Xurxo Gregorio
Entrevistamos a Paulo Carlos López López, nado en Bergondo no 1985, pero betanceiro desde a súa infancia, Doutor en Ciencia política e Comunicación. Un profesor universitario, que xa deu clases no Ecuador, Arxentina, Chile e Portugal, xornalista, pero sobre todo político e desde hai pouco voceiro de Sumar Galicia.
“ As tres patas de Sumar son: O progresismo,o ecoloxismo e o feminismo”
Os datos biográficos e sobre todo o currículum académico realmente impresionan un pouco, pero, quen é realmente Paulo Carlos López?
Paulo Carlos López é un cidadán máis que desde os 16 anos militou no sindicalismo estudantil e en organización políticas xuvenís de esquerda. Un mozo que tivo que emigrar polas políticas do Partido Popular e que tras anos fóra atopouse o país peor que o deixou. Un país sen oportunidades para a xente nova e que segue obrigando a persoas formadas a irse na busca de oportunidades que aquí non hai.
E outra cousa que considero é importante é o saber, que é exactamente Sumar Galicia?
Sumar Galicia é un movemento político cidadán. Definímolo así, en primeiro lugar, porque é porque quere fuxir dos espazos pechados que representan en moitas ocasións as diferentes culturas do partidos políticos e abrirse a tod@s os cidadáns e cidadás e ás súas reivindicacións.
Definímolo como movemento cidadán, en segundo lugar, porque existe unha ampla apertura ás reivindicacións dos diferentes sectores da cidadanía galega que se quere achegar á política, e ten moito que aportar. Estamos dialogando con moitos destes actores sociais e profesionais para achegarnos ás súas reivindicacións e facelas nosas. Temos contacto desde hai meses con colectivos coma enfermeiras en loita, bombeiros, avogados de quenda de oficio e mariscadoras e mariscadores e moitos outros sectores agredidos que se senten interpelados por un espazo como o noso que os escoita e que realmente o que queremos facer é levar todas as súas demandas máis directas a un programa electoral e de goberno. Sumar Galicia é un espazo político onde se recoñecen persoas que camiñan ou que entenden a vida política e a sociedade sobre tres patas. Estas tres patas son en primeiro lugar as reivindicacións progresistas e da esquerda, o ecoloxismo sería a segunda pata, aspiramos a unha Galicia na que se protexa o medio ambiente e na que se creen empregos verdes e onde se insista en que non temos outro planeta e temos que coidalo e como terceira pata o feminismo. Cremos na transformación da sociedade ven pola forza das mulleres.
Sumar Galicia é polo tanto un movemento político cidadán que se sustenta no progresismo o ecoloxismo e o feminismo. Apelamos a todos os actores e a todas as persoas que se senten identificadas con estes tres piares a unirse a nós.
Moi ben con eses tres piares e, Como enfiamos o piar galeguista?
Sabía que me ías facer esa pregunta, outro dos sinais de identidade de Sumar e que recoñece a plurinacionalidade do estado. ¿Que significa isto? Significa que Sumar Galicia aposta decididamente por aumentar o autogoberno de Galicia e construír un estado español no que se respecten todas a linguas, todas e identidades culturais e cremos que existe un espazo político, no que se sinte moi cómodo sumar, onde a plurinacionalidade é algo máis que cosmética, son feitos concretos. Apostamos por unha reforma do regulamento para que se poidan usar as linguas no congreso, pero temos que ir moito máis aló, reivindicamos máis competencias, xa que nos últimos 15 anos non houbo ningunha competencia nova en Galicia e temos que apostar por un modelo de financiamento xusto para unha Galicia historicamente discriminada.
Temos unha visión do país en rede, cremos nunha Galicia interconectada co Norte de Portugal e que teña peso no estado e con peso político ante a Unión Europea. O noso galeguismo non é só cosmético, fundaméntase nunha Galicia nun estado plurinacional e que se se recoñece a si mesma e que ten vocación de exercer de si mesma.
