Xavier Rodríguez candidato do BNG á alcaldía de Nigrán

Xavier Rodríguez candidato do BNG á alcaldía de Nigrán

Nigrán nunca foi unha localidade na que o nacionalismo tivera unhas porcentaxes de voto significativas. Supoño que son múltiples as razóns que o expliquen, pero eu destacaría a alta concentración de persoas de moi elevado poder adquisitivo, socioloxicamente conservadoras, que compran vivendas neste concello. Porén sempre tivo un espazo máis ou menos estable que perdeu nas eleccións do 2019 xa que quedou fóra do Concello. Desta volta o seu cabeza de lista amósase moi ilusionado en recuperar a presenza do BNG no consistorio, pois todos os indicios apuntan a que iso é o que vai acontecer. Nós conversamos con el

O nacionalismo non pode volver quedar fóra do Concello de Nigrán e nós estamos convencidos de que conseguiremos recuperar a representación”

Xa podemos dicir que vas ser o candidato do Bng nas municipais do 2023?

Si, non é algo que anunciaramos, de feito o máis probable é que non fagamos un anuncio oficial senón unha presentación de candidatura pero xa tratamos a nivel local quen ía ser o cabeza de lista e, si, a responsabilidade vouna asumir eu.

No mandato do 2015 eras concelleiro e no 19 o BNG perdeu a representación que tiñades en Nigrán, e agora cales son as aspiracións realistas que tedes?

Desde logo recuperar a representación que nunca debemos de ter perdido algo que nós estamos seguros de que imos conseguir.

Por que?

O ambiente que pulsamos pola rúa así o indica .Vemos un clamor xeral sobre a imperiosa necesidade de corrixir á anomalía de que o nacionalismo estea fóra do Concello de Nigrán e neste tema sería pertinente penso eu analizar as causas que motivaron que perderamos esa representación

Cales foron?

Nas municipais do 2019 houbo un enorme tsunami socialista na nosa área que arrastroulles moito voto que habitualmente non teñen. En concreto en Nigrán esa onda levouse por diante ao PP, e a Nigrán decide. Curiosamente ao nacionalismo non. O que determinou que o nacionalismo non tivera representación foi a división pois por primeira vez na nosa historia houbo dúas candidaturas , a nosa e a de Manifesto Miñor, de claro perfil nacionalista

Manifesto Miñor desapareceu?

Home non sei que terán pensado, pero nestes catro anos , en Nigrán, estiveron completamente desaparecidos. Non fixeron absolutamente nada de política. O BNG como é tradición na nosa historia, esteamos nas institucións ou non, nunca deixa de facer política nin de estar presente nas distintos conflitos

Tivestes contactos con algunha destas persoas que foron na outra candidatura nacionalista?

Si, con algunha persoa si, de feito algunha está nestes momentos claramente connotada co BNG

E nestes anos fóra do Concello foi posible facer política?

É máis difícil desde logo, pero si a fixemos. De feito estes anos servíronnos a todos como aprendizaxe e fixéronnos constatar que é máis importante a organización que as institucións.

Como está a saúde do BNG de Nigrán?

Estamos no noso máximo histórico de afiliación, ese é un dato obxectivo. E hai outra parte máis subxectiva que se refire aos ánimos e ilusións e podo dicir que o que percibimos é que tamén están en máximos.

Valóranos o goberno do PSOE que encabeza Juan González?

A súa principal característica é a inacción. Este é un goberno que escapa dos problemas e que fai moi pouco. O que si fan é propaganda, iso si que o fan moito, por suposto pagada con cartos de todos os veciños e veciñas de Nigrán.

Pero entón por que , ao teu xuízo, ten ese resultado abafador 13 de 17?

Como che dixen antes pola onda favorable que tivo o PSOE no 2019, pola propaganda e por unha moi boa imaxe persoal. Imos ver canto é capaz de conservar nas eleccións do 2023.Polo que pulsamos nós xa hai colectivos que se dan de conta de que non é como se vende.

Recentemente o Bng de Nigrán amosou a súa preocupación polo estado da Foz. Está en mal estado esa paraxe tan fermosa?

Nun estudo que fixera a Universidade de Vigo cualificáraa como unha cloaca a ceo aberto. Hai poucas décadas había nese espazo un importante banco marisqueiro do que vivían moitas persoas. Agora está pechado por contaminación

De augas fecais?

Fundamentalmente de augas fecais. Iso é por varias causas, a máis importante o mal funcionamento da depuradora de Gondomar, pero tamén hai vertidos directos. A solución deste grave problema é un dos temas nos que o BNG fixo fincapé. Non digo que sexa fácil amañalo pero o que nos molesta é que non se faga absolutamente nada por tentalo. A protección do noso medio ambiente é esencial para nós, e ese é un punto que require atención pero non o único, pois hai máis problemas

Por exemplo?

A contaminación do río Muíños

No voso boletín falabades de supostos casos de enchufismo no Concello. Cóntame iso?

Nós o que dicimos é que para evitar calquera tipo de polémica a contratación de persoal temporal por parte da administración municipal debe de facerse a través de convocatorias públicas de emprego con absoluta transparencia.

Que pasa cos bombeiros do Val Miñor?

Hai un conflito grave de suposto acoso. Antes díxenche que a característica principal deste goberno é a Inacción e este é un exemplo palpable. O alcalde de Nigrán é o presidente da mancomunidade e a súa inhibición provoca que esteamos na situación que estamos. Quero recordar que a mancomunidade foi sancionada con 25.001€ pola súa inacción. E eses cartos pagámolos todos os cidadáns e cidadás do Val Miñor

De feito vós pedistes a dimisión de Juan como presidente da mancomunidade non?

Si, pedímola .Se el que ten as competencias non as asume entendemos que debe deixalo e dar paso a outra persoa que si as queira exercer.

Pare rematar;cales son, segundo o voso criterio, as principais necesidades que ten o concello de Nigrán?

A cuestión medio ambiental é un problema relevante que debería ser abordado con decisión algo que este goberno non fai. O Plan xeral, un goberno que ten unha maioría brutal como este non conseguiu aprobar un plan xeral, que tipo de goberno é?.Para nós é fundamental aprobar un plan xeral non para favorecer a construción nin a especulación senón para protexer espazos naturais , para crear solo dotacional e para crear vivenda protexida pois a súa escaseza é outra das eivas esenciais do noso Concello.

En Nigrán hai unha expulsión notable de persoas novas porque non poden acceder aos prezos disparatados da vivenda e son substituídos por poboación foránea de alto nivel adquisitivo o que é para o BNG intolerable.

Primer comentario

Deixa a túa opinión