Endesa reclámalle ao Concello de Mondariz unha débeda de 144.385€ e inicia os trámites para a suspensión do subministro eléctrico

Endesa reclámalle ao Concello de Mondariz unha débeda de 144.385€ e Inicia os trámites para a suspensión do subministro eléctrico

Mondariz, 11 de novembro do 2022

Alternativa por Mondariz amosa a súa preocupación pola situación económica do Concello, que tamén debe máis de 152.278 euros ao concello de Mondariz Balneario

O pasado 26 de outubro a compañía ENDESA comunicoulle por escrito ao Concello de Mondariz que a débeda pendente con esta empresa subministradora de electricidade é de “144.385,75 euros siendo el importe de la misma con antigüedad mayor de 60 días, y por lo tanto vencida y exigible de 81.952,30 euros”. A empresa pon en coñecemento do Concello que “nos vemos obligados a iniciar los trámites de suspensión del suministro para los contratos no esenciales, acción que se llevará a cabo de mantenerse el impago”.

A maiores a empresa CORREOS, que mantén co Concello de Mondariz un contrato para a prestacións de Servizos Postais e Telegráficos reclamoulle por escrito o pasado 13 de outubro o pagamento de 910,51 € que tamén debe correspondente a comunicacións postais dos meses de abril, maio, xuño e xullo. Correos infórmalle que “la cantidad adeudada debe efectuarse sin más demora se les requiere formalmente para que en el plazo de DIEZ DÍAS NATURALES desde la entrega de esta comunicación”.

Á vista destes impagamentos e doutra débeda que lle reclama o Concello de Mondariz Balneario por valor de máis de 152.278 € en concepto de depuración de augas residuais dos anos 2019, 2020 e 20211 , Xoán C. Montes Bugarín, portavoz de Alternativa por Mondariz, quere facer pública a súa preocupación pola situación económica que atravesa o Concello pola súa elevada débeda. O portavoz da forza política máis votada nas últimas eleccións municipais pídelle ao goberno municipal seriedade e responsabilidade na xestión do diñeiro público para non hipotecar o concello durante os próximos anos, o que obrigaría ao próximo goberno municipal que saia das urnas o vindeiro mes de maio de 2023 a recortar, ou mesmo anular, os investimentos públicos necesarios para mellorar os servizos públicos que presta.