Antón Lourenzo, veciño da Vila
Despóis do fracaso que supuxo a toma do recinto amurallado de Salvaterra, que tantas vidas custou, tendo finalmente que retirarse os portugueses por careceren de apoios para manteren a posición, continuamos neste doceavo capítulo coas operacións que de seguido describo.
Gobernaba neste tempo as armas do Reino da Galiza Don Martín de Redín i Cruzart, Capitán Xeral da Galiza entre 1642 e 1643, Prior de Navarra da Orden de S. Xoán, de antiga experiencia militar.
Este estaba moi contrariado polo sucedido en Salvaterra, que puxo en entredido a súa competencia militar, pois non contaba coa resolución do Xeneral portugués. Mesmo o povo se queixaba que deixara desocupada a fronteira mentras él se desprazaba a Pontevedra, que de estar el ao pé do canón, os portugueses non se atreverían a acometer tal acción.
Procurando restablecer o seu prestixio perante a opinión pública, xuntou un grande exército na vila de Celanova, na raia seca, oito leguas distante de Salvaterra deica o Levante. O Conde que non se descuidaba, cuns 50 soldados pagos, fortificou as entradas por onde os galegos o poidesen acometer.
Porén inda o Prior non tomara a decisión de facer entrada en Potugal, entraron uns de Castro Laboreiro en Celanova, causando inquietude entre os galegos, e mesmo chegaron a arrebatarlle dous “machos de liteira” de Don Diego de Oca, que gobernaba as armas daquela Vila.
Mostrando o Conde que tiña por aquel lugar moito poder, pretendeu atacar os galegos por diferentes partes. Mandou levar os barcos, que servirán para pasar a Salvaterra para dentro dunha enseada do río unda a Lapela, onde tiñan os galegos acuarteladas, dende o principio da guerra, o reduto de Porto con dúas compañías de soldados. Ficaba distante a tiro de arcabuz do Castelo de Lapela, estando perto dalí os lugares de Porto, Arantei e outros. Si conquistaban o reduto ficaban en boa posición para defender a pasaxe dos portugueses á Galiza, arredando o enemigo e a súa artillería da beira do río.
Molestáballe o Conde en grande medida a presenza do reduto de Porto e resolveu atacalo, para iso fixo a mudanza dos barcos referida, mandou vir dende a raia seca onde estaba, ó Capitán Pedro de Betancor de Freitas, axudante do Tenente Xeneral e ó Capitán Antonio Ferreira, o día dezasete de xullo de 1643, marchando con cen Infantes para esta ocasión.
O enemigo non se descuidaba en vixiar as acións portuguesas, porque o mesmo tempo que os portugueses comenzaran a querer pasar o río, comenzaron as descargas de fusilería, pois alén das tropas acuarteladas, tiñan os galegos gardas e centinelas o longo do río. Nembargantes os portugueses, con presteza e esforzo, tomando terra embestiron a peito descuberto as trincheiras e gañaron o reduto, mataron a nove daqueles que o defendían, os demáis emprenderon a fuxida.
Ao estrondo deste encontro acudiu rápido unha compañía de cabalos dos galegos, retivo ós que ían fuxindo e contraatacaron os portugueses que gallardamente se defenderon, matando a dous de a cabalo, fixeron prisioneiros a outros dous e xunto cos cabalos dos mortos, retiráronse. Un dos cabalos regalóullo o Conde o Mestre de Campo Datis.
Proseguimos no capítulo decimoterceiro relatando como intentou o Conde desfacer outro reduto na barra de Caminha, sen éxito, con anterioridade o ataque do reduto de Porto, concretamente o 2 de xullo de 1643.
Multiplicábanse os movimentos de tropas dun e outro lado da raia seca e do río, tratando o conde de Castel Melhor pór en confusión as tropas galegas gobernadas polo Prior de Navarra, de maneira que os galegos non souberan con certeza onde ían levar o seguinte ataque.
Fronte a barra de Caminha edificaran os galegos un reduto, oposto a outro portugués, ambos defendían o ancho paso e ambos sen artillería. Ningún se podía atacar sen barcos, de xeito que calqueira movemento constituía unha acción perigosa, pola braveza das augas , sendo preciso contar con marea alta e vento favorable.
Ese día mandou o Conde embarcar sesenta soldados a cargo do Capitán Thomé de Poços, para que fosen desfacer o reduto. Enviou orde a Ruy Pereira Souto Mayor, Alcaide Maior e Gobernador da vila de Caminha, se embarcase nunha galera grande para dar apoio os barcos dos soldados e tratar de por en fuxida o enemigo. Enviou a orde a través do Capitán Fernão Lobo de Mesquita que a súa vez llelas trasmitiu o Sarxento Maior Luís de Oliveiros Fàmel.
