un só veciño que estea por baixo dos niveis mínimos de dignidade, poida ser a realidade dos 365 días do ano no noso pobo
No que a min respecta, despois dunhas semanas dun estres moi intenso, estou relaxada, tranquila, animada e con moita ilusión para, desde a oposición seguir contribuíndo ao ben común
Ti e eu xa temos falado varias veces e corríxeme se me equivoco pero creo que hai partes do teu traballo, coas que estabas especialmente identificada emocionalmente( feira do viño, entroido…) que che encantaban e que vas botar moito de menos?
Non te equivocas. Facer chegar a Vilaboa a moita xente e darlles a coñecer as inmensas potencialidades e beleza que ten o noso pobo resultábame moi atractivo, e si que o vou botar de menos, claro que si.
Eu creo que Vilaboa é un paraíso pero está pouco potenciado
Si, é así. De feito esa foi unha das nosas teimas cando chegamos ao goberno, e humildemente creo que o estabamos, aos poucos , logrando
Como vai ser a vosa oposición?
Propositiva, construtiva e firme
Nas eleccións do 2.023 vai estar Ornela Fernández?
Si, esa é a miña intención
Na recentes autonómicas fostes segunda forza. Facendo un exercicio de imaxinación, se esa situación se dese nunhas municipais…
Son procesos electorais distintos, pero xa che dixen que eu son unha persoa con ilusións, creo que o BNG ten moito que achegar ao noso pobo e imos pelexar con todas as nosas forzas para que a onda de empatía, e de realismo político en positivo, que trasladou a boa parte da sociedade o BNG de Ana Pontón, chegue tamén a Vilaboa
Cales son os principais problemas que padece Vilaboa?
O noso principal problema é o urbanismo. Durante todos estes meses estivemos traballando para podermos garantir o abastecemento de maneira legal nas zonas nas que non está a probado o plan xeral. Alén da situación sanitaria, o asunto máis urxente para Vilaboa é pór a funcionar a totalidade do plan xeral en todo o Concello. É a única maneira para poder desenrolar o núcleo urbano do Toural. As problemáticas das zonas de Costas con núcleos sen regularizar é tamén un asunto que require dunha solución urxente