O Concello está traballando na limpeza das pasarelas de madeira para evitar riscos para a veciñanza e cubrindo fochancas, ademais de realizar os labores habituais de mantemento
Tomiño, 25 de febreiro de 2021.
O Concello de Tomiño continúa coa posta a punto das sendas e sendeiros do municipio, zonas que nos últimos meses viron incrementado de forma considerable o seu número de usuarios e usuarias. Así, o Departamento de Obras está arranxando e realizando os labores de mantemento de varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a veciñanza poida pasear e facer exercicio nas mellores condicións.
A senda do Río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello do Rosal, é unha das máis empregadas polos tomiñeses e tomiñesas. Para garantir a seguridade de todos os usuarios e usuarias, o Concello está limpando esta senda e a que vai dende San Roque ata o río cunha máquina hidrolimpadora para eliminar o verdello ou calquera resto que faga que estas superficies sexan escorregadizas, sobre todo nas zonas máis sombrías, evitando así riscos de caídas.
Ademais tamén se están arranxando desperfectos e realizando os traballos de mantemento habituais, como cubrir fochancas ou limpar e restituír o xabre, facendo que a senda quede moito máis transitable.
O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salientou que nunha época con tantas restricións son moitos os veciños e veciñas deciden empregar as sendas e camiños de espazos naturais como alternativa de lecer tanto para pasear como para facer exercicio. Por ese motivo, e tendo en conta ademais o mal tempo dos últimos meses, era “primordial concentrar esforzos no acondicionamento e mellora das zonas de paseo e esparexemento no municipio”.