O 14 de agosto de 1921 un grupo de salvaterrenses encabezados por Manuel Puente, que como tantos galegos e galegas ao longo da nosa historia tiveron que padecer o drama da emigración, na capital de Arxentina fundaban a asociación de residentes de Salvaterra de Miño en Buenos Aires. Hoxe, máis dun século despois , a asociación mantén o seu latexo con afouteza ao abeiro de máis de 300 socios e socias que , con grandes esforzos, son capaces de que un curruncho de Salvaterra de Miño estea vivo a ,máis de 10.000 Kmts de distancia desta fermosa vila do país galego. A asociación naceu coa intención de axudar á veciñanza de Salvaterra que tivera necesidade de axuda, e con esa finalidade compraron o terreo e construíron a antiga casa do pobo , a actual casa da música. Esta edificación foille roubada, literalmente roubada no ano 1936 polo estado franquista, que incautou a casa a cambio de nada. O actual presidente da asociación, José García Barros, laiase do desleixo do goberno municipal que deixou en saco roto supostas promesas do anterior alcalde para compensarlles economicamente polo roubo e non só iso, senón que nin sequera lles informou da inauguración do que hoxe é a casa da música.
José García presidente da asociación de residentes de Salvaterra de Miño en Buenos Aires
“É de xustiza que as novas xeracións de Salvaterra coñezan a nosa historia: A actual casa da música foi unha construción pagada pola nosa asociación coa intención de axudar ás persoas necesitadas de Salvaterra, que nos foi roubada, literalmente roubada no ano 1936, e pola que nunca recibimos a máis mínima compensación. E o máis doloroso é que o actual goberno municipal nin contou con nós para nada, nin se molestaron en informarnos de nada referente a unha propiedade que existe grazas á nosa asociación”
Ti naciches en Salvaterra Jose?
Si, nacín na parroquia de Meder en 1951.E funme para Arxentina sendo aínda un neno, en 1957
Con quen te fuches?
Coa miña nai e coa miña irmá un ano maior ca min. Fomos a xuntarnos co meu pai que xa se marchara moi pouco tempo despois de ter nacido eu.
Xa fixeches a túa vida na Arxentina?
Si, estudei, traballei e formei unha familia aquí. Sempre estiven no sector do metal, de feito retireime o ano pasado despois de 48 anos na mesma empresa. A última vez que estiven en Galicia foi hai 12 anos, antes , tiven a sorte de poder ver á miña avoa, 35 anos despois de ter emigrado de Salvaterra
Caramba , que emocionante?
Absolutamente. Ademais tiven a oportunidade de levarlle aos meus dous fillos para que coñecesen á súa avoa e foi un encontro realmente precioso
Cando entraches en contacto coa asociación?
A través de Neter Mariño, un tío meu cuxo pai fora alcalde de Salvaterra na década dos anos 20 do século pasado, e de Ricardo Domínguez, que foi presidente antes ca min
Os anos 20 do século XX foron importantes para asociación, verdade?
Si, foi a época na que se mercou o terreo en Salvaterra na que se construíu o que daquela era a casa do pobo e hoxe é a casa da música. Esa casa, comprada na época de Manuel Puente, o noso presidente e fundador, era propiedade da nosa asociación ata que nola expropiaron
Quen vola expropiou?
O réxime franquista. Isto foi no ano 36, pronto fará 100 anos do roubo que nos fixeron. E malia termos todos os documentos, planos contrato co construtor e escritura da propiedade, e pasarmos por todo tipo de congostras nunca puidemos rescatar a propiedade incautada.
Antes de expropiárvola que uso lle dabades a esa edificación?
Faciamos beneficencia para o pobo de Salvaterra. Eu teño os libros de actas de todos os cartos que mandaba a nosa sociedade para atender as necesidades das persoas máis desfavorecidas do noso pobo de orixe. Nós fomos unha sociedade moi potente, fíxate que ata o ano 1966 tivemos rexistrados 1.000 socios
Só faciades beneficencia coa xente de Salvaterra?
E cos salvaterrenses que chegaban aquí tamén .O noso presidente, Manuel Puente, ocupábase de conseguir traballo e aloxamento para as persoas de Salvaterra que viñan aquí e non o tiñan
Actualmente cantos socios tedes?
Algo máis de 300.A nosa vontade sempre foi ir progresando, de feito estivemos moitos anos sen termos un local físico e foi algo, que con moito esforzo, puidemos facer no ano 2007.O noso grupo de socios é marabilloso e colaboran desinteresadamente de maneira admirable. Para nós a nosa casa é un anaco de Salvaterra, o noso anaco de Salvaterra, no mundo. De feito cando dous socios quedan alí todos din o mesmo” quedamos en Salvaterra”
Cales son as principais actividades que desenvolve a sociedade?
Estivemos dous anos pechados, coincidindo coa pandemia. Agora estamos retomando as nosas principais actividades que basicamente teñen que ver coa cultura e as tradicións do noso lugar de orixe: Baile galego, gaitas, pintura…A nosa finalidade consiste en colaborar en proporcionarlle benestar aos nosos socios e socias.
Inicialmente a sociedade tiña outro nome non?
Si, Unión progresista do distrito de Salvaterra de Miño, así foi fundada e así viviu ata que nunha asemblea no ano 1998 acordouse cambiar o nome polo que temos na actualidade.
Que tal se porta o Concello de Salvaterra con vós?
Ignóranos totalmente
Pero esa situación acontece desde cando?
Desde a última etapa de goberno de Arturo Grandal. Facíanos moitas promesas e todo se quedaba en promesas. Coa actual alcaldesa non é que teñamos mala relación, de feito sempre nos atende de maneira cordial. Pero a promesa de recoñecer os nosos dereitos sobre a casa da música e de recompensarnos de algunha maneira quedou, lamentablemente, en nada. E o que máis me doeu foi que a inauguración da casa da música fíxose sen avisarnos. Eu sóubeno por terceiras persoas e cando o resto de socios coñeceu a nova sentíronse terriblemente decepcionados. A implicación do goberno de Salvaterra , na actualidade, é inexistente.
Cales son as principais necesidades e problemas que ten a comunidade de salvaterrenses en Buenos Aires?
Son problemas puramente económicos. Arxentina está pasando por momentos moi difíciles e maioría de socios son persoas maiores que viven dunha renda pequena co que a captación de recursos económicos resulta enormemente complicada.
Cando as persoas da túa xeración xa non esteades temos relevo?, hai persoas de 30 ou 40 anos que poidan ter interese en seguiren dirixindo á asociación?
Si, hai fillos e netos que na actualidade son socios sabemos que teñen moita ilusión en continuar cunha institución que xa ten 101 anos de historia