Cal é a relación de Sumar Galicia con as forzas parlamentarias de oposición en Galicia?
Nós témolo claro o cambio en Galicia ten que ser a tres ou non haberá cambio. Temos que colaborar con PSdeG-PSOE e BNG para artellar unha alternativa política en Galicia. Estamos vendo a destrución do país por parte do Partido Popular sería irresponsable non remar os tres xuntos na mesma dirección para acadar o cambio político.
Ten Sumar Galicia o apoio das antigas mareas municipalistas?
Sumar foi a terceira forza política en Galicia nas pasadas eleccións xerais do 23 de Xullo. Temos base social en Galicia para iniciar un proxecto e contamos con moitas persoas que teñen aval suficiente na política como para presentarse a unhas eleccións, persoas cunha biografía que mostra o seu compromiso cos valores que pretendemos representar. Queremos ampliar o espazo progresista e o que temos claro é que Sumar Galicia é un espazo novo que achega un capital político novo.
Sumar Galicia é un espazo máis amplo que apela a moitos máis sectores sociais que os proxectos e partidos políticos que existían ate o momento. Acaba de unírsenos Juan Díaz Villoslada unha persoa cun historial progresista a considerar. Sumar Galicia é a forza progresista que máis se parece á cultura progresista en Galicia. A nosa misión é ofertar un espazo político no que teñan cabida todas as persoas que teñan un sentimento progresista en Galicia.
Falas de unir pero acabades de sufrir unha ruptura con podemos, Como cres que pode afectar iso a Sumar Galicia?
Sumar Galicia segue no mesmo lugar que antes. Nós abrimos as nosas portas a todas as forzas políticas progresistas e entendemos que teñen cabida neste espazo. Son outros os que se moveron e que terán que dar explicación onde as teñan que dar.
Ti militaches no BNG en tempo pasados, Como crees que te recibirán?
Teño un pasado no BNG é innegable, onde incluso ocupei postos de responsabilidade. Estou en Sumar Galicia porque penso que sintetiza mellor as dúas columnas sobre as que se sustenta a miña forma de pensar, por un lado o progresismo, a esquerda e por outro as reivindicacións nacionais de Galicia. Como nos recibirán as outras forzas políticas, pois espero que ben xa que todos somos necesarios para a cambio político en Galicia.
Nós desexámoslle os maiores dos acertos a todas as forzas políticas progresistas porque os seus acertos serán os nosos acertos. So espero colaboración das outras forzas políticas progresistas para crear unha alternativa crible na Xunta.
Será posible unha coalición a nivel Galicia co PSdeG-PSOE o igual que existe coalición no goberno do estado?
Sumar Galicia e PSdeG-PSOE somos forzas políticas distintas pero complementarias. Somos forzas políticas distintas porque temos unha distinta idiosincrasia pero somos forzas políticas complementarias porque ambas aportamos os nosos valores que se mostran no goberno do estado. A coalición do goberno en Madrid ratificada polas urnas nas últimas eleccións xerais é un exemplo do que pode pasar en Galicia, nós aspiramos a reeditar a coalición do goberno do estado en Galicia. A coalición no goberno do estado demostra o éxito da cultura política de coalición que deberíamos instaurar en Galicia, por iso debemos de tomar nota e reproducilo.
Saíu hai pouco nos medios que Anova rexeita o voso convite a unirse a Sumar Galicia, que consideración che trae ese feito?
Nós estamos artellando unha forza que pretende integrar a todo o espectro progresista e convidamos a Anova a unirse a nós, se eles o que queren e poñerse de perfil é cousa deles. É momento de unir esforzos, os que non queiran cousa deles.
Cal é a vosa relación coas forzas sindicais galegas?
Sumar Galicia é a forza política que máis se parece á Galicia progresista, por tal motivo contamos con persoas na nosa Comisión Promotora pertencentes ás diferentes centrais sindicais galegas. Entre a nosa militancia hai xente afiliada á UXT, CC.OO. e CIG, principais centrais sindicais de Galicia e todos colaboran neste proxecto amplo e integrador.