Navegaron dereitos na pasaxe que se fai de Caminha á Garda, onde os galegos tiñan centinelas e unha compañía de guarnición. Apareceron dende terra un lote de cinconta soldados que a tiro de mosquete non consentiron o desembarco dos portugueses. Foron estes remando contra o vento até chegar perto do reduto, seguidos en terra polos galegos que recibiron reforzos de outros cuarenta, alén de oito de a cabalo, non cesando de facerlles descargas.
Estando xa perto do reduto, viron o gran perigo que corrian caso de desembarcar, non podendo ser socorridos tampouco por Rui Pereira, pois o galeote ía contra corrente e con vento tamén desfavorable. Chegaron a disparar cinco tiros dunha peza que levaba, que non foron efectivos pola distancia. Así uns e outros tornaron contrariados por non lograr o obxectivo desexado.
Cóntase no capítulo catorce a toma de Dasteriz e outros lugares na Galiza. Dasteriz é lugar próximo a Ponte Barxas, na raia seca de Portugal coa Galiza, ben poboado, onde había aduana. Tendo o Conde mostrado ó enemigo estrondo de armas na barra de Camiña, para facer ver que tiña alí todo o séu poder, amañeceu a día seis do propio mes de xullo de 1643, no lugar de Dasteriz, doce leguas distante.
Marchava na vangarda o Capitán Duquiné Francés, con cen Infantes escollidos e pagos da súa compañía, gobernados polo séu Alférez Lanut, outro cento da compañía do Gobernador de Melgaço polo séu Alférez Miguel da Cunha. A compañía do Capitán Antonio Rodrígues, gobernada polo séu Alférez Theodosio de Mattos e o axudante do Tenente Pedro de Betancor de Freitas. Na retagarda os Capitáns Antonio de Queirós Mascarenhas, Antonio Ferreira e Don Joaõ de Sousa, Capitán Maior de Melgaço.
Foron marchando até unda a ponte, onde fixeron alto a unha ou duas horas da media noite. Descubertos polos centinelas galegos, que con gritos, repique de campás e toque de caixas, xuntaron os soldados que puideron para sair ao encontro.
Xa sabía polos espías o Sarxento Maior Luís de Oliveiros que don Fadrique de Valadares e Ozores, estaba perto con oitocentos homes, porque Dasteriz, Condado e Lordelo son lugares situados entre montes e vales, que pola súa aspereza ate o presente non tiñan sido acometidos e ordenou ao Capitán Duquinè tomase as partes elevadas dende onde os galegos podían ser controlados, e fíxoo con tal dilixencia que na mesma ación queimou e destruiu o lugar de Dasteriz. Porén lanzáronse os galegos sobre eles con ímpetu pero de nada valeu, pelexaron os portugueses con tanto valor que obligaron ós galegos a retirada, inda recibindo reforzos doutra tropa que procurou tomar unha elevación e así impedir o paso os portugueses, e cargar de novo sobre eles que ficaban no baixo dun monte, pero prevenidos deste movimento polo Alférez Lanut, adiantáronse e con trinta e cinco homes ocuparon a posición.
Os puntos elevados foron dominados sempre polos portugueses ate que voltaron a Portugal, de forma que querendo os galegos subir o alto, toparon tanta resistencia que os obligaron a retirada dereitos o río Miño. Alí atopáronse coa compañía de Antonio Ferreira e Don João de Sousa, recibíronos con cargas de tal xeito que uns ficaron mortos no campo, outros afogados no río, outros feridos e outros fuxidos. Entre estes últimos, o Abade de Padrenda que vadeou o río nun cabalo. (Neste punto o autor deste relato, apunta veladamente, a grave acusación de traición do Abade, por presuntamente aconsellar o Conde que non andara con asaltos polo río, mellor que entrara pola raia seca). Sexa como for, cando foron a por él, fuxiu.
A resultas deste ataque os lugares foron saquedos e queimados, lograron capturar moito gando que por alí pastaba, ficaron uns cuarenta galegos mortos, dos afogados e feridos non se sabe o numero, dos portugueses só un morto e outro ferido. Na retagarda tiñan os galegos máis tropas que cairon nunha emboscada dirixida por Dom João de Sousa que os fixo recuar, co cal poideron voltar a Portugal sen máis tropezos.
Salvaterra de Miño, 15 de setembro do 2022
(Por João Salgado de Araujo, Abade de Pera. Biblioteca Nnal. Lisboa, 1644.)