Tomiño ultima a estrea da área para autocaravanas no Seixo

Tomiño ultima a estrea da área para autocaravanas no Seixo

Contará con seis prazas e agarda colleitar o mesmo éxito que a zona habilitada en Goián, cunha alta ocupación e excelentes opinións das persoas usuarias

O Concello quere agradecer a colaboración da Comunidade de Montes de Tomiño, que xa cedera o terreo vinculado á Policía Local

Tomiño, 20 de decembro de 2023

Tomiño comezará o novo ano estreando a nova área de autocaravanas do Seixo. A alcaldesa, Sandra González; o vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Julio Martín; concelleiros e concelleiras municipais e membros da directiva da Comunidade de Montes de Tomiño visitaron a zona para autocaravanas situada no aparcadoiro fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha, que entrará en funcionamento en breve.

Esta nova área de aparcamento para autocaravanas ten seis prazas sinalizadas que contarán cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado de perímetro.

A actuación para a habilitación desta área contou cun investimento de 40.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e permitirá ás e aos visitantes deixar os seus vehículos nunha zona a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.

“O turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo que trae a moitas e moitos visitantes a Tomiño, como podemos ver dende a apertura da área de Goián, que ten unha grande acollida, cunha alta ocupación e excelentes opinións por parte das persoas usuarias”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora sinalou que coas dúas áreas de autocaravanas en activo “seguiremos dando pulo a un turismo de calidade que permita ás persoas visitantes achegarse e deleitarse con todos os atractivos do noso territorio. Este turismo é un activo para a economía local e sitúa ao concello de Tomiño como un destino coñecido e relevantes nas rutas das e dos autocaravanistas”.

O Concello quere agradecer á Comunidade de Montes de Tomiño a súa constante colaboración e a cesión hai anos tanto dos terreos como a edificación situados nesta zona, que foi reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social. A alcaldesa recalcou que “é un orgullo contar cunha Comunidade de Montes que sempre se presta a colaborar no interese dos veciños e veciñas”.