A destacar a presenza de Ramón Sarmiento, Ex-Secretario Xeral de CC.OO. Galicia, Laura García Parada, responsable de dereitos LGTB de UXT-Galicia, así como de diversos delegados sindicais da CIG como son Alberte Muíño e Rocío Núñez. Sumar Galicia é a confluencia de todas as sensibilidades progresistas deste país por iso como somos a forza que máis se parece á sociedade progresista galega, temos xente de todas as centrais sindicais.
Supoño que todos eses contactos con organizacións sindicais e colectivos Terán o obxectivo dun programa político, en que se vai basear o voso programa?
O noso vai ser un programa electoral participativo a través dos procesos de escoita onde se van integrar os principios da esquerda e colaborar cos distintos sectores sociais. Entre os proxectos que temos está a elaboración dun plan piloto en colaboración con 100 empresas galegas para a redución da xornada laboral.
Consideramos que outro dos grandes problemas da sociedade galega é o da vivenda, na actualidade so un 1% da vivenda en Galicia é vivenda pública protexida. A media na Unión Europea é do 10% e dada a suba do prezo dos alugueiros e inaccesibilidade á compra para gran parte da sociedade é esencial promover vivenda pública protexida e que as vivendas baleiras están o servizo de alugueiros sociais.
O combater a pobreza será outro dos piares do noso programa, aumentado as partidas adicadas a iso, e consideramos preciso crear unha rede pública de coidados. O coidado das persoas con discapacidades é un traballo que case sempre recae nas mulleres e consideramos necesario aliviar esa presión.
No eido industrial Galicia perdeu 40.000 traballos do sector industrial nos últimos 14 anos,a Xunta de Galicia debe facer algo máis que incentivos económicos. Ten que haber incentivos formativos, tecnolóxicos e sociais para que as empresas queden no país e os traballadores teñan unas condicións de vida óptimas.
Cal será a vosa política lingüística?
A situación do galego é terrible en todos os aspectos, con perda de falantes nas cidades e no rural a xente nova non fala nin en moitos casos coñece ou ten suficiente capacidade para falar en galego. Consideramos que son necesarias políticas lingüísticas activas para tentar reverter esta situación, sendo preciso elaborar programas de inmersión lingüística en Primaria e Secundaria que reforcen a comprensión do galego fronte o analfabetismo na nosa lingua que provocan as políticas educativas actuais. Debemos establecer políticas de discriminación positiva nos espazos culturais, sociais para fomentar o uso do galego, así como os propios representantes políticos que deberían usar máis a lingua galega.
Nós apoiamos a todas as organizacións culturais e de defensa da lingua que defenden o uso do noso idioma e estaremos do lado de todas as iniciativas de defensa do idioma galego. O incremento do uso social da lingua é necesario para a súa conservación. A deslocalización da produción cultural e a aparición de plataformas dixitais fai necesario o chegar a acordos para fomentar a emisión de espazos culturais e produción no noso idioma.
A nivel deportivo, considerades a participación de combinados galegos en competicións internacionais?
O razoable é que haxa un diálogo coas asociación deportivas internacionais sobre a participación de seleccións subestatais en competicións internacionais . Todo é cuestión de falalo.
Xa para rematar e facendo política ficción ou máis ben predicións políticas: a aparición tanto de Sumar como de Democracia Orensana ameazan con rematar co tripartidismo PP, BNG, PSOE tradicional en Galicia, agás na época de AGE e as Mareas. Cal é a túa visión sobre o resultado das próximas eleccións autonómicas galegas?
A miña visión é que se Sumar está no próximo parlamento de Galicia haberá cambio. Nestas vindeiras eleccións danse dúas posibilidades. Estas posibilidades son a coalición progresista PSdG-PSOE, BNG, Sumar ou ben a coalición PP e Vox con Jácome. Está nas mans dos galegos e por suposto das forzas políticas que concorremos a estas eleccións